Entradas coa etiqueta ‘Casco Vello’

A reconquista do Casco Vello

Luns, Novembro 23rd, 2009

Vigo naceu como cidade ao carón do mar e foi espallándose ata crear a configuración urbanística que hoxe ten, dándolle as costas ao que foi a súa orixe como cidade. Durante moitos anos o casco histórico no que agromou Vigo foi o grande esquecido. Ao tempo que a cidade medraba, o Casco Vello esmorecía. Pouco a pouco foise degradando urbanisticamente, perdendo poboación e converténdose nunha illa no centro da cidade. Pero esa situación está a mudar. Hoxe calquera que pase polo barrio poder comprobar que algo está a cambiar e que a súa rehabilitación integral está a deixar de ser unha quimera.

Cando aceptei a miña responsabilidade como tenente de alcalde e concelleiro de Cascos Históricos asumín o firme compromiso de conseguir que o Casco Vello “reviva”, que sexa de novo o sinal da nosa identidade como cidade. É unha tarefa na que os nacionalistas estamos absolutamente implicados e que empeza a dar xa os seus froitos.

As actuacións que estamos a desenvolver abranguen a rehabilitación de edificios, pero tamén a dinamización social, a mellora da calidade de vida dos seus veciños e veciñas, a reforma do entramado viario ou a mobilidade. Porque a reconquista do Casco Vello precisa dunha actuación integral que recomponña todas as pezas deste gran puzlle que é a zona histórica. Nestes dous anos desde o Concello de Vigo tense destinado ao Casco Vello o maior investimento directo da súa historia. Dos orzamentos municipais saíron máis de 6 millóns de euros para a recuperación da zona antiga e o vindeiro ano intensificaremos ese ritmo inversor. A ese orzamento hai que engadir outros 10 millóns de euros do Plan de Investimento Local que quixemos destinar ao barrio, así como os máis de 18 millóns de euros adicados polo Consorcio do Casco Vello á rehabilitación de inmobles. Sen dúbida, nunca antes se achegaron tantos fondos para facer que sexa de novo o cerne da cidade.

As obras que enchen o casco histórico son a mellor proba de que hai un compromiso político firme pola súa recuperación. Á reforma de 19 rúas e á rehabilitación de ao redor de 60 edificios que se desenvolven desde o Concello e o Consorcio, hai que engadir as axudas aos particulares para a rehabilitación de fachadas e cubertas e actuacións en interiores en vivendas e locais comercias. Os proxectos para a apertura da Pinacoteca e o Centro Fotográfico Galego, o programa de limpeza de pintadas, os Coidadores do Barrio, a intalación dunha rede de banda ancha Wimax… son algunhas das pezas que estamos artellando para rematar o puzzle.

Un puzzle no que xoga un papel fundamental a mellora da mobilidade. É unha peza clave conseguir que os desprazamentos polo barrio sexan cómodos e accesibles e que exista unha boa conexión entre as zonas alta e baixa do casco histórico. Precisamente ese é un dos obxectivos da reforma do entramado viario que estamos a desenvolver, cun orzamento de 10 millóns de euros. Nomeadamente a remodelación do eixo Porta do Sol-Elduayen-Paseo de Alfonso vai ser un aspecto determinante para mellorar a conexión entre a parte alta e baixa do barrio. Deixará de ser unha barreira que separa para transformarse nun espazo de unión do barrio e encontro da cidadanía.

No plan de mobilidade que temos para o Casco Vello inclúese tamén a proposta do servizo de transporte público con microbuses eléctricos que poñeremos en marcha o vindeiro ano. Aínda que a nova Xunta desbotou financiar o proxecto do funicular para unir O Berbés co castelo de San Sebastián, como tiña previsto a anterior Consellería de Vivenda, estamos decididos a levar o proxecto adiante, xa que entendemos que é básico, non só para facilitar as comunicacións do barrio, senon tamén para a rexeneración dunha zona tan emblemática como O Berbés.

É certo que aínda queda moito traballo por diante para conseguir que o Casco Vello estea na súa totalidade rehabilitado, pero ninguén pode poñer en dúbida que a transformación é xa un feito. Alomenos no cincuenta por ciento do barrio é xa tanxible, é unha realidade. Nestes dous anos temos iniciado un proceso que non ten volta atrás, un proceso que fará que a cidade recupere para a cidadanía o lugar no que naceu.

A fortaleza dunha cidade singular

Mércores, Agosto 5th, 2009

Singularidade. Esa é a proposta que Vigo debe facer para proxectar o seu futuro. Estamos nun século recén estrenado no que a globalización derruba fronteiras e competitividade é a palabra que move o mundo. Neste escenario, máis ca nunca, a nosa cidade debe enfrontar o seu futuro sen complexos, tirando partido das súas fortalezas e poñer en valor o que nos fai singulares.

Hai moito partido por xogar e debemos ter clara cal vai ser a nosa estratexia para conseguir o mellor resultado. Por suposto, debemos seguir mimando o noso tecido industrial, pero non podemos seguir fiando exclusivamente o noso futuro nese sector. Vigo pode ser tamén un referente noutros ámbitos, nomeadamente o turístico, o cultural, o tecnolóxico, o comercial, o social ou o deportivo. 

Dispoñemos  dos mellores mimbres. Contamos cun gran potencial emprendedor empresarial e coa capacidade e o esforzo que os vigueses e viguesas amosamos día a día. Porque non debemos esquecer que Vigo é hoxe a primeira cidade de Galiza, o motor industrial e económico deste país, grazas á unha cidadanía que ten sido quen de saber facer fronte sempre ás dificultades e resolver con imaxinación os atrancos que teñen aparecido no camiño, caseque sempre en forma de discriminación doutras administracións no reparto do pastel orzamentario.É tempo de que mude esa tendencia. Para iso Vigo, os vigueses e as viguesas, debemos crér máis na nosa cidade e confiar realmente nas nosas posibilidades. Desde a Tenencia de Alcaldía estamos a traballar para conseguir que cada día queiramos máis a nosa cidade e nos sintamos orgullosos dela.  Aí está a nosa aposta decidida pola recuperación do noso Casco Vello, o noso verdadeiro sinal de identidade como cidade. É unha tarefa laboriosa e máis lenta do que todos e todas desexamos, pero sen dúbida estamos no bo camiño para convertir o noso barrio histórico nun lugar de referenza para o turismo. Un casco antigo rehabilitado, xunto ao incomparable contorno natural que ofrece a nosa ría e a coroa de montes que nos rodea son aspectos que moi poucas cidades poden ofrecer para estar en pé de igualdade na forte competencia que hai no sector turístico. Esas son as nosas singularidades. Ademais contamos como armas estratéxicas o Vigo Convention Bureau, que permitirá que a cidade entre na rede internacional para a organización de eventos, e o Plan de Competitividade Turística que vai poñer en valor as nosas fortalezas como destino turístico.Debemos apostar tamén por facer a Vigo protagonista e programar eventos que nos permitan amosar as nosas capacidades. Acabamos de acoller na nosa cidade o Mundial de Hóckey sobre Patíns, un evento que ten demostrado unha vez máis a nosa capacidade organizativa e que premitiu que a cidade tivera proxección internacional. Aspectos aos que hai que engadir o retorno económico que a celebración desta competición deixou no sector hosteleiro, hoteleiro e comercial da cidade. O Mundial é un bo exemplo do que os grandes eventos poden significar no futuro nunha cidade como a nosa.

Igualmente temos opcións para presentar ao mundo unha oferta cultural singular. Estamos a traballar para rentabilizar ao máximo os magníficos museos que temos na cidade. Na nosa aposta de futuro funcionarán en rede, cunha oferta coordinada. Esa será unha das mellores cartas de presentación de Vigo á volta duns anos.

Pero, sobre todo, a nosa cidade debe explotar ao máximo a súa singularidade no aspecto social. Vigo ten sido sempre unha cidade solidaria e agora máis que nunca debe selo. Calquera proposta de futuro ten que pasar necesariamente pola mellora da calidade de vida dos cidadáns e das cidadás, especialmente dos máis necesitados. O fin último debe ser sempre a xente. Para que a proposta de futuro da nosa cidade triunfe debemos garantir a igualdade de oportunidades para todos e todas. Para nós ese é o obxectivo prioritario e nel traballamos a reo.

Estou certo de que a Vigo lle sobran elementos que a fan singular para encarar o seu futuro con garantías. Se conseguimos superar o lastre que arrastramos na execución de infraestruturas básicas, como o AVE, esta cidade será imparable.  

Orzamentos sociais fronte a crise

Venres, Outubro 31st, 2008

Crise. Esa é a palabra que, por desgraza, dende hai xa varios meses centra o interese. Estamos a atravesar unha difícil situación económica que se deixa sentir en todos os ámbitos da vida e que xa está a ter maior incidencia nos sectores máis desfavorecidos, que son sempre os que padecen en primeiro lugar as consecuencias destes procesos.

Neste contexto é no que o Goberno municipal afrontou a elaboración dos orzamentos do vindeiro ano. A situación loxicamente obrigou a facer unha racionalización dos gastos, pero sabedores de que a Administración local vai ter que dar resposta ás consecuencias derivadas da crise, fomos quen tamén de manter o nivel de crecemento nas partidas directamente vinculadas á atención cidadá, é dicir, aquelas de marcado carácter social, as que nos van permitir ampliar as axudas para atender ás persoas desfavorecidas, dependentes, en risco de exclusión socia, infancia…

Son estes sectores os que con maior virulencia van sentir o mal momento económico que vivimos e aos que dende o BNG queremos prestar atención.Por iso nas nosas áreas de xestión apostamos fortemente polo gasto social. Incrementamos as partidas destinadas a todos os programas relacionados directamente coa mellora da calidade de vida dos nosos veciños e veciñas, porque mantemos o noso compromiso de traballar para a xente.

O gasto social é un dos piares sobre os que se sosteñen os orzamentos, pero dende as nosas concellerías quixemos tamén facer un esforzo nos investimentos para continuar impulsando a recuperación integral do Casco Vello. O noso barrio histórico vai ter por segundo ano consecutivo a maior aportación económica por parte do Concello. Tres millóns de euros, que sumados aos sete do Consorcio do Casco Vello, van permitir continuar avanzando con paso firme nun obxectivo que para nós é preferente: recuperar o barrio cerne da cidade. Como teño manifestado reiteradamente é un proceso longo e complicado porque tras moitos anos de abandono hai moito traballo por facer, pero neste primeiro ano xa se está a notar que desta vez vai.

O gasto social e o Casco Vello foron as nosas prioridades nestes orzamentos, pero igualmente afrontamos na súa elaboración algo que para nós e fundamental na nosa acción de goberno: cumprir o pacto de goberno asinado co PSOE. É podemos dicir que as cuestións ás que nos comprometimos con esa sinatura están recollidas nos orzamentos, para dar resposta ás demandas e necesidades que ten a cidade.

Por segundo ano consecutivo Vigo vai comenzar o ano cun orzamento aprobado e listo para executar e iso é algo que tamén ten a súa relevancia. É moi importante para a cidadanía contar cos orzamentos do Concello en tempo e forma, porque iso vai permitir que teñan acceso antes ás subvencións, que podian solicitar canto antes as axudas ás que teñen dereito ou que non se retrase a execución das obras. Iso tamén incide na mellora da calidade de vida da veciñanza.

O BNG ten boa parte de responsabilidade no feito de que os orzamentos estean aprobados a un de xaneiro e se negociaran sen facer deles un reparto do pastel ou entrar en batallas partidistas. A nosa responsabilidade fai que a por riba de todo poñamos o interese da cidade e dos seus veciños e veciñas. E estou certo de que para eles estes son uns bos orzamentos, nunha época na que pende sobre nós unha difícil situación económica.

O Casco Vello

Sábado, Maio 10th, 2008

A emisión dun programa de televisión sobre o Casco Vello leva unha semana protagonizando o debate na cidade. Eu penso que a visión que se ofrecue, sendo real, é parcial e só recolle unha parte da situación do barrio. Pero feita esa reflexión inicial, o que levo varios días tratando de entender é por que parece que o problema existe agora porque sae na televisión. É como se o deterioro do Casco Vello xurdira de pronto ou que a situación de marxinalidade na que viven algunhas persoas acontecera de súpeto. Non é así. A situación do barrio é froito de moitos anos de abandono, e o malo non é que esa realidade ofreza agora a través das pantallas da televisión dos nosos fogares unha mala imaxen da cidade, que tamén, o realmente importante é que esas situacións existen é hai que darlle solución.

