Unha verdadeira aposta polo emprego
Mércores, Maio 4th, 2011Para milleiros de persoas na nosa cidade, a palabra emprego é unha preocupación constante. Unha palabra que provoca anguria e mesmo pesadelos. Non podemos ficar de brazos cruzados ante esta situación, unha situación provocada por unha crise económica que están a pagar aqueles e aquelas que non a provocaron, como se denunciou nas mobilizacións do 1 de maio. Para o BNG de Vigo, a aposta polo emprego é algo vital, a diferencia doutras forzas políticas que falan de emprego pero non explican cales son as súas propostas, como o Partido Popular da señora Corina Porro.
Non podemos esquecernos das familias que teñen practicamente a todos os seus membros sen traballo (o outro día, nunha reunión en Comesaña comentábanme o caso dunha familia na que a nai e o pai perderon o traballo, os fillos estaban buscando o primeiro emprego, e tiveron que retirar ao avó dunha residencia para a terceira idade na que estaba para sobrevivir coa súa pensión). Tampouco podemos esquecernos dos mozos e das mozas que demandan a súa primeira oportunidade no mundo do traballo, ao saír da Universidade ou dos ciclos de Formación Profesional.
O noso compromiso é a posta en marcha dun plano de emprego municipal a dous anos (2012 e 2013) que cre postos de traballo vinculados a pequenas obras e servizos municipais. (máis…)



