Entradas coa etiqueta ‘igualdade’

Unha xestión da que estarmos orgullosos e orgullosas

Mércores, Marzo 23rd, 2011

Pasaron case catro anos desde que o BNG entrou no goberno municipal de Vigo. Catro anos de esforzo, ilusión e compromiso coa nosa cidade e co noso país. Participamos dun goberno orientado polo compromiso coa xente de Vigo e de Galiza, desde os nosos valores e principios e desde o compromiso coa cidade e o conxunto de país. Partimos da base que gobernar non é o mesmo que mandar. Gobernar é escoitar á veciñanza, atender as súas demandas, facer fronte ás súas necesidades, ser próximos aos seus problemas, ser transparentes nas nosas actuacións. Agora, chega a hora de facer balance para que a cidadanía escolla.

Fixémolo a semana pasada, nun acto conxunto cos socios de goberno. Estámolo a facer esta semana mediante diversos actos sectoriais nos cales pretendemos informar á cidadanía da nosa labor en deportes, cultura, benestar, igualdade, comercio, turismo e outras áreas.

Grazas á labor dos nosos concelleiros e concelleiras, en Vigo duplicamos os orzamentos de benestar, puxemos en marcha novas infraestruturas deportivas como as piscinas de Barreiro e da Miñoca ou o pavillón de Navia, garantimos unha programación cultural para todo o ano no Auditorio Municipal, abrimos locais de ensaio para os músicos novos e puxemos en valor o noso patrimonio, reconquistando para a cidadanía o Casco Vello como un lugar para vivir e coñecer. (máis…)

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

Vermellas

Luns, Febreiro 28th, 2011

Quixera compartir con vós algunhas das reflexións que pronunciei o último día na inauguración da exposición “Vermellas, chamábanlle Rojas”, que abriu o pasado venres na Casa das Artes, grazas á labor da Concellaría de Igualdade que preside a nacionalista Iolada Veloso e do Consello Municipal da Muller. Unha exposición que pretende homenaxear, honrar e devolver o recoñecemento público ás 80 mulleres asasinadas en Galiza durante a guerra civil.

Mulleres como Ángela Iglesias Rebollar, executada xunto co seu marido en Teis por axudar aos fuxidos; como Rosario Hernández Diéguez, que vendía xornais na rúa Príncipe e foi asasinada con 16 anos. Mulleres como Carmen de Miguel Agra, que intentou fuxir de Vigo no barco “Eva” en 1937 xunto cos irmáns de Castelao e se suicidou antes de ser atrapada. Mulleres como Mercedes Núñez Tárrega, que combateu os nazis na Franza ocupada e foi deportada a un campo de concentración. Como Margarita Bilbatúa Zubeldia, que viu como eran fusilados tres irmáns dela por pertencer ao Partido Socialista. Mulleres como Urania Mella, feminista, filla do anarquista vigués Ricardo Mella, que estaría na cárcere en Gipúzkoa case ata pouco antes de morrer.

Hoxe, estas seis persoas dan nome a seis rúas de Vigo tras un acordo do pleno, a proposta do movemento feminista vigués e co impulso decidido dun goberno municipal comprometido coa recuperación da Memoria Histórica. (máis…)

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

2008, o ano dun Vigo imparable

Xoves, Xaneiro 3rd, 2008

Cando empeza un novo ano é o momento de deterse un anaco e marcarse obxectivos. Temos por diante doce meses que dan para moito e este ano, aínda máis, porque o 2008 trae un día de agasallo. A nivel persoal cada un de nós facemos unha lista de bos propósitos e establecemos as nosas prioridades. Cando se teñen responsabilidades de goberno é obrigado tamén facelo así para asegurar unha boa xestión e rachar coa improvisación.

Deixamos atrás seis meses de goberno no que desde as nosas áreas, ademais de iniciar xa algúns proxectos, adicámonos a planificar a acción de goberno que imos desenvolver dagora en diante. Na campaña insistín moito na necesidade de que esta cidade precisaba rematar coa política de parcheo e tiña que deixar de moverse por impulsos. Foi por iso que quixemos aproveitar este tempo para definir o camiño que imos percorrer nos vindeiros anos. Ese traballo xa está feito e chega o momento de empezar esa andaina con paso firme.

O 2008 ten que ser o ano no que a nosa cidade fixe ou seu rumbo; ten que ser o ano no que se faga realidade o impulso definitivo que Vigo precisa para competir en pé de igualdade coas principais cidades do mundo; ten que ser o ano no que se avance de xeito decidido nas políticas de igualdade; ten que ser o ano de progresar na mellora do benestar dos vigueses e as viguesas; ten que ser o ano no que Vigo conte cunha programación cultural municipal de calidade e para todos os públicos; ten que ser o ano no que sexamos quen de achegar a práctica deportiva a toda a cidadanía e a nosa candidatura á Universiada triunfe; ten que ser o ano no que se empece a facer realidade, por fin, a recuperación do Casco Vello; ten que ser o ano no que os mozos e mozas atopen na súa cidade máis e mellores oportunidades. Ten que ser, en definitiva, o ano dun Vigo imparable.

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame