Entradas coa etiqueta ‘país’

Un tren de futuro para Vigo

Xoves, Febreiro 17th, 2011

“Viajeros al tren, gallegos también”. Iso dicían os xefes de estación do outro lado do Padornelo hai xa algún tempo. E neste caso, ademais do desprezo que moitos dos nosos emigrantes sufrían cando tiñan que coller a maleta para gañarse a vida fóra do país, Galiza ten sufrido historicamente un importante atraso no relativo ás infraestruturas de transporte, un atraso que está lonxe de ser resolvido.

O pasado martes asistín, na miña condición de tenente alcalde, á presentación do proxecto da futura estación do AVE. Sen ter en conta outras consideracións, o edificio deseñado polo arquitecto Tom Mayne será positivo, e desde logo, un punto referencial da nosa cidade. No entanto, debemos ter presentes outras cuestións. O que os vigueses e viguesas queren saber non é como vai ser o edificio da estación, senón cando vai estar rematada a conexión de Alta Velocidade co Eixo Atlántico e coa Meseta. As obras do Eixo Atlántico, que están rematadas entre Santiago e A Coruña, veñen sufrindo unha parada inexplicable. E a conexión directa de Vigo coa Meseta (a xa famosa variante de Cerdedo) vén de aprazarse indefinidamente.

Para a nosa cidade será vital rematar o Eixo Atlántico, que conectará Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Santiago e A Coruña en menos tempo do que leva hoxe desprazarse en coche pola autoestrada do Atlántico, e ademais dun modo máis seguro e ecolóxico. Porén, non chega con iso. (máis…)

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

25 de xullo: forza e reflexión

Domingo, Xullo 25th, 2010

Un ano máis celebramos hoxe o 25 xullo. É o Día da Patria onde os nacionalistas e as nacionalistas aproveitamos para facer análise político e coller folgos e forzas para afrontar un novo curso político. Chegamos a esta data cunha situación en Galiza que, cando menos, tería que mobilizar todas as ferramentas ao noso alcance. A situación económica, os continuos ataques privatizadores aos servizos sociais, os recortes tanto salariais como de dereitos aos traballadores e traballadoras e a obsesión dalgúns por facer de Galiza algo de segundo orde, sen identidade propia e sen dereitos como a nazón que somos, tiñan que ser motivos suficientes para reconsiderar que temos que demostrar a nosa forza e facer valer a nosa historia, o traballo de moitos homes e mulleres por conseguir a dignidade propia dun país que labramos entre todos e todas e, sobre todo, para facer valer a nosa autoestima e orgullo de sermos galegos e galegas.Os galegos e galegas temos nas nosas mans o camiño a percorrer, pero témolo que facer xuntos, sen distintas velocidades e sen importarnos cando cheguemos, senon que cheguemos xuntos. É o camiño da unidade, o da aposta polo noso e polos nosos desexos comúns, o camiño por estar ao carón dos nosos sectores básicos económicos, ao carón dos traballadores e traballadoras, dos nosos empresarios que sinten como galegos as voraces garras dun mercado cada vez máis abusivo e aniquilador, ao carón da nosa lingua, da nosa cultura e da nosa propia historia, ao carón dos que aínda hoxe non renuncian a dar a batalla pola consideración de Galiza como a verdadeira nazón que é. O camiño, en definitiva, que temos que marcar para poder xerar de novo a ilusión nas nosas xentes.

Só cando Galiza apostou polo seu foi quen de saír sempre adiante e de superar obstáculos que parecían insalvables. Fagamos valer a nosa forza e ben seguro que escoitarán a nosa voz tanto o Goberno do Estado coma o galego que seguen arroxándonos as migallas para darlle o pan aos outros e continúan na inoperancia absoluta cando o noso país urxe medidas claras e realistas que nos empurren a un novo horizonte.Lonxe dunha inaceptable resignación ou desesperanza esta data tería que servirnos tamén aos nacionalistas e ás nacionalistas para, dende a ilusión e as gañas de traballar polo país que sempre nos ten caracterizado, facer unha clara reflexion sobre o noso papel na construción dunha renovada Galiza e, sobre todo, da mensaxe que temos que transmitir a toda a sociedade galega. Estar máis preto desta sociedade, asumir a realidade das nosas xentes e lanzar aire fresco diante de situacións contaminadas por vellos prexuízos adquiridos, renovar o noso xeito de comunicar e as estratexias de implantación do noso ideario en todos os sectores, traballar contra ninguén e a favor sempre dos nosos intereses, e aparcar o que nos diferencia a prol da unidade de acción poderían ser algunhas claves para que o necesario e importante papel que temos que xogar os nacionalistas e as nacionalistas neste país sexa máis crible e, sobre todo, entendido.

No Día da Patria Galega temos que facer valer a nosa forza dende o respecto a nosa historia, as nosas xentes e sen excluír a ninguén. As nosas ideas e proxectos siguen sendo necesarios para que Galiza avance no seu recoñecemento como pobo e cara a unha maior soberanía. Non defraudemos aos que sempre creron en nós e non os defraudemos mantendo posicionamentos herméticos e anclados no pasado ou con axiomas inamobibles. Dende o universalismo que sempre caracterizou a homes como Castelao ou Bóveda construamos un xeito máis dinámico, máis moderno e cheo de ilusións renovadas, de chegar a todos e todas, para que Galiza siga contando coa ferramenta máis poderosa que ten para ser recoñecida como a nazón que somos: os propios galegos e galegas.

Un ano máis estarei na Quintana, cos meus compañeiros e compañeiras do BNG, reclamando o que sempre fixemos: a dignidade. Estarei celebrando con todos e todas que, mal que lles pese a algúns, o noso proxecto segue tan vivo como sempre e que sempre, aínda que agardo que con aires novos, estaremos dende o BNG defendendo os lexítimos dereitos de todos os galegos e galegas.Viva Galiza, viva o Día da Patria Galega.

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

Bandeiras para amosar orgullo de país

Mércores, Xullo 21st, 2010

O 25 de Xullo celebramos o Día de Galicia, o noso día, o día de todos os galegos e galegas. É algo máis que unha data, é un día para conmemorar que somos un país con historia, lingua, cultura e identidade propias. Na Tenencia de Alcaldía quixemos implicar activamente a toda a cidadanía nesta celebración. Por iso, coa finalidade de que calquera persoa que o desexe poda festexar o 25 de Xullo, distribuímos 5.000 bandeiras galegas para que as colguen do seu balcón ou as poñan na súa fiestra.

Animo a todos os vigueses e viguesas a recoller as bandeiras e facelas presentes nas súas vivendas para amosar así que seguimos crendo no noso país e en Vigo como parte fundamental dese país. É un xeito sinxelo de celebrar o Día de Galicia, demostrando que estamos orgullosos de ser galegos e galegas e do que representamos como país. (máis…)

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame