Entradas coa etiqueta ‘Axudas’

Orzamentos con medidas fronte á crise

Luns, Febreiro 15th, 2010

Dar resposta ás consecuencia da crise económica. Esa foi a premisa coa que o BNG afrontou a elaboración dos orzamentos municipais que hai uns días aprobamos inicialmente no pleno. Quixemos volcar o esforzo financieiro en atender as necesidades dos vigueses e viguesas que máis fondamente están a sentir a incidencia da difícil situación económica. Foi por iso que incrementamos o gasto social, definimos medidas contra a crise e reforzamos o investimento produtivo.

 

A proba do noso compromiso son as cifras. Hai quen fachandea da súa implicación co social, pero logo non o evidencia con feitos. Nós si o facemos, consignando os fondos para poder cumprir. Neste terceiro orzamento municipal do mandato a Concellería de Benestar Social conta co orzamento máis elevado da súa historia. Medrou nun 31% con respecto ao execicio anterior. Son 1,3 millóns de euros máis para atender o incremento da demanda das axudas ás familias, as becas de libros e comedor, o servizo de axuda no fogar e, en xeral, todos os servizos que precisan os sectores máis desfavorecidos.

 

E se o gasto social crece, tamén o fan as partidas destinadas á axudar ao pequeno e mediano comercio, un dos sectores que máis está sentindo os efectos da crise. O orzamento de Comercio increméntase nun 51% para seguir apostando por medidas como as de incentivar o consumo, con axudas ás familias con menos recursos, e as axudas directas ao comercio. Pero a nosa aposta reflíctese tamén no resto das concellerías nacionalistas, xa que en todas se atende especialmente o gasto social, con incremento das partidas destinadas á colaboración cós diferentes colectivos, asociacións e entidades sociais, deportivas, culturais ou xuvenís.

 

Son algunhas das pinceladas dun orzamento que vai permitir que esta cidade siga avanzando e se transforme, tendo como referente o traballo para a xente e dando resposta ás vellas demandas da cidadanía, como a recuperación do Casco Vello. Imos seguir avanzando na recuperación do Casco Vello, un proceso que non ten marcha atrás e que imos continuar con novos investimentos para mellora de rúas, a Pinacoteca e o Centro Galego de Fotografía ou campañas de dinamización.

 

Nestes case tres anos de mandato puxemos en marcha a cidade e no que queda por diante con estes orzamentos seguiremos impulsando este proceso. Nós, en contra do que pensa o PP, defendemos que en tempos de crise é cando hai que incrementar as constas municipais. Sería unha irresponsabilidade que tiveramos diñeiro na caixa cando a cidadanía está aguantando sobre as súas costas as consecuencias dunha crise que, precisamente, en grande medida é o resultado das políticas defendidas desde as filas conservadoras.

Axudas ás familias para o consumo

Sábado, Outubro 17th, 2009

Das 150.000 persoas que en Vigo cotizan á Seguridad Social  aproximadamente o 75% ten salarios que rondan os 1.000 euros. A elas hai que engadir as que se atopan en situación de desemprego. Representan aos sectores da poboación que viven o seu día a día facendo contas para poder chegar a fin de mes. A súa situación cobra maior dificultade nesta época na que a crise económica fire máis aos que menos teñen.

Non parece que as medidas impulsadas polo Goberno do Estado para facer fronte á crise  vaian axudar a estas rendas menos favorecidas. Todo o contrario. A súa política fiscal  penaliza ás máis baixas. A anunciada subida do IVE, por exemplo, vai gravar o consumo independemente da renda e terá un efecto negativo sobre a demanda no actual contexto de crise.

Ese non é o mellor camiño para minorar os efectos que a crise está a deixar nos sectores máis desfavorecidos da poboación.  En tempos de dificultades económicas temos que impulsar medidas que contribúan a minorar o seu alcance, especialmente, naqueles sectores de poboación que contan con menos resortes para facerlle fronte.

Os gobernos deben priorizar o gasto e desenvolver políticas que impulsen a reactivación económica. Como prioridade temos que apostar polo investimento productivo. Iso é o que estamos a facer desde a Tenencia de Alcaldía coas áreas que xestionan os concelleiros de concelleiras do BNG. Bo exemplo desta política que estamos a desenvolver é a iniciativa posta en marcha desde a Concellería de Comercio, destinando 1.200.000 euros para axudar ás familias con menos recursos, pero coa dobre finalidade de que ese investimento permita dinamizar o consumo no pequeno e mediano comercio e nos mercados municipais,  un dos sectores que máis está sentido os efectos da crise económica.

Este programa vai permitir que 1.000 familias este ano e outras 1.000 nos tres primeiros meses de 2010 dispoñan de 600 euros para afrontar as súas necesidades básicas. Os vigueses e viguesas que teñen menos recursos van poder facer a compra, mercar roupa ou material escolar e, en definitiva, os productos de primeira necesidade contando cunha axuda que, ao tempo, favorece o consumo. É unha medida que vai beneficiar ás denominadas familias “mileuristas”, xa que o límite que se establece é que a renda familiar non poderá ser superior aos 351 euros mensuais por integrante.

En tempos de crise hai que axudar directamente a quen máis o precisa, pero tamén é preciso incentivar o consumo para que os diferentes sectores productivos non sufran dobremente as consecuencias da crise. Que unha familia dispoña de 600 euros ao mes vai mellorar a súa economía doméstica, pero tamén beneficiará o noso pequeno e mediano comercio, porque nel vai mercar,  e por extensión repercutirá positivamente nos sectores dos que se abastecen estes negocios.


As axudas ao consumo para as familias foi unha medida que puxemos en marcha en colaboración directa cos comerciantes da cidade. É unha das liñas de actuación deseñadas para apoiar ao comercio diante dunha situación complexa para o mantemento do emprego, nun sector no que traballan 16.000 persoas na nosa cidade. Imos seguir nese camiño. Temos xa en  tramitación outra axuda de 600.000 euros para potenciar o emprego e a formación no pequeno e mediano comercio. Estamos certos de que son iniciativas deste tipo as que teñen que impulsar as administracións para responder diante da cidadanía.


Pechar
E-mail It