Entradas coa etiqueta ‘confrontación’

Porto e Concello deben chegar a acordos

Venres, Marzo 4th, 2011

Unha vez máis, as liortas entre porto e concello de Vigo protagonizan o debate político na nosa cidade. Esta vez, a raíz do precintamento das naves de froita por parte do Concello, seguido da querela do Partido Popular. Vaia por diante que sempre defendín que o Porto de Vigo conte cun plano de usos, unha demanda constante do BNG para evitar (ou atenuar, polo menos) novas agresións á Ría de Vigo.

É preciso que Concello e Porto se poñan de acordo para deseñar estratexias de futuro nestes tempos de crise, e sobre todo para poñelas en práctica. Para iso, sería interesante que a Autoridade Portuaria fose dirixida por cargos de perfil técnico que non empregasen esta institución como trampolín electoral, tal e como está a facer agora a señora Porro e tal e como fixeron anteriormente outros representantes do PSOE e do PP.

O Porto estivo a empregarse como plataforma electoral durante os últimos quince anos e o Plano de Usos do Porto segue sen aparecer. Tanto o PSOE como o PP carecen de credibilidade neste debate, e agora cometen a irresponsabilidade de xudicializar a vida política, como se os tribunais fosen quen de resolver o que lles compete a eles. (máis…)

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

Unir e non dividir

Luns, Marzo 1st, 2010

Moito se está a falar ultimamente de quen defende a Vigo e quen non, dependendo da posición que teña diante de determinadas cuestións que atinxen á cidade. A min ese discurso paréceme baleiro de contido. Penso sinceiramente que calquera vigués ou viguesa, e mesmo os que non o son pero elixiron a nosa cidade para vivir, quere o mellor para a súa cidade.

 

Para min, como representante da cidadanía, defender Vigo é algo máis. É xerar consensos, é acadar acordos, é unir e non dividir, é fuxir da confrontación, é sumar e non restar, é conciliar posturas, é xuntar esforzos… En definitiva, é pensar primeiro no que é mellor para a cidade, por riba dos intereses partidistas.

 

Nos últimos tempos temos no Porto o mellor exemplo do que non hai que facer para defender Vigo. O espectáculo ao que estamos asistindo nas últimas semanas entre a Autoridade Portuaria e o Concello non é bo para a cidade. Os vigueses e viguesas están fartos destas liortas. Non entenden como é posible que a disputa presida a relación entre as dúas administracións.

 

O certo é que a confrontación á que estamos asistindo non é casual. É o resultado da utilización partidista que nos últimos anos tanto Partido Popular como PSOE veñen facendo do Porto. Son os seus intereses políticos os que marcan a xestión dunha institución que, polo ben de Vigo, debería estar sempre á marxe de calquera movemento político.

 

No BNG vimos denunciando reiteradamente que a entidade portuaria non é un trampolín político. Non pode moverse ao son que marca o partido de turno que o dirixe. É un dos piares fundamentais da puxanza económica da nosa cidade e non pode continuar sendo unha arma arroxadiza con fins unicamente electorais. Se PP e PSOE din defender Vigo o que terían que facer é deixar á marxe ao Porto da contenda electoral e abrir canles de diálogo que permitan unir e non dividir.

 

O que realmente precisa o Porto é unha xestión eficaz, que resolva o seu futuro. O BNG teno claro. Para iniciar un novo rumbo o que debería facer a presidenta da Autoridade Portuaria é presentar, dunha vez, o Plan de Utilización de Espazos Portuarios e deixarse de iniciar actuacións que non contan coa cobertura legal suficiente.

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

Hai que manter a sensatez

Venres, Febreiro 15th, 2008

 

A crispación e a confrontación téñense convertido nas protagonistas nas últimas semanas no Concello. A polémica está centrando a actividade política e iso non é bo. Non é bo para a convivencia política, pero o que é máis importante, non é bo para os intereses de Vigo. Os esforzos e tempo que se adican ás disputas van directamente en detrimento do traballo pola cidade. É unha conclusión lóxica.
A orixe desta situación é, sen dúbida, a celebración das eleccións xerais que temos á volta da esquina. A gran preocupación dos dous grandes partidos estatais é nestes intres os resultados desa cita electoral e lamentablemente ese interese estase trasladando ao día a día do Concello. O espectáculo que se está a dar é bochornoso. Non atopo outro calificativo.

 

O BNG non vai entrar nese xogo. Desde logo que eu traballarei para que a miña formación política obteña os mellores resultados posibles nas eleccións xerais, pero nunca utilizando á institución á que represento, nin o cargo que ocupo. Na actividade municipal á cita do 9 de marzo debe quedar ao marxe. É preciso diferenciar ben onde empeza e acaba a nosa responsabilidade como representantes dos vigueses e das viguesas -tanto os que estamos no goberno, como os que están na oposición- e cales son os escenarios desde onde se pode facer campaña electoral.

Estou certo de que do enfrontamento ninguén tirará réditos electorais. Penso que a cidadanía está chea de que perdamos o tempo nesas leas e reproba todo o que está acontecendo. De seguro que está a tomar boa nota das actitudes, feitos e declaracións destes días.
Chegados ata onde nos ten levado
esta situación é preciso que uns e outros recuperen a calma e a sensatez. Aínda están a tempo.

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame