Entradas coa etiqueta ‘sanidade’

A iniciativa da fundación Menela no Día Mundial do Autismo

Xoves, Abril 7th, 2011

Unha das cousas máis fermosas neste mundo é ver o sorriso dun neno ou dunha nena. Algo que, a priori, podemos atopar nas rúas da nosa cidade, cando chegamos a casa desde os nosos traballos. Pensamos que é algo normal, e que xurde de xeito máxico por cada recanto da cidade. Con todo, a realidade é moi distinta, tal e como distintos son os sorrisos. Moitos pais e nais traballan diariamente para o sorriso dos seus fillos, especialmente os que teñen fillos con algún tipo de discapacidade.

O pasado 2 de abril, Día Mundial do Autismo, a Fundación Menela celebrou coa apertura dunha aula multisensorial para nenos e nenas con trastornos do espectro autista. Tiven a oportunidade de acompañar a miña compañeira de corporación Iolanda Veloso. E debo dicir que foi emocionante ver como hai persoas que están comprometidas en facer a vida máis fácil para quen o precisa. Algo humano e simbólico. Esta instalación será coñecida como “Snoezelen”, unha instalación que servirá para estimular o olfacto, visión, audición e tacto para estes nenos que tamén teñen dereito a sorrir.

Desde o BNG de Vigo sempre apoiamos esas iniciativas, que complementan a sanidade pública, xa que esta por desgraza non sempre pode atender suficientemente moitas queixas de nais e pais preocupados polos seus fillos; ante as dúbidas sobre se as súas crianzas padecen (ou non padecen) autismo. (máis…)

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

A nosa saúde, en xogo

Luns, Abril 5th, 2010

O acceso público, universal e gratuíto a unha sanidade de calidade é un dereito gañado a pulso pola nosa sociedade. Sen embargo, o que neste século XXI parecía unha conquista plenamente consolidada está hoxe en grave perigo de perderse.

 

A política privatizadora que o Partido Popular instalou desde a súa chegada á Xunta de Galiza afecta tamén á sanidade. A construción do novo hospital de Vigo é o exemplo máis salientable do novo rumbo que o Goberno de Núñez Feijóo quere dar á sanidade pública.

 

Sen contemplacións, o PP sepultou todo o traballo que o anterior Goberno bipartito fixera para que a área sanitaria de Vigo contara co tan demandado novo hospital. Tras décadas reclamandoo, por fin se chegara a un consenso sobre onde, cando e como se ía construír. Existía un plan funcional que recollía todas as necesidades que a área sanitaria sur ten hoxe e vai ter no futuro. Parecía que, por fin, Vigo contaría cun hospital público de referencia no que a atención de calidade estaría garantida.

 

O PP tirou por terra todo ese traballo e deseñou unha nova estratexia para a construción do centro na que prima o baremo económico por riba da calidade asistencial. Co falso argumento de que a administración pública non pode asumir o custe dunha infraestrutura desas características, pon en mans da iniciativa privada a construción e a prestación de servizos básicos do futuro hospital.

 

Xogámonos moito. Se non paramos este tren privatizador que o PP puxo en marcha atoparémonos con serias deficiencias na sanidade pública. Perderase a calidade que é hoxe o seu sinal de identidade. E coma sempre serán os que menos teñen os que máis directamente sufrirán as consecuencias do deterioro do servizo público de saúde.

 

Só dende o carácter público dos servizos se pode garantir a calidade de atención sanitaria a todos os usuarios e usuarias. O PP sábeo, pero prefire xogar coa nosa sáude e buscar a rendandabilidade económica do proxecto.

 

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame