17 de Febreiro do 2011
“Viajeros al tren, gallegos también”. Iso dicían os xefes de estación do outro lado do Padornelo hai xa algún tempo. E neste caso, ademais do desprezo que moitos dos nosos emigrantes sufrían cando tiñan que coller a maleta para gañarse a vida fóra do país, Galiza ten sufrido historicamente un importante atraso no relativo ás infraestruturas de transporte, un atraso que está lonxe de ser resolvido.
O pasado martes asistín, na miña condición de tenente alcalde, á presentación do proxecto da futura estación do AVE. Sen ter en conta outras consideracións, o edificio deseñado polo arquitecto Tom Mayne será positivo, e desde logo, un punto referencial da nosa cidade. No entanto, debemos ter presentes outras cuestións. O que os vigueses e viguesas queren saber non é como vai ser o edificio da estación, senón cando vai estar rematada a conexión de Alta Velocidade co Eixo Atlántico e coa Meseta. As obras do Eixo Atlántico, que están rematadas entre Santiago e A Coruña, veñen sufrindo unha parada inexplicable. E a conexión directa de Vigo coa Meseta (a xa famosa variante de Cerdedo) vén de aprazarse indefinidamente.
Para a nosa cidade será vital rematar o Eixo Atlántico, que conectará Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Santiago e A Coruña en menos tempo do que leva hoxe desprazarse en coche pola autoestrada do Atlántico, e ademais dun modo máis seguro e ecolóxico. Porén, non chega con iso. Ler o resto desta entrada »
Etiquetas: AVE, cercanías, Galiza, Goberno, país, Vigo
Publicado en Área Metropolitana | Non hai comentarios »
11 de Febreiro do 2011
Atravesado pola autoestrada e polas vías do tren, o barrio de Teis é vítima da súa situación xeográfica, na entrada norte de Vigo. Está cortado por dúas vías de transporte que dificultan a súa comunicación interna, cos conseguintes problemas de contaminación acústica e visual. É por iso que o BNG, desde o ano 2001, está