Entradas coa etiqueta ‘mocidade’

Unha xestión da que estarmos orgullosos e orgullosas

Mércores, Marzo 23rd, 2011

Pasaron case catro anos desde que o BNG entrou no goberno municipal de Vigo. Catro anos de esforzo, ilusión e compromiso coa nosa cidade e co noso país. Participamos dun goberno orientado polo compromiso coa xente de Vigo e de Galiza, desde os nosos valores e principios e desde o compromiso coa cidade e o conxunto de país. Partimos da base que gobernar non é o mesmo que mandar. Gobernar é escoitar á veciñanza, atender as súas demandas, facer fronte ás súas necesidades, ser próximos aos seus problemas, ser transparentes nas nosas actuacións. Agora, chega a hora de facer balance para que a cidadanía escolla.

Fixémolo a semana pasada, nun acto conxunto cos socios de goberno. Estámolo a facer esta semana mediante diversos actos sectoriais nos cales pretendemos informar á cidadanía da nosa labor en deportes, cultura, benestar, igualdade, comercio, turismo e outras áreas.

Grazas á labor dos nosos concelleiros e concelleiras, en Vigo duplicamos os orzamentos de benestar, puxemos en marcha novas infraestruturas deportivas como as piscinas de Barreiro e da Miñoca ou o pavillón de Navia, garantimos unha programación cultural para todo o ano no Auditorio Municipal, abrimos locais de ensaio para os músicos novos e puxemos en valor o noso patrimonio, reconquistando para a cidadanía o Casco Vello como un lugar para vivir e coñecer. (máis…)

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

Política, a pé de rúa

Mércores, Febreiro 23rd, 2011

Cando se achegan as eleccións, as persoas que nos dedicamos á política facemos pre-campaña e campaña electoral. Ás veces criticásenos por iso. Pero tanto eu como os meus compañeiros e compañeiras do BNG estamos convencidos de que moitos dos ataques indiscriminados cara a mal chamada “clase política” non son máis que unha forma de desacreditar a propia democracia, fomentar o conformismo e manter no poder real aos mesmos de sempre.  E pretendemos demostrar que non todos os políticos son iguais.

Volvendo ao rego. Nesta pre-campaña, que xa comezou, estamos a realizar reunións con afiliados e simpatizantes polos barrios e parroquias da cidade de Vigo, así como con distintos colectivos interesados en escoitar as nosas propostas. Teño escoitado moitas cousas nestas reunións, desde historias estarrecedoras sobre a crise (exemplo: a dunha familia que saca ao seu avó dunha residencia de anciáns para poder ter o efectivo da pensión), pasando por peticións sobre obras concretas nas parroquias, até reflexións sobre o futuro do nacionalismo e da esquerda nestes tempos difíciles.

O pasado luns, por exemplo, estiven en Comesaña, onde puidemos visitar ás mulleres que facían distintas actividades (pilates, pintura), tomar algo no bar cos veciños e veciñas e posteriormente facer a nosa reunión de traballo. (máis…)

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

Ventos de cambio no mundo árabe

Luns, Febreiro 7th, 2011

Primeiro Tunisia, despois Exipto. Poida que tamén en Marrocos ou Xordania. A maioría da poboación das nacións do Norte de África e do Próximo Oriente está a se mobilizar para derrocar aos ditadores que os gobernan. No caso de Tunisia, as protestas partiron das zonas máis pobres do país, até chegar á capital. Participaron nelas membros de distintas clases sociais, pero foi moi destacado o papel dos traballadores e os parados, así como tamén moitos sectores profesionais descontentos coa corrupción institucionalizada.

Cómpre ter en conta o papel decisivo das mulleres en xeral e dos mozos e mozas na revolta contra Zine Ben Alí, o ditador que levaba 23 anos no poder. Pensemos que en moitos estados árabes a maioría da poboación é menor de 30 anos. O rol das mulleres nas rúas tunisianas tamén foi decisivo, xa que Tunisia é un dos países musulmáns onde o seu status social é máis elevado, unha conquista que os cambios revolucionarios deben manter e aprofundar.

A situación de Exipto non é a mesma que a de Tunisia, xa que este país é unha peza decisiva no taboleiro xeopolítico internacional. O actual réxime exipcio recibe abundantes fondos dos Estados Unidos, no que poderiamos cualificar de “soborno” para manter a paz con Israel e o control da fronteira sur de Gaza. (máis…)

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

2008, o ano dun Vigo imparable

Xoves, Xaneiro 3rd, 2008

Cando empeza un novo ano é o momento de deterse un anaco e marcarse obxectivos. Temos por diante doce meses que dan para moito e este ano, aínda máis, porque o 2008 trae un día de agasallo. A nivel persoal cada un de nós facemos unha lista de bos propósitos e establecemos as nosas prioridades. Cando se teñen responsabilidades de goberno é obrigado tamén facelo así para asegurar unha boa xestión e rachar coa improvisación.

Deixamos atrás seis meses de goberno no que desde as nosas áreas, ademais de iniciar xa algúns proxectos, adicámonos a planificar a acción de goberno que imos desenvolver dagora en diante. Na campaña insistín moito na necesidade de que esta cidade precisaba rematar coa política de parcheo e tiña que deixar de moverse por impulsos. Foi por iso que quixemos aproveitar este tempo para definir o camiño que imos percorrer nos vindeiros anos. Ese traballo xa está feito e chega o momento de empezar esa andaina con paso firme.

O 2008 ten que ser o ano no que a nosa cidade fixe ou seu rumbo; ten que ser o ano no que se faga realidade o impulso definitivo que Vigo precisa para competir en pé de igualdade coas principais cidades do mundo; ten que ser o ano no que se avance de xeito decidido nas políticas de igualdade; ten que ser o ano de progresar na mellora do benestar dos vigueses e as viguesas; ten que ser o ano no que Vigo conte cunha programación cultural municipal de calidade e para todos os públicos; ten que ser o ano no que sexamos quen de achegar a práctica deportiva a toda a cidadanía e a nosa candidatura á Universiada triunfe; ten que ser o ano no que se empece a facer realidade, por fin, a recuperación do Casco Vello; ten que ser o ano no que os mozos e mozas atopen na súa cidade máis e mellores oportunidades. Ten que ser, en definitiva, o ano dun Vigo imparable.

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame