Entradas coa etiqueta ‘reforma’

Unha xoia no corazón do Vigo Vello

Mércores, Marzo 30th, 2011

Lugrís, Maside, Colmeiro, Laxeiro, Castelao, os pioneiros da pintura de estilo “rexionalista”, autores da xeración Atlántica como Menchu Lamas ou Antón Patiño… Estes son algúns dos e das artistas presentes na Pinacoteca do Museo da Cidade, en total, 163 obras de 83 autores e autoras galegas. Acostumados como estamos a que todo se eternice nesta cidade, cómpre felicitármonos pola rapidez coa que demos rematado esta obra. Un traballo polo que debo felicitar a Eudosio Álvarez, concelleiro de Patrimonio, así como aos funcionarios e funcionarias do Museo Quiñones de León e aos arquitectos municipais.

É importante o contido, máis tamén o continente. Porque non só poñemos en valor os fondos artísticos dos que xa dispuñamos no museo da cidade, senón que esta obra nos permitiu recuperar o pazo de Arias Taboada. Situado na rúa de Abeleira Menéndez, tiñamos unha auténtica xoia arquitectónica do século XVII que pertencía ao daquela gobernador da vila de Vigo, abandonado e sen restaurar, e agora, no marco do ambicioso programa de reforma urbana do Novo Vigo Vello, conseguimos recuperar e poñer en valor.

Durante os primeiros tres días que estivo aberta, a exposición “O fermoso rostro do país” recibiu xa 1.600 visitantes, coincidindo tamén co festivo da Reconquista. (máis…)

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

Paliar as consecuencias da crise, a nosa prioridade

Martes, Decembro 21st, 2010

Crise económica. Dúas palabras que definen claramente este 2010 que esgota os seus días. As consecuencias das erradas políticas neoliberais que no ano 2009 xa deixaron sentir a súa dureza, foron neste ano aínda moito máis severas. Os 30.000 parados rexistrados na nosa cidade e os 60.000 que hai na comarca son cifras suficientemente elocuentes para avaliar a gravidade da situación pola que estamos a pasar.

A crise económica azouta con forza e faino sobre os sectores máis desfavorecidos e a clase traballadora. Recortes nos dereitos laborais e nas prestacións salariais, unha reforma laboral que se fai á marxe dos sindicatos e a reforma das pensións que está en marcha. Estas foron as medidas que o goberno do PSOE impuxo neste ano como solución á crise. E fíxoo coa crítica hipócrita dun Partido Popular que cala e non di cales son ás súas receitas para saír da difícil situación que atravesamos. Posiblemente non fala, porque non ten moito que dicir. O exemplo témolo no goberno do PP na Xunta. O señor Alberto Núñez Feijóo, que prometeu como candidato resolver todos os problemas que tiñamos en 45 días, non puxo aínda nin unha soa medida eficaz enriba da mesa contra a crise. Non adopta solucións para a xeración de emprego e reduce os recursos destinados aos servizos sociais. Porén a súa política está a ter un dos seus eixos na privatización dos servizos públicos como a sanidade e aí está, por exemplo, a privatización do novo hospital de Vigo. (máis…)

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

A reconquista do Casco Vello

Luns, Novembro 23rd, 2009

Vigo naceu como cidade ao carón do mar e foi espallándose ata crear a configuración urbanística que hoxe ten, dándolle as costas ao que foi a súa orixe como cidade. Durante moitos anos o casco histórico no que agromou Vigo foi o grande esquecido. Ao tempo que a cidade medraba, o Casco Vello esmorecía. Pouco a pouco foise degradando urbanisticamente, perdendo poboación e converténdose nunha illa no centro da cidade. Pero esa situación está a mudar. Hoxe calquera que pase polo barrio poder comprobar que algo está a cambiar e que a súa rehabilitación integral está a deixar de ser unha quimera.

Cando aceptei a miña responsabilidade como tenente de alcalde e concelleiro de Cascos Históricos asumín o firme compromiso de conseguir que o Casco Vello “reviva”, que sexa de novo o sinal da nosa identidade como cidade. É unha tarefa na que os nacionalistas estamos absolutamente implicados e que empeza a dar xa os seus froitos.

As actuacións que estamos a desenvolver abranguen a rehabilitación de edificios, pero tamén a dinamización social, a mellora da calidade de vida dos seus veciños e veciñas, a reforma do entramado viario ou a mobilidade. Porque a reconquista do Casco Vello precisa dunha actuación integral que recomponña todas as pezas deste gran puzlle que é a zona histórica. Nestes dous anos desde o Concello de Vigo tense destinado ao Casco Vello o maior investimento directo da súa historia. Dos orzamentos municipais saíron máis de 6 millóns de euros para a recuperación da zona antiga e o vindeiro ano intensificaremos ese ritmo inversor. A ese orzamento hai que engadir outros 10 millóns de euros do Plan de Investimento Local que quixemos destinar ao barrio, así como os máis de 18 millóns de euros adicados polo Consorcio do Casco Vello á rehabilitación de inmobles. Sen dúbida, nunca antes se achegaron tantos fondos para facer que sexa de novo o cerne da cidade.

As obras que enchen o casco histórico son a mellor proba de que hai un compromiso político firme pola súa recuperación. Á reforma de 19 rúas e á rehabilitación de ao redor de 60 edificios que se desenvolven desde o Concello e o Consorcio, hai que engadir as axudas aos particulares para a rehabilitación de fachadas e cubertas e actuacións en interiores en vivendas e locais comercias. Os proxectos para a apertura da Pinacoteca e o Centro Fotográfico Galego, o programa de limpeza de pintadas, os Coidadores do Barrio, a intalación dunha rede de banda ancha Wimax… son algunhas das pezas que estamos artellando para rematar o puzzle.

Un puzzle no que xoga un papel fundamental a mellora da mobilidade. É unha peza clave conseguir que os desprazamentos polo barrio sexan cómodos e accesibles e que exista unha boa conexión entre as zonas alta e baixa do casco histórico. Precisamente ese é un dos obxectivos da reforma do entramado viario que estamos a desenvolver, cun orzamento de 10 millóns de euros. Nomeadamente a remodelación do eixo Porta do Sol-Elduayen-Paseo de Alfonso vai ser un aspecto determinante para mellorar a conexión entre a parte alta e baixa do barrio. Deixará de ser unha barreira que separa para transformarse nun espazo de unión do barrio e encontro da cidadanía.

No plan de mobilidade que temos para o Casco Vello inclúese tamén a proposta do servizo de transporte público con microbuses eléctricos que poñeremos en marcha o vindeiro ano. Aínda que a nova Xunta desbotou financiar o proxecto do funicular para unir O Berbés co castelo de San Sebastián, como tiña previsto a anterior Consellería de Vivenda, estamos decididos a levar o proxecto adiante, xa que entendemos que é básico, non só para facilitar as comunicacións do barrio, senon tamén para a rexeneración dunha zona tan emblemática como O Berbés.

É certo que aínda queda moito traballo por diante para conseguir que o Casco Vello estea na súa totalidade rehabilitado, pero ninguén pode poñer en dúbida que a transformación é xa un feito. Alomenos no cincuenta por ciento do barrio é xa tanxible, é unha realidade. Nestes dous anos temos iniciado un proceso que non ten volta atrás, un proceso que fará que a cidade recupere para a cidadanía o lugar no que naceu.

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame