Curiosamente, PP e PSOE únense para introducir na constitución, que ata agora era intocable ata para garantir na práctica a igualdade entre homes e mulleres, unha postura ideolóxica determinada, claramente liberal e de dereitas, supeditada ao ditado dos mercados financeiros e os ditados de Merkel e Sarkozy.
Pero ademais é unha vergonza política que non expliquen á xente o que realmente significa esta reforma constitucional que se fixo en pleno mes de agosto ás agochadas. Fronte a este escurantismo de PP e PSOE, o BNG di non a esta reforma da constitución e ademais preocúpase por informar á cidadanía do que realmente vai supoñer esta reforma para todos e todas nós: Con esta reforma da constitución, PP e PSOE consolidan o estado neoliberal, as políticas privatizadoras e de recorte dos servizos públicos básicos.
O BNG ten levado a iniciativa nesta campaña electoral. Somos os únicos en facer propostas que logo os demais copian. Levo tempo pedindo que as outras forzas políticas con posibilidade de acceder á Alcaldía digan con claridade cal é o seu proxecto e o seu modelo de cidade. A realidade é que o fomos a única forza política que presentou o seu programa completo o día do inicio oficial da campaña, resumido nos 13 Compromisos con Vigo.
A día de hoxe, seguimos sendo a única forza política que ten amosado unha posición clara sobre cuestións como a mobilidade e o transporte público, apostando pola creación dun ente metropolitano de transportes e pola posta en marcha de carrís bici na nosa cidade. Tomamos posición con claridade sobre a remunicipalización do servizo de augas cando caduque a actual concesión, no 2015. Demos cifras e datas claras sobre que facer en materia de emprego e servizos sociais: 2.500 postos de traballo a crear en dous anos con fondos municipais e tamén un aumento da porcentaxe do orzamento destinado a soster a cuarta pata do Estado do Benestar, os servizos de Benestar Social, até acadar o 8% do total.
É preciso concentrar o voto da xente galeguista e nacionalista que lle quere ao noso país. E tamén o voto de toda a esquerda, de toda a xente progresista que de cotío se dá conta de que as dúas grandes forzas políticas estatais seguen os ditados da gran banca, da chanceler Merkel e do Fondo Monetario Internacional. Mais sobre todo, é preciso frear ao Partido Popular, que é quen representa, desde o goberno da Xunta de Galiza, a aplicación das receitas da dereita dura no noso país: recortes en políticas sociais, en políticas de apoio ás mulleres e privatización encuberta da sanidade pública, como vemos en Vigo co proxecto do novo hospital. Lembremos que desde que Feijóo goberna a Xunta hai 75.000 parados e paradas máis no noso país.
O día 22 de maio, temos que dicirlle ao señor Feijóo que non queremos esas políticas de dereitas en Vigo. Que non queremos que trasladen aos concellos os recortes sociais que están a facer na Xunta de Galiza. Votar a Corina Porro significa apoiar ao mesmo partido que ataca o galego, que favorece ás empresas de fóra e recorta dereitos aos máis desfavorecidos. Votar ao BNG, cuxa lista teño a honra de encabezar, é votar polo equipo da casa, polos que van defender un Vigo máis igualitario e con máis emprego, votar por un Vigo que sexa capital metropolitana e siga sendo o motor económico de Galiza.
Que opina a candidata do PP vigués, Corina Porro, sobre o espolio da caixa galega? Que opina sobre o feito de que o seu partido se abstivese na votación do decreto do goberno que condena á nova caixa galega á perda da súa condición de entidade semipública, no mellor dos casos? Que opina sobre o risco real de que nin sequera poidamos “salvar os mobles” e manter unha entidade galega, aínda que sexa mediante un banco asociado?
Até o de agora, sobre este tema, e sobre outros temas relevantes da cidade, a candidata popular non opina. Bendice o que faga o Partido Popular, que en Galiza asegura estar preocupado pola nosa caixa, mentres en Madrid dá carta branca a un decreto feito para entregar o aforro dos galegos e galegas á banca privada. Na mesma liña de evitar asumir responsabilidades, pero desde o outro partido estatal, vemos como hoxe o ministro José Blanco asegura que os problemas da caixa derivan da fusión e non do decreto. Todo o mundo sabe que o decreto do Banco de España o que pretende é rematar coas caixas de aforro para entregarllas á banca privada, diga o que diga o ministro de Fomento.
Comparto con vós este texto que hoxe publica, nunha versión máis reducida, o Faro de Vigo:
O sindicalismo nacionalista convocou para mañá unha folga xeral contra a reforma das pensións impulsada polo goberno de Zapatero, que vai prexudicar gravemente os traballadores e traballadoras de hoxe, que serán os xubilados de mañá. Se estudamos a situación actual da Seguridade Social decatámonos que a suposta non sustentabilidade a medio prazo do actual sistema de pensións é unha falsidade. Este ano 2010, que foi un dos peores en termos económicos, o sistema de pensións contributivas, dotado cun fondo de reserva de 60.000 millóns de euros, continúa tendo beneficios. É un dato revelador, mais aínda se temos en conta que case o 20% da poboación activa do Estado está no paro. Se esas persoas estivesen a traballar, o superávit da caixa da Seguridade Social sería maior.
O que está en crise non é Seguridade Social senón os fondos de pensións dependentes da banca. Preténdese devaluar as pensións públicas, para que a xente se vexa obrigada a contratar plans privados, solucionando así os problemas de liquidez do capital financieiro. Isto farase pola vía de reducir boa parte das pensións públicas a niveles de subsistencia, obrigando á xente á complementalas mediante o recurso á iniciativa privada. Hoxe en día as pensións galegas son as máis baixas do Estado; moitas persoas cobran en torno a 500 ou 600 euros despois de pasar toda unha vida traballando. Segundo a reforma que propón o goberno de Zapatero reducirase a contía das pensións e aumentarán os anos que hai que traballar para poder xubilarse coa pensión completa. Unha vez máis, as mulleres, que son as que reciben as pensións máis baixas, e os mozos que están no paro serán os máis prexudicados. (máis…)
Estamos afeitos a escoitar promesas e compromisos dos responsables do Partido Popular e do PSOE para dar resposta ás vellas reivindicacións da cidade. Ano tras ano, os uns e os outros, reiteran a súa disposición a saldar esas débedas, pero a realidade e teimuda, o tempo pasa e os proxectos non avanzan. Os compromisos esvaécense cando as promesas deben facerse realidade, que é na elaboración dos orzamentos.
Coñecidas xa as contas da Xunta e o Estado para 2011, os investimentos que os gobernos do PP e o PSOE destinarán a Vigo son igual de decepcionantes que os de exercicios anteriores. Non hai en ningunha das dúas administracións unha aposta clara por impulsar os proxectos de infraestruturas que levamos anos reclamando, nin polas novas dotacións que precisa a cidade. As partidas para as actuacións previstas son escasas e, como ten denunciado o BNG, son a mellor proba de que unha vez máis non se van cumprir os prazos comprometidos.
Non só non cumpren senón que o que fan e deixar proxectos básicos en mans da iniciativa privada. Si o PP vai privatizar a construción e xestión do novo hospital, o PSOE sigue a súa estela e a ampliación de Rande vaina facer con financiamento privado; como consecuencia ampliarase a concesión da AP-9 e seguiremos pagando máis anos. (máis…)
A volta do Partido Popular ao goberno da Xunta de Galiza está evidenciando xa nestes primeiros meses que sufrimos un regreso ao pasado. Como se un deja vu se tratase estamos de novo vivindo na era Fraga. Privatización de servizos públicos, retroceso nas políticas sociais, desprezo pola nosa lingua e desproteción dos nosos sectores produtivos son as liñas mestras que marcan a xestión do PP, baixo o falso manto da austeridade.
Vigo é un bo exemplo da volta atrás que se está a producir. A cidade está sentindo fondamente as primeiras medidas do PP e, ao igual que durante os 16 anos de goberno Fraga, está a ser discriminada en canto a investimentos. A mellor proba é a análise dos orzamentos da Xunta para 2010. Nas partidas que corresponden á nosa cidade existe un descenso dun 36% respecto aos que deixou a o Goberno bipartito. Na primeira oportunidade que Núñez Feijóo tiña como presidente da Xunta de amosar a súa aposta pola cidade que é o motor económico de Galiza, como se comprometeu na campaña electoral, o que fixo foi castigar a Vigo.
Sendo alarmante a baixada dos investimentos previstos para o vindeiro ano, non é iso o peor. É aínda máis grave o feito de que proxectos postos en marcha ou comprometidos pola anterior Xunta están paralizados, esquecidos ou transformados para afondar na política privatizadora do PP. Non queren abrir a Gota de Leite como centro de emerxencia para xente sen teito, van privatizar o novo hospital e tamén os centros de día, néganse a asumir a reforma das pistas de atletismo, non consideran interesantes proxectos como o funicular do Casco Vello… En fin, que o Goberno do Partido Popular en Vigo nin está, nin contamos que apareza.