Entradas coa etiqueta ‘Galiza’

Útil para a cidadanía e vertebradora do territorio

Luns, Xuño 27th, 2011

PP e PSOE teñen que deixar de pelexar por ver quen preside a Área Metropolitana. Pola contra, é preciso clarificar as cuestións verdadeiramente fundamentais, como son a definición das súas competencias (tras o baleirado doutras administracións para evitar duplicidades) e o seu financiamento claro. Sobre estas cuestións cómpre chegar a acordos para que esta nova entidade cumpra o seu principal obxectivo: a vertebración do territorio.

Pero o consenso tamén debe predominar no obxectivo de que a Área Metropolitana debe ser útil para os veciños e veciñas dos concellos implicados, tal e como puxemos enriba da mesa na xuntanza que a semana pasada tivemos Carme Adán, Henrique Viéitez e Manuela Rodríguez, cos secretarios comarcais de CIG, Serafín Otero, UGT, Antonio Juste, e CCOO, José Cameselle.

Se queremos que a Área Metropolitana funcione debemos evitar que se convirta nun chiringuito de poder, e para ilo temos que falar de que servizos vai prestar. Neste sentido, o BNG presentou unha emenda á totalidade así como emendas parciais ao proxecto de lei, que se debatirá mañá no Parlamento.

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

Un tren de futuro para Vigo

Xoves, Febreiro 17th, 2011

“Viajeros al tren, gallegos también”. Iso dicían os xefes de estación do outro lado do Padornelo hai xa algún tempo. E neste caso, ademais do desprezo que moitos dos nosos emigrantes sufrían cando tiñan que coller a maleta para gañarse a vida fóra do país, Galiza ten sufrido historicamente un importante atraso no relativo ás infraestruturas de transporte, un atraso que está lonxe de ser resolvido.

O pasado martes asistín, na miña condición de tenente alcalde, á presentación do proxecto da futura estación do AVE. Sen ter en conta outras consideracións, o edificio deseñado polo arquitecto Tom Mayne será positivo, e desde logo, un punto referencial da nosa cidade. No entanto, debemos ter presentes outras cuestións. O que os vigueses e viguesas queren saber non é como vai ser o edificio da estación, senón cando vai estar rematada a conexión de Alta Velocidade co Eixo Atlántico e coa Meseta. As obras do Eixo Atlántico, que están rematadas entre Santiago e A Coruña, veñen sufrindo unha parada inexplicable. E a conexión directa de Vigo coa Meseta (a xa famosa variante de Cerdedo) vén de aprazarse indefinidamente.

Para a nosa cidade será vital rematar o Eixo Atlántico, que conectará Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Santiago e A Coruña en menos tempo do que leva hoxe desprazarse en coche pola autoestrada do Atlántico, e ademais dun modo máis seguro e ecolóxico. Porén, non chega con iso. (máis…)

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

25 de xullo: forza e reflexión

Domingo, Xullo 25th, 2010

Un ano máis celebramos hoxe o 25 xullo. É o Día da Patria onde os nacionalistas e as nacionalistas aproveitamos para facer análise político e coller folgos e forzas para afrontar un novo curso político. Chegamos a esta data cunha situación en Galiza que, cando menos, tería que mobilizar todas as ferramentas ao noso alcance. A situación económica, os continuos ataques privatizadores aos servizos sociais, os recortes tanto salariais como de dereitos aos traballadores e traballadoras e a obsesión dalgúns por facer de Galiza algo de segundo orde, sen identidade propia e sen dereitos como a nazón que somos, tiñan que ser motivos suficientes para reconsiderar que temos que demostrar a nosa forza e facer valer a nosa historia, o traballo de moitos homes e mulleres por conseguir a dignidade propia dun país que labramos entre todos e todas e, sobre todo, para facer valer a nosa autoestima e orgullo de sermos galegos e galegas.Os galegos e galegas temos nas nosas mans o camiño a percorrer, pero témolo que facer xuntos, sen distintas velocidades e sen importarnos cando cheguemos, senon que cheguemos xuntos. É o camiño da unidade, o da aposta polo noso e polos nosos desexos comúns, o camiño por estar ao carón dos nosos sectores básicos económicos, ao carón dos traballadores e traballadoras, dos nosos empresarios que sinten como galegos as voraces garras dun mercado cada vez máis abusivo e aniquilador, ao carón da nosa lingua, da nosa cultura e da nosa propia historia, ao carón dos que aínda hoxe non renuncian a dar a batalla pola consideración de Galiza como a verdadeira nazón que é. O camiño, en definitiva, que temos que marcar para poder xerar de novo a ilusión nas nosas xentes.