Cando negociamos o pacto de goberno puxemos moito interese en asumir a xestión do Casco Vello precisamente porque pensamos que é xa hora de que Vigo recupere o cerne da cidade. Como concelleiro de Cascos Históricos e presidente do Consorcio de Casco Vello teño un compromiso persoal co barrio e o meu obxectivo nestes anos que temos por diante é conseguir que a súa recuperación integral avance con paso firme.

Como dicía ao principio o Casco Vello non é só o que saíu no programa “Callejeros”. Esa é unha parte da realidade, pero non o todo. Hai zonas nas que a recuperación xa se deixa sentir e que deben servir como elemento dinamizador para espallar a rehabilitación a todo o barrio. Porque a transformación do barrio ten que ir máis alá da recuperación de edificios, hai que conseguir tamén a transformación social, facendo que o Casco Vello no seu conxunto sexa de novo un lugar de encontro, unha zona na que os vigueses e viguesas poidan vivir, pero tamén gozar do seu lecer, ir de compras ou desenvolver actividades que agora lle están vetadas.

Grazas, sobre todo, ao tesón e empuxe das xentes do Casco Vello ese obxectivo empeza a coller forza. As administracións temos a obriga de acompañar o proceso e así o estamos a facer. Os andamios que xa se empezan a ver son un bo exemplo. Nunca coma agora houbo unha implicación tan importante tanto da Xunta, a través da Consellería de Vivenda, como do Concello. Sei que hai moitos e moitas escépticos e teñen motivos para esa incredulidade, porque ao longo dos anos houbo oportunidades desaproveitadas e moitas promesas incumpridas. Eu estou certo de que desta vai. Non será un cambio radical, como eses aos que nos teñen afeitos nalgúns programas de televisión que están na antítese de “Callejeros”. Será un camiño que teremos que percorrer entre todos pasiño a pasiño, asegurando cada novo chanzo que subimos, pero no que xa non hai volta atrás. Eu estou firmemente convencido de que é posible e, ademais de seguir pedindo paciencia aos veciños e veciñas, pido tamén que creades que está ao noso alcance conseguilo, pido a vosa complicidade…  

2008, o ano dun Vigo imparable

Xoves, Xaneiro 3rd, 2008

Cando empeza un novo ano é o momento de deterse un anaco e marcarse obxectivos. Temos por diante doce meses que dan para moito e este ano, aínda máis, porque o 2008 trae un día de agasallo. A nivel persoal cada un de nós facemos unha lista de bos propósitos e establecemos as nosas prioridades. Cando se teñen responsabilidades de goberno é obrigado tamén facelo así para asegurar unha boa xestión e rachar coa improvisación.

Deixamos atrás seis meses de goberno no que desde as nosas áreas, ademais de iniciar xa algúns proxectos, adicámonos a planificar a acción de goberno que imos desenvolver dagora en diante. Na campaña insistín moito na necesidade de que esta cidade precisaba rematar coa política de parcheo e tiña que deixar de moverse por impulsos. Foi por iso que quixemos aproveitar este tempo para definir o camiño que imos percorrer nos vindeiros anos. Ese traballo xa está feito e chega o momento de empezar esa andaina con paso firme.

O 2008 ten que ser o ano no que a nosa cidade fixe ou seu rumbo; ten que ser o ano no que se faga realidade o impulso definitivo que Vigo precisa para competir en pé de igualdade coas principais cidades do mundo; ten que ser o ano no que se avance de xeito decidido nas políticas de igualdade; ten que ser o ano de progresar na mellora do benestar dos vigueses e as viguesas; ten que ser o ano no que Vigo conte cunha programación cultural municipal de calidade e para todos os públicos; ten que ser o ano no que sexamos quen de achegar a práctica deportiva a toda a cidadanía e a nosa candidatura á Universiada triunfe; ten que ser o ano no que se empece a facer realidade, por fin, a recuperación do Casco Vello; ten que ser o ano no que os mozos e mozas atopen na súa cidade máis e mellores oportunidades. Ten que ser, en definitiva, o ano dun Vigo imparable.


Pechar
E-mail It