Entradas coa etiqueta ‘pensións’

Medra a pobreza, redúcense as axudas

Martes, Febreiro 1st, 2011

Este luns o pleno suspendeuse antes de tempo por mor das protestas das traballadoras da limpeza, co cal o BNG quedou sen presentar varias mocións de importante contido. Unha delas tiña a ver coa nosa preocupación polos distintos recurtes sociais que se veñen producindo, tanto desde o goberno central como desde a Xunta de Galiza.

Ademais da nosa crítica á reforma das pensións e outras medidas de axuste, os nacionalistas estamos fondamente preocupados pola desprotección na que se van atopar moitas persoas que viven por baixo do limiar da pobreza, na que se atopan no noso país máis de 600.000 persoas. Non obstante, o número de persoas perceptoras da renda de integración social de Galiza (RISGA) é menor de 5.000 e os orzamentos elaborados pola Xunta de Galiza para 2011, malia recoñecer que vai haber un incremento de solicitudes do 18%, para 2011, conxelaron a contía total.

Debemos prestar atención ao que iso significa: recoñécese que vai haber persoas con dificultades moi graves para comprar comida ou pagar o aluguer e a pesar diso non se dotan máis fondos. (máis…)

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

Defendamos as pensións públicas e a caixa de aforros galega

Mércores, Xaneiro 26th, 2011

Comparto con vós este texto que hoxe publica, nunha versión máis reducida, o Faro de Vigo:

O sindicalismo nacionalista convocou para mañá unha folga xeral contra a reforma das pensións impulsada polo goberno de Zapatero, que vai prexudicar gravemente os traballadores e traballadoras de hoxe, que serán os xubilados de mañá. Se estudamos a situación actual da Seguridade Social decatámonos que a suposta non sustentabilidade a medio prazo do actual sistema de pensións é unha falsidade. Este ano 2010, que foi un dos peores en termos económicos,  o sistema de pensións contributivas, dotado cun fondo de reserva de 60.000 millóns de euros, continúa tendo beneficios. É un dato revelador, mais aínda se temos en conta que case o 20% da poboación activa do Estado está no paro. Se esas persoas estivesen a traballar, o superávit da caixa da Seguridade Social sería maior.

O que está en crise non é Seguridade Social senón os fondos de pensións dependentes da banca. Preténdese devaluar as pensións públicas, para que a xente se vexa obrigada a contratar plans privados, solucionando así os problemas de liquidez do capital financieiro. Isto farase pola vía de reducir boa parte das pensións públicas a niveles de subsistencia, obrigando á xente á complementalas mediante o recurso á iniciativa privada. Hoxe en día as pensións galegas son as máis baixas do Estado; moitas persoas cobran en torno a 500 ou 600 euros despois de pasar toda unha vida traballando. Segundo a reforma que propón o goberno de Zapatero reducirase a contía das pensións e aumentarán os anos que hai que traballar para poder xubilarse coa pensión completa. Unha vez máis, as mulleres, que son as que reciben as pensións máis baixas, e os mozos que están no paro serán os máis prexudicados. (máis…)

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

Paliar as consecuencias da crise, a nosa prioridade

Martes, Decembro 21st, 2010

Crise económica. Dúas palabras que definen claramente este 2010 que esgota os seus días. As consecuencias das erradas políticas neoliberais que no ano 2009 xa deixaron sentir a súa dureza, foron neste ano aínda moito máis severas. Os 30.000 parados rexistrados na nosa cidade e os 60.000 que hai na comarca son cifras suficientemente elocuentes para avaliar a gravidade da situación pola que estamos a pasar.

A crise económica azouta con forza e faino sobre os sectores máis desfavorecidos e a clase traballadora. Recortes nos dereitos laborais e nas prestacións salariais, unha reforma laboral que se fai á marxe dos sindicatos e a reforma das pensións que está en marcha. Estas foron as medidas que o goberno do PSOE impuxo neste ano como solución á crise. E fíxoo coa crítica hipócrita dun Partido Popular que cala e non di cales son ás súas receitas para saír da difícil situación que atravesamos. Posiblemente non fala, porque non ten moito que dicir. O exemplo témolo no goberno do PP na Xunta. O señor Alberto Núñez Feijóo, que prometeu como candidato resolver todos os problemas que tiñamos en 45 días, non puxo aínda nin unha soa medida eficaz enriba da mesa contra a crise. Non adopta solucións para a xeración de emprego e reduce os recursos destinados aos servizos sociais. Porén a súa política está a ter un dos seus eixos na privatización dos servizos públicos como a sanidade e aí está, por exemplo, a privatización do novo hospital de Vigo. (máis…)

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

Motivos para unha folga

Mércores, Setembro 22nd, 2010

Como todos podedes lembrar, o pasado mes de xuño, o Congreso dos deputados aprobou unha serie de duros recortes aos traballadores e traballadoras do sector público, xunto con outras medidas de austeridade. O argumento presentado polo goberno do PSOE foi que era preciso “darlle confianza aos mercados”. Máis non quedou aí a cousa, xa que desde aquela se aprobou unha reforma laboral sen chegar a acordos cos sindicatos, e agora ameázannos con reformar as pensións, ampliando até os 67 anos a idade de traballo e de 15 a 20 os anos que conforman a base de cotización. Desgraciadamente, a austeridade non incluíu o regreso das tropas de combate despregadas no Afganistán, nin a recuperación do imposto de patrimonio para os máis ricos.

Todas esas medidas contaron co apoio da moi poderosa dereita social e mediática -para quen son mesmo insuficientes- e coa crítica hipócrita dun Partido Popular que nunca di cales son as súas propostas para saírmos da crise. Contra elas están os sindicatos de clase e as distintas forzas políticas do estado situadas no campo da esquerda. Entre elas, o BNG: Olaia Fernández Davila, Paco Jorquera e Pérez Bouza votaron en contra de todos os recortes sociais no Congreso e o Senado. (máis…)

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

As medidas anti sociais de ZP-PP

Xoves, Maio 27th, 2010

Redución dun cinco por cento do salario dos funcionarios e funcionarias, conxelación das pensións contributivas, eliminación da retroactividade nas axudas da Lei de Dependencia ou supresión do cheque-bebé. Son medidas que nada nos sorprenderían se quen as implanta é un goberno de dereitas co falso pretexto de facer fronte as consecuencias da crise económica que estamos atravesando. Xa estamos afeitos ás políticas anti sociais do Partido Popular e lamentablemente, con cada paso que da na súa xestión, o Goberno da Xunta de Galiza non deixa que o esquezamos.

O que non entra dentro da lóxica é que un goberno que se di de esquerdas, como é o que preside o socialista José Luis Rodríguez Zapatero, asuma o ideario da dereita e nestes momentos de dificultade basee a súa política económica nun paquete de medidas que supoñen importantes recortes sociais e merman o poder adquisitivo das capas sociais que máis fondamente están sentido os efectos da crise. (máis…)

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

Reforma laboral e dereitos dos traballadores

Xoves, Abril 22nd, 2010

A situación de crise económica ten levado ao Goberno do Estado a facer unha proposta de revisión do Pacto de Toledo cunha serie de medidas que modifican o modelo de relacións laborais vixentes. Aínda que non hai argumentos que relacionen o momento de crise co sistema laboral actual, unha vez máis as medidas propostas menoscaban os dereitos dos traballadores e as traballadoras. Sen ser os responsables do difícil momento económico que atravesamos, quérese cargar as consecuencias sobre as súas costas cunha reforma baseada na flexibilización e precarización laboral.

Co mal pretexto de querer garantir o sistema público de pensións, unha das medidas que sacou da manga o Goberno do Estado foi o incremento da idade de xubilación dos 65 aos 67 anos. Xustifican a proposta en que o incremento da esperanza de vida e o futuro incerto do número de persoas anciáns porá en perigo a viabilidade futura do sistema de pensións. Trátase dun argumento erróneo e retorcido porque, sendo certas esas premisas, non teñen en contra outros aspectos que poden modificar o resultado final. O problema non é que haxa máis pensionistas, senon que non exista un número de cotizantes suficientes para asumir ese incremento. Por iso, desde o BNG pensamos que a solución debe ser outra; crear emprego e fomentar a incorporación ao mercado de traballo para aumentar o número de cotizantes. Sen dúbida, o futuro das pensións vai ligado á capacidade da economía para crecer, incrementar a produtividade e xerar emprego.

Na proposta do Goberno do Estado asoma tamén a posibilidade de recudir a contía das pensións. Quérese ir cara a unhas pensións mínimas subministradas pola Seguridade Social, o que conlevará que a cidadanía non teña máis remedio que garantir o seu futuro con plans de pensións xestionadas por institucións financieiras. Fronte a este camiño, desde o Bloque Nacionalista Galego cremos que cómpre reforzar o sistema de pensións público, para asegurar ingresos dignos cando as persoas rematan a súa vida laboral.

A protección dos dereitos dos traballores e traballadoras serán sempre a nosa prioridade. Por iso no BNG non só nos opoñemos á proposta de reforma laboral, senon que imos máis alá. Consideramos necesario un cambio nas relacións laborais, pero xustamente na medida contraria a que está enriba da mesa. O obxectivo debe ser precisamente reforzar a protección dos empregados e empregadas.

Temos que ir a unha regulación máis equitativa, que garanta a estabilidade no emprego e marque límites á flexibilidade na contratación temporal e a tempo parcial. É preciso tamén reorientar as políticas de fomento do emprego, dirixindo as axudas para a contratación de colectivos específicos nos que se dan as maiores taxas de desemprego. O obxectivo prioritario debe ser a xeración de emprego e neste senso unha das medidas polas que debemos apostar é por un mellor reparto do tempo de traballo. Os nacionalistas defendemos que se debe incentivar a acomodación do horario á conciliación da vida familiar e propiciar un gran pacto en todos os sectores e actividades económicas para avanzar cara un novo patrón de horarios laborais.

Calquer acordo en materia económica e de emprego ten que basearse nun novo marco, abandonando a doutrina económica neoliberal, principal responsable da crise que estamos a padecer. Desde o BNG apostamos por afondar nun cambio estrutural que esté enraizado no desenvolvemento da economía baseada no traballo produtivo e non especulativo, imperante nas últimas décadas. Neste novo contexto debe cobrar especial protagonismo o sector público como garante dun desenvolvemento económico sustentábel e dun reparto xusto e equitativo da riqueza.

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame