Estimadas amigas e amigos que nos acompañastes nesta campaña. Grazas polo voso apoio e polo voso alento, pola vosa presenza nos actos sectoriais e nos actos en barrios e parroquias, polo voso esforzo en transmitir a nosa mensaxe, ou en prestarlle atención ás nosas propostas. O meu compromiso e o do BNG de Vigo será o de seguir a carón dos vigueses e viguesas en calquera circunstancia e defender todas as medidas en positivo de transformación da cidade que se tomaron nos últimos catro anos.
Vigo segue a precisar do BNG e do compromiso de todos os vigueses e viguesas para facer unha cidade mellor nunha Galiza máis libre e máis xusta.
O BNG ten levado a iniciativa nesta campaña electoral. Somos os únicos en facer propostas que logo os demais copian. Levo tempo pedindo que as outras forzas políticas con posibilidade de acceder á Alcaldía digan con claridade cal é o seu proxecto e o seu modelo de cidade. A realidade é que o fomos a única forza política que presentou o seu programa completo o día do inicio oficial da campaña, resumido nos 13 Compromisos con Vigo.
A día de hoxe, seguimos sendo a única forza política que ten amosado unha posición clara sobre cuestións como a mobilidade e o transporte público, apostando pola creación dun ente metropolitano de transportes e pola posta en marcha de carrís bici na nosa cidade. Tomamos posición con claridade sobre a remunicipalización do servizo de augas cando caduque a actual concesión, no 2015. Demos cifras e datas claras sobre que facer en materia de emprego e servizos sociais: 2.500 postos de traballo a crear en dous anos con fondos municipais e tamén un aumento da porcentaxe do orzamento destinado a soster a cuarta pata do Estado do Benestar, os servizos de Benestar Social, até acadar o 8% do total.
É preciso concentrar o voto da xente galeguista e nacionalista que lle quere ao noso país. E tamén o voto de toda a esquerda, de toda a xente progresista que de cotío se dá conta de que as dúas grandes forzas políticas estatais seguen os ditados da gran banca, da chanceler Merkel e do Fondo Monetario Internacional. Mais sobre todo, é preciso frear ao Partido Popular, que é quen representa, desde o goberno da Xunta de Galiza, a aplicación das receitas da dereita dura no noso país: recortes en políticas sociais, en políticas de apoio ás mulleres e privatización encuberta da sanidade pública, como vemos en Vigo co proxecto do novo hospital. Lembremos que desde que Feijóo goberna a Xunta hai 75.000 parados e paradas máis no noso país.
O día 22 de maio, temos que dicirlle ao señor Feijóo que non queremos esas políticas de dereitas en Vigo. Que non queremos que trasladen aos concellos os recortes sociais que están a facer na Xunta de Galiza. Votar a Corina Porro significa apoiar ao mesmo partido que ataca o galego, que favorece ás empresas de fóra e recorta dereitos aos máis desfavorecidos. Votar ao BNG, cuxa lista teño a honra de encabezar, é votar polo equipo da casa, polos que van defender un Vigo máis igualitario e con máis emprego, votar por un Vigo que sexa capital metropolitana e siga sendo o motor económico de Galiza.
Cando falo de comercio, falo de algo moi achegado para min. Sempre recordarei a miña nai, erguéndose ás 5 da mañá para ir vender a froita e as flores no Mercado do Calvario. O traballo dos pequenos e medianos comerciantes, que traballan numerosas horas e só teñen un día á semana para descansar sempre merecerá o meu máximo respecto. Por iso, foi un área que me supuxo unha grande satisfacción dirixir persoalmente desde a Tenencia de Alcaldía, e é un área pola que o BNG aposta no seu programa electoral para os próximos catro anos.
A concellaría de Comercio conseguiu, nestes catro anos, moitas melloras para o sector, como me teñen recoñecido os e as profesionais do sector. A partir do 2007, por fin houbo un departamento dedicado totalmente ao comercio no Concello de Vigo, xestionando esta área desde o diálogo coas asociacións de comerciantes, cando antes o único que se facía desde o Concello era o alumeado de Nadal.
Nós puxemos en marcha a reforma do Mercado do Progreso , deseñamos o proxecto para o novo Mercado do Berbés e investimos, en definitiva, en torno a catro millóns de euros entre axudas directas é subvencións ás familias con dificultades económicas para que consumiran no pequeno comercio de Vigo. (máis…)
Este luns participei xunto con boa parte da candidatura nun acto público no Calvario. Foi un dos primeiros actos abertos desta precampaña, que aproveitamos para reivindicar a nosa acción de goberno en favor das persoas. Pero tamén para reivindicar o traballo dos compañeiros e compañeiras que nos precederon no Concello, como pioneiros da transformación de Vigo para convertir a nosa cidade nunha urbe máis social e máis sustentable, pensada para vivir e non só para traballar.
O BNG decidiu peatonalizar o Calvario coa oposición, ou coas reticencias, doutras forzas políticas durante o mandato municipal 1999-2003. Apostamos no seu día por facer deste barrio (e da Praza da Independencia, e do Casco Vello) espazos para que a xente pasease, retirando o tráfico de vehículos dalgunhas rúas. Por iso fomos moi criticados polo PP e tamén polos que daquela eran os nosos socios minoritarios de goberno. Pero demostrouse que o BNG foi capaz de abrir camiños. Como dixemos no seu día: “queremos converter a cidade-taller en cidade-fogar”. (máis…)
A crispación e a confrontación téñense convertido nas protagonistas nas últimas semanas no Concello. A polémica está centrando a actividade política e iso non é bo. Non é bo para a convivencia política, pero o que é máis importante, non é bo para os intereses de Vigo. Os esforzos e tempo que se adican ás disputas van directamente en detrimento do traballo pola cidade. É unha conclusión lóxica.
A orixe desta situación é, sen dúbida, a celebración das eleccións xerais que temos á volta da esquina. A gran preocupación dos dous grandes partidos estatais é nestes intres os resultados desa cita electoral e lamentablemente ese interese estase trasladando ao día a día do Concello. O espectáculo que se está a dar é bochornoso. Non atopo outro calificativo.
O BNG non vai entrar nese xogo. Desde logo que eu traballarei para que a miña formación política obteña os mellores resultados posibles nas eleccións xerais, pero nunca utilizando á institución á que represento, nin o cargo que ocupo. Na actividade municipal á cita do 9 de marzo debe quedar ao marxe. É preciso diferenciar ben onde empeza e acaba a nosa responsabilidade como representantes dos vigueses e das viguesas -tanto os que estamos no goberno, como os que están na oposición- e cales son os escenarios desde onde se pode facer campaña electoral.
Estou certo de que do enfrontamento ninguén tirará réditos electorais. Penso que a cidadanía está chea de que perdamos o tempo nesas leas e reproba todo o que está acontecendo. De seguro que está a tomar boa nota das actitudes, feitos e declaracións destes días. Chegados ata onde nos ten levado esta situación é preciso que uns e outros recuperen a calma e a sensatez. Aínda están a tempo.