Só cando Galiza apostou polo seu foi quen de saír sempre adiante e de superar obstáculos que parecían insalvables. Fagamos valer a nosa forza e ben seguro que escoitarán a nosa voz tanto o Goberno do Estado coma o galego que seguen arroxándonos as migallas para darlle o pan aos outros e continúan na inoperancia absoluta cando o noso país urxe medidas claras e realistas que nos empurren a un novo horizonte.Lonxe dunha inaceptable resignación ou desesperanza esta data tería que servirnos tamén aos nacionalistas e ás nacionalistas para, dende a ilusión e as gañas de traballar polo país que sempre nos ten caracterizado, facer unha clara reflexion sobre o noso papel na construción dunha renovada Galiza e, sobre todo, da mensaxe que temos que transmitir a toda a sociedade galega. Estar máis preto desta sociedade, asumir a realidade das nosas xentes e lanzar aire fresco diante de situacións contaminadas por vellos prexuízos adquiridos, renovar o noso xeito de comunicar e as estratexias de implantación do noso ideario en todos os sectores, traballar contra ninguén e a favor sempre dos nosos intereses, e aparcar o que nos diferencia a prol da unidade de acción poderían ser algunhas claves para que o necesario e importante papel que temos que xogar os nacionalistas e as nacionalistas neste país sexa máis crible e, sobre todo, entendido.

No Día da Patria Galega temos que facer valer a nosa forza dende o respecto a nosa historia, as nosas xentes e sen excluír a ninguén. As nosas ideas e proxectos siguen sendo necesarios para que Galiza avance no seu recoñecemento como pobo e cara a unha maior soberanía. Non defraudemos aos que sempre creron en nós e non os defraudemos mantendo posicionamentos herméticos e anclados no pasado ou con axiomas inamobibles. Dende o universalismo que sempre caracterizou a homes como Castelao ou Bóveda construamos un xeito máis dinámico, máis moderno e cheo de ilusións renovadas, de chegar a todos e todas, para que Galiza siga contando coa ferramenta máis poderosa que ten para ser recoñecida como a nazón que somos: os propios galegos e galegas.

Un ano máis estarei na Quintana, cos meus compañeiros e compañeiras do BNG, reclamando o que sempre fixemos: a dignidade. Estarei celebrando con todos e todas que, mal que lles pese a algúns, o noso proxecto segue tan vivo como sempre e que sempre, aínda que agardo que con aires novos, estaremos dende o BNG defendendo os lexítimos dereitos de todos os galegos e galegas.Viva Galiza, viva o Día da Patria Galega.

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

Defendamos a Caixanova

Xoves, Xaneiro 14th, 2010

Moito se está a falar estes días sobre a fusión das caixas e sobre a nova lei que se acaba de aprobar. Algunhas manifestacións que se están a facer lémbranme moito a aquelas que se facían nos primeiros tempos da democracia, cando algúns alertaban do perigo da chegada dos comunistas. “Como veñan quitaranche unha das dúas vacas que tes”, advertían para meter medo. Ven esto a conto do moito que se está a falar sobre a fusión. Que se vai desaparecer Caixanova, que se o norte se vai comer ao sur... Sen embargo, nestes momentos ninguén sabe en que termos se vai a producir, nin cal vai ser o papel de cada unha das caixas.

 

Se ninguén dubida de que Caixanova está nunha posición máis solvente que Caixa Galicia, se ninguén dubida da súa eficiencia e da súa boa xestión, ¿que medo podemos ter? Non debemos esquecer que xa se ten realizado outra fusión da que entón era Caixavigo coas caixas da capital da provincia e de Ourense e daquela a nosa caixa non perdeu o seu peso específico, nen a súa posición, é máis aínda se reforzou.

 

Estase a falar tamén dos investimentos en materia social, alertando da posibilidade de perder o labor que desenvolve coa Obra Social. Esquécense algúns de que Caixanova ten feito moita obra social non só en Vigo, senon en toda Galiza, tamén na Coruña. Ao igual que Caixa Galicia ten feito obra social en Vigo, o que me parece moi ben, xa que ámbalas dúas caixas non só se nutren cos aforros das localidades nas que están asentadas, senón de todos os galegos e galegas.

 

Pero do que non se está a falar e das outras posibilidades e das súas consecuencias. Non se está a dicir que na conxuntura actual e imposible que Caixanova poda camiñar soa e que, polo tanto, terá que buscar outros aliados para o seu camiño. Non se está a dicir que eses aliados serían de fóra (Murcia, Asturias, Madrid...). Non se está a dicir que as SIP son, sen dúbida, o primero paso para a deslocalización das caixas e a súa futura bancarización. Non se está a dicir tampouco que noutros territorios do estado apostaron por fórmulas como as que os nacionalistas defendemos e deron por resultado caixas fortalecidas e entidades financieiras que están a apostar claramente polos sectores económicos propios.

 

Hai agora certos sectores empresariais que critican abertamente a fusión e din que o fan en nome da defensa de Vigo. Son os mesmos sectores que non critican e mesmo aplauden a discriminacion da actual Xunta do PP con esta cidade cando se lle reduce nun 36% o capítulo de investimentos ou cando se desmantelan os servizos sociais públicos que tanto necesitamos os vigueses e viguesas. ¿Quen está a pensar nos traballadores e traballadoras cando se fan esas afirmacións? ¿Será tan mala a fusión cando os tres sindicatos, que son os que defenden os seus intereses, están dacordo con ela? ¿Non será que cada quen está tentando manter a sua posición empresarial a marxe da racionalización e da defensa dos intereses reais de Vigo e Galiza?

 

É unha auténtica mentira que se diga que estar a favor da fusión e ir en contra de Vigo. A realidade é que ir en contra da fusión é simplemente defender a política do PSOE e a do Banco de España, que nunca tiveron nas súas prioridades que Galiza contara cunha entidade financieira forte que puidese facer fronte a un embite das grandes caixas, que si controlan tanto PSOE como PP noutros territorios. Seica Galiza e Vigo non se merecen ese mesmo respecto.

 

E agora tamén se critica o intervencionismo da nova lei. Parece que o PSOE tamén esquecera as súas proclamas doutros tempos. Nós, os nacionalistas, sempre apostamos e apostaremos pola intervención dos poderes públicos no ensino, na vivenda, na sanidade e claro que tamén no sistema financieiro. ¿É que agorá só nós estamos en contra do liberalismo económico que permitiu, entre outras, esta crise pola que estamos pasando? ¿É que agora so nós defendemos que os representantes elixidos democraticamente pola cidadanía son os que deben xestionar a riqueza e a economía para distribuílas axeitadamente entre as clases menos favorecidas? Pois si, nós defenderemos sempre a liberdade e nunca pasaremos polas dictaduras de sectores que inflúen na sociedade desde o poder económico e que mesmo son quen de variar as grandes liñas macroeconómicas según lles interese aos seus beneficios e non aos de toda a poboación. Cando exercemos a democracia facémolo para que as persoas que eliximos nos representen e xestionen a cousa pública por nós. Por iso os representantes públicos somos cambiantes segundo o que a cidadanía considere.

 

Mentres continúe en política serei sempre coherente e nunca me deixarei levar polos réditos electorais cando se trate de defender o mellor para a miña cidade e para Galiza. Cando se trata de defender a Vigo e a Caixanova ninguén pode arrogarse o máximo papel, xa que foron moitos os pequenos aforradores, moitos os traballadores e traballadoras, os que fixeron posible que a nosa caixa sexa hoxe o que é; anos de historia na que moitos dos que hoxe apelan ao viguismo, sinxelamente nin estaban nin nos defendían.

 

Coherencia política e realidade política é o que precisa a nosa sociedade e non proclamas partidistas que na meirande parte das ocasións nos levan ao suicidio. A coherencia que sempre practicou o BNG, aínda que moitas veces foramos duramente criticados, pero que co paso do tempo, por desgraza, en moitos temas nos deu a razón. Coherencia como á hora de apostar seriamente dende a anterior Xunta polos nosos sectores básicos. Coherencia histórica na defensa dos intereses de Vigo e Galiza, mentras outras forzas políticas só miraban cara Madrid. Por esta coherencia é pola que milito dende hai moitos anos no BNG e seguirei militando.

 

Defendamos a Caixanova, eu o primeiro e o BNG tamén, pero defendámola para salvala de buitres que agardan o momento de asaltar á presa. Defedámola para que siga cos pés ben anclados en Vigo e en Galiza e non noutros lugares. Non a defendamos, non por ela, senon por querer manter o poder económico establecido ou por conseguir reditos electorais.

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame