Entradas coa etiqueta ‘rehabilitación’

Vigo precisa un compromiso serio co Casco Vello

Venres, Outubro 7th, 2011

Eliminación do servizo de coidadores de barrio e do  bus eléctrico, peche do Centro de Artesanía Tradicional, falta de limpeza e mantemento diario… Vigo corre o risco de que o deterioro volva o seu Casco Vello “grazas” ao abandono imposto polo goberno municipal.

Nos seus primeiros cen días, o goberno da cidade non só non puxo en marcha ningunha nova iniciativa que contribúa á dinamización do Casco Vello, senón que as arroutadas do alcalde unicamente van na liña da paralización dos proxectos existentes. Por non falar da ocorrencia de que os coches eléctricos circulen polas súas rúas…

A recuperación do Casco Vello é un proxecto que require planificación, constancia e, sobre todo, un compromiso firme por parte dos dirixentes. Só con estes criterios será posible que no barrio histórico de Vigo a cidadanía poda residir, pasear, mercar e, en definitiva, vivir.

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

Unha xoia no corazón do Vigo Vello

Mércores, Marzo 30th, 2011

Lugrís, Maside, Colmeiro, Laxeiro, Castelao, os pioneiros da pintura de estilo “rexionalista”, autores da xeración Atlántica como Menchu Lamas ou Antón Patiño… Estes son algúns dos e das artistas presentes na Pinacoteca do Museo da Cidade, en total, 163 obras de 83 autores e autoras galegas. Acostumados como estamos a que todo se eternice nesta cidade, cómpre felicitármonos pola rapidez coa que demos rematado esta obra. Un traballo polo que debo felicitar a Eudosio Álvarez, concelleiro de Patrimonio, así como aos funcionarios e funcionarias do Museo Quiñones de León e aos arquitectos municipais.

É importante o contido, máis tamén o continente. Porque non só poñemos en valor os fondos artísticos dos que xa dispuñamos no museo da cidade, senón que esta obra nos permitiu recuperar o pazo de Arias Taboada. Situado na rúa de Abeleira Menéndez, tiñamos unha auténtica xoia arquitectónica do século XVII que pertencía ao daquela gobernador da vila de Vigo, abandonado e sen restaurar, e agora, no marco do ambicioso programa de reforma urbana do Novo Vigo Vello, conseguimos recuperar e poñer en valor.

Durante os primeiros tres días que estivo aberta, a exposición “O fermoso rostro do país” recibiu xa 1.600 visitantes, coincidindo tamén co festivo da Reconquista. (máis…)

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

Máis de 150 ideas para mellorar a nosa cidade

Sábado, Febreiro 19th, 2011

Hai 8 días presentamos a web www.euparticipoenvigo.org . Como dixen na rolda de prensa, “non queremos gobernar desde os nosos despachos e cos nosos esquemas, senón que pretendemos saír á rúa e escoitar á xente”. De momento está ferramenta web xa ten máis de 150 ideas rexistradas, enviadas e votadas, por un total de 192 usuarios rexistrados.

Coméntovos as cinco propostas máis votadas:“prohibir espectáculos crueis cos animais e declarar Vigo cidade amiga dos seres vivos”, “facer un carril bici continuado desde Ríos até Samil”; “recuperar a Panificadora como centro cultural ao estilo do que se fai en Berlín e outras cidades europeas”, “a creación dun sistema de transporte metropolitano” e “mellorar a conexión da cidade con Peinador através de máis liñas de bus”. Cómpre dicir que a cuarta a escribín eu o día da rolda de prensa e que foi unha idea de Eudosio Álvarez mentres preparábamos o que íamos dicir (ás veces as cousas funcionan así)…

Esta ferramenta participativa facilite que os usuarios clasifiquen as ideas por barrios e parroquias. Loxicamente, os apartados con máis propostas son o Centro de Vigo e o Casco Vello, así como aquel que recolle ideas para o conxunto do concello. Pero tamén temos moitas propostas para Teis pedindo reformas para humanizar a Travesía de Vigo e tamén a zona de Guixar(máis…)

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

O novo Vigo Vello, en Fitur

Sábado, Xaneiro 22nd, 2011

A promoción exterior da cidade foi unha das miñas preocupacións durante os tres anos e medio de mandato no departamento de Turismo. Miña e do resto dos concelleiros e concelleiras do BNG. Para nós, promover Vigo é unha forma de fomentar a actividade económica no sector  turístico e crear postos de traballo. Mais tamén é un xeito de favorecer a autoestima dos vigueses e viguesas, de estarmos orgullosos da nosa cidade e do seu patrimonio histórico e natural. É por iso que a nosa viaxe á Feira Internacional de Turismo en Madrid era unha cita obrigada.

A promoción turística da nosa cidade xira arredor de dous eixes: o recentemente recuperado Casco Vello e a Ría. Os datos de visitas ás Illas Cíes bateron récords en 2010, con máis de 110.000 visitantes nos meses de xullo e agosto, un 20% máis que no anterior ano. Todo isto está complementado pola labor do Vigo Convention Bureau, creado para fomentar o turismo de congresos e negocios. Os datos serven de esteo ao noso labor, xa que subiu até un 8% o número de persoas hospedadas na cidade, mesmo neste escenario de crise económica.

Quizais unha das cuestións que máis nos enche de orgullo á delegación viguesa que visitou Fitur é o filme que imos presentar sobre a recuperación do Casco Vello. Através da ficción, nunha longametraxe de 60 minutos dirixida por Eduardo Rolland e protagonizada por Luís Tosar, queremos amosar a “reconquista” para a cidadanía da parte antiga da cidade. (máis…)

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

A reconquista do Casco Vello

Luns, Novembro 23rd, 2009

Vigo naceu como cidade ao carón do mar e foi espallándose ata crear a configuración urbanística que hoxe ten, dándolle as costas ao que foi a súa orixe como cidade. Durante moitos anos o casco histórico no que agromou Vigo foi o grande esquecido. Ao tempo que a cidade medraba, o Casco Vello esmorecía. Pouco a pouco foise degradando urbanisticamente, perdendo poboación e converténdose nunha illa no centro da cidade. Pero esa situación está a mudar. Hoxe calquera que pase polo barrio poder comprobar que algo está a cambiar e que a súa rehabilitación integral está a deixar de ser unha quimera.

Cando aceptei a miña responsabilidade como tenente de alcalde e concelleiro de Cascos Históricos asumín o firme compromiso de conseguir que o Casco Vello “reviva”, que sexa de novo o sinal da nosa identidade como cidade. É unha tarefa na que os nacionalistas estamos absolutamente implicados e que empeza a dar xa os seus froitos.

As actuacións que estamos a desenvolver abranguen a rehabilitación de edificios, pero tamén a dinamización social, a mellora da calidade de vida dos seus veciños e veciñas, a reforma do entramado viario ou a mobilidade. Porque a reconquista do Casco Vello precisa dunha actuación integral que recomponña todas as pezas deste gran puzlle que é a zona histórica. Nestes dous anos desde o Concello de Vigo tense destinado ao Casco Vello o maior investimento directo da súa historia. Dos orzamentos municipais saíron máis de 6 millóns de euros para a recuperación da zona antiga e o vindeiro ano intensificaremos ese ritmo inversor. A ese orzamento hai que engadir outros 10 millóns de euros do Plan de Investimento Local que quixemos destinar ao barrio, así como os máis de 18 millóns de euros adicados polo Consorcio do Casco Vello á rehabilitación de inmobles. Sen dúbida, nunca antes se achegaron tantos fondos para facer que sexa de novo o cerne da cidade.

As obras que enchen o casco histórico son a mellor proba de que hai un compromiso político firme pola súa recuperación. Á reforma de 19 rúas e á rehabilitación de ao redor de 60 edificios que se desenvolven desde o Concello e o Consorcio, hai que engadir as axudas aos particulares para a rehabilitación de fachadas e cubertas e actuacións en interiores en vivendas e locais comercias. Os proxectos para a apertura da Pinacoteca e o Centro Fotográfico Galego, o programa de limpeza de pintadas, os Coidadores do Barrio, a intalación dunha rede de banda ancha Wimax… son algunhas das pezas que estamos artellando para rematar o puzzle.

Un puzzle no que xoga un papel fundamental a mellora da mobilidade. É unha peza clave conseguir que os desprazamentos polo barrio sexan cómodos e accesibles e que exista unha boa conexión entre as zonas alta e baixa do casco histórico. Precisamente ese é un dos obxectivos da reforma do entramado viario que estamos a desenvolver, cun orzamento de 10 millóns de euros. Nomeadamente a remodelación do eixo Porta do Sol-Elduayen-Paseo de Alfonso vai ser un aspecto determinante para mellorar a conexión entre a parte alta e baixa do barrio. Deixará de ser unha barreira que separa para transformarse nun espazo de unión do barrio e encontro da cidadanía.

No plan de mobilidade que temos para o Casco Vello inclúese tamén a proposta do servizo de transporte público con microbuses eléctricos que poñeremos en marcha o vindeiro ano. Aínda que a nova Xunta desbotou financiar o proxecto do funicular para unir O Berbés co castelo de San Sebastián, como tiña previsto a anterior Consellería de Vivenda, estamos decididos a levar o proxecto adiante, xa que entendemos que é básico, non só para facilitar as comunicacións do barrio, senon tamén para a rexeneración dunha zona tan emblemática como O Berbés.

É certo que aínda queda moito traballo por diante para conseguir que o Casco Vello estea na súa totalidade rehabilitado, pero ninguén pode poñer en dúbida que a transformación é xa un feito. Alomenos no cincuenta por ciento do barrio é xa tanxible, é unha realidade. Nestes dous anos temos iniciado un proceso que non ten volta atrás, un proceso que fará que a cidade recupere para a cidadanía o lugar no que naceu.

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

O Casco Vello

Sábado, Maio 10th, 2008

A emisión dun programa de televisión sobre o Casco Vello leva unha semana protagonizando o debate na cidade. Eu penso que a visión que se ofrecue, sendo real, é parcial e só recolle unha parte da situación do barrio. Pero feita esa reflexión inicial, o que levo varios días tratando de entender é por que parece que o problema existe agora porque sae na televisión. É como se o deterioro do Casco Vello xurdira de pronto ou que a situación de marxinalidade na que viven algunhas persoas acontecera de súpeto. Non é así. A situación do barrio é froito de moitos anos de abandono, e o malo non é que esa realidade ofreza agora a través das pantallas da televisión dos nosos fogares unha mala imaxen da cidade, que tamén, o realmente importante é que esas situacións existen é hai que darlle solución.

Cando negociamos o pacto de goberno puxemos moito interese en asumir a xestión do Casco Vello precisamente porque pensamos que é xa hora de que Vigo recupere o cerne da cidade. Como concelleiro de Cascos Históricos e presidente do Consorcio de Casco Vello teño un compromiso persoal co barrio e o meu obxectivo nestes anos que temos por diante é conseguir que a súa recuperación integral avance con paso firme.

Como dicía ao principio o Casco Vello non é só o que saíu no programa “Callejeros”. Esa é unha parte da realidade, pero non o todo. Hai zonas nas que a recuperación xa se deixa sentir e que deben servir como elemento dinamizador para espallar a rehabilitación a todo o barrio. Porque a transformación do barrio ten que ir máis alá da recuperación de edificios, hai que conseguir tamén a transformación social, facendo que o Casco Vello no seu conxunto sexa de novo un lugar de encontro, unha zona na que os vigueses e viguesas poidan vivir, pero tamén gozar do seu lecer, ir de compras ou desenvolver actividades que agora lle están vetadas.

Grazas, sobre todo, ao tesón e empuxe das xentes do Casco Vello ese obxectivo empeza a coller forza. As administracións temos a obriga de acompañar o proceso e así o estamos a facer. Os andamios que xa se empezan a ver son un bo exemplo. Nunca coma agora houbo unha implicación tan importante tanto da Xunta, a través da Consellería de Vivenda, como do Concello. Sei que hai moitos e moitas escépticos e teñen motivos para esa incredulidade, porque ao longo dos anos houbo oportunidades desaproveitadas e moitas promesas incumpridas. Eu estou certo de que desta vai. Non será un cambio radical, como eses aos que nos teñen afeitos nalgúns programas de televisión que están na antítese de “Callejeros”. Será un camiño que teremos que percorrer entre todos pasiño a pasiño, asegurando cada novo chanzo que subimos, pero no que xa non hai volta atrás. Eu estou firmemente convencido de que é posible e, ademais de seguir pedindo paciencia aos veciños e veciñas, pido tamén que creades que está ao noso alcance conseguilo, pido a vosa complicidade…  

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame