Entradas coa etiqueta ‘urbanismo’

O noso compromiso con Teis: urbanizar o último tramo da AP9

Venres, Febreiro 11th, 2011

Atravesado pola autoestrada e polas vías do tren, o barrio de Teis é vítima da súa situación xeográfica, na entrada norte de Vigo. Está cortado por dúas vías de transporte que dificultan a súa comunicación interna, cos conseguintes problemas de contaminación acústica e visual. É por iso que o BNG, desde o ano 2001, está traballando para conseguir que o último tramo da autoestrada poida converterse nunha vía urbana xestionada polo concello. Hoxe de feito,  a deputada viguesa do BNG, Olaia Fernández Davila e mais eu reunirémosnos con distintos representantes sociais e veciñais de Teis para tratar sobre este asunto.

Foi precisamente no 2001 cando desde o goberno municipal liderado polo BNG se lle solicitou ao ministerio de Fomento (presidido por Álvarez Cascos) a cesión deste tramo. Non foi posible pola negativa do goberno estatal do PP e da empresa concesionaria da autoestrada. Hai uns días, Olaia volvía levar esta proposta ao Congreso. Pero agora quen dixo non foi o ministro José Blanco. Como xa teño dito, non se pode falar da ampliación da ponte de Rande ou da autovía alternativa sen peaxe Vigo-Pontevedra ao tempo que se ignoran as xustas demandas dos veciños e veciñas de Teis.

Pero, qué beneficios traería para Teis e para toda a parte norte de Vigo a cesión da AP9? (máis…)

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

O plan virtual do PP

Martes, Maio 4th, 2010

32 millóns de metros cadrados. Esa é a superficie á que afecta o Plan de Ordenación do Litoral (POL) elaborado pola Xunta do Partido Popular. Detrás desa cifra hai centos de veciños e veciñas afectados, espazos da cidade sensibles medioambientalmente e núcleos de poboación consolidados. Sen embargo, á vista do que recolle o documento, o PP é totalmente alleo a esta realidade. Non podemos sorprendernos. É o que acontece cando se traballa sobre mapas virtuais e se axustan as conclusións a intereses políticos.

Non hai no documento nada que evidencie o compromiso do PP coa protección do litoral, un dos grandes tesouros da nosa cidade. Lonxe do que se di, non é un plan para a conservación, é un plan para a destrución. Afecta gravemente ao crecemento e ordeamento urbanístico da cidade, está elaborado sen criterio, nin rigor e non se axusta á realidade do planeamento urbanístico de Vigo.

O que debería ser un documento que protexera zonas sensibles, como pode ser a ría, esquece cuestións tan fundamentais como delimitar a expansión do Porto, pero consolida regatos hoxe xa inexistentes con afeccións de 250 metros. Pon en serio risco a rexeneración da praia de Samil, pero mantén urbanizacións que o anterior goberno bipartito quería eliminar. Así é como entende o Partido Popular a protección do litoral.

É unha forma de actuar certamente sospeitosa, aínda máis se temos en conta que en Vigo tiñan que esforzarse ben pouco para elaborar o POL. Só debían asumir o PXOM, que está totalmente adaptado á lexislación medioambiental vixente. Non se entende que contando cun Plan Xeral, recentemente aprobado e que o PP respaldou no seus aspectos medioambientais, agora elaboren un documento que non o respecta e que pon en xogo o desenvolvemento futuro da cidade.

Nada explica, nin xustifica este Plan de Ordenación do Litoral. Si o Partido Popular non agocha intereses oscuros nel, ten que demostralo e debe adaptalo ao PXOM ou retiralo.

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

A reconquista do Casco Vello

Luns, Novembro 23rd, 2009

Vigo naceu como cidade ao carón do mar e foi espallándose ata crear a configuración urbanística que hoxe ten, dándolle as costas ao que foi a súa orixe como cidade. Durante moitos anos o casco histórico no que agromou Vigo foi o grande esquecido. Ao tempo que a cidade medraba, o Casco Vello esmorecía. Pouco a pouco foise degradando urbanisticamente, perdendo poboación e converténdose nunha illa no centro da cidade. Pero esa situación está a mudar. Hoxe calquera que pase polo barrio poder comprobar que algo está a cambiar e que a súa rehabilitación integral está a deixar de ser unha quimera.

Cando aceptei a miña responsabilidade como tenente de alcalde e concelleiro de Cascos Históricos asumín o firme compromiso de conseguir que o Casco Vello “reviva”, que sexa de novo o sinal da nosa identidade como cidade. É unha tarefa na que os nacionalistas estamos absolutamente implicados e que empeza a dar xa os seus froitos.

As actuacións que estamos a desenvolver abranguen a rehabilitación de edificios, pero tamén a dinamización social, a mellora da calidade de vida dos seus veciños e veciñas, a reforma do entramado viario ou a mobilidade. Porque a reconquista do Casco Vello precisa dunha actuación integral que recomponña todas as pezas deste gran puzlle que é a zona histórica. Nestes dous anos desde o Concello de Vigo tense destinado ao Casco Vello o maior investimento directo da súa historia. Dos orzamentos municipais saíron máis de 6 millóns de euros para a recuperación da zona antiga e o vindeiro ano intensificaremos ese ritmo inversor. A ese orzamento hai que engadir outros 10 millóns de euros do Plan de Investimento Local que quixemos destinar ao barrio, así como os máis de 18 millóns de euros adicados polo Consorcio do Casco Vello á rehabilitación de inmobles. Sen dúbida, nunca antes se achegaron tantos fondos para facer que sexa de novo o cerne da cidade.

As obras que enchen o casco histórico son a mellor proba de que hai un compromiso político firme pola súa recuperación. Á reforma de 19 rúas e á rehabilitación de ao redor de 60 edificios que se desenvolven desde o Concello e o Consorcio, hai que engadir as axudas aos particulares para a rehabilitación de fachadas e cubertas e actuacións en interiores en vivendas e locais comercias. Os proxectos para a apertura da Pinacoteca e o Centro Fotográfico Galego, o programa de limpeza de pintadas, os Coidadores do Barrio, a intalación dunha rede de banda ancha Wimax… son algunhas das pezas que estamos artellando para rematar o puzzle.

Un puzzle no que xoga un papel fundamental a mellora da mobilidade. É unha peza clave conseguir que os desprazamentos polo barrio sexan cómodos e accesibles e que exista unha boa conexión entre as zonas alta e baixa do casco histórico. Precisamente ese é un dos obxectivos da reforma do entramado viario que estamos a desenvolver, cun orzamento de 10 millóns de euros. Nomeadamente a remodelación do eixo Porta do Sol-Elduayen-Paseo de Alfonso vai ser un aspecto determinante para mellorar a conexión entre a parte alta e baixa do barrio. Deixará de ser unha barreira que separa para transformarse nun espazo de unión do barrio e encontro da cidadanía.

No plan de mobilidade que temos para o Casco Vello inclúese tamén a proposta do servizo de transporte público con microbuses eléctricos que poñeremos en marcha o vindeiro ano. Aínda que a nova Xunta desbotou financiar o proxecto do funicular para unir O Berbés co castelo de San Sebastián, como tiña previsto a anterior Consellería de Vivenda, estamos decididos a levar o proxecto adiante, xa que entendemos que é básico, non só para facilitar as comunicacións do barrio, senon tamén para a rexeneración dunha zona tan emblemática como O Berbés.

É certo que aínda queda moito traballo por diante para conseguir que o Casco Vello estea na súa totalidade rehabilitado, pero ninguén pode poñer en dúbida que a transformación é xa un feito. Alomenos no cincuenta por ciento do barrio é xa tanxible, é unha realidade. Nestes dous anos temos iniciado un proceso que non ten volta atrás, un proceso que fará que a cidade recupere para a cidadanía o lugar no que naceu.

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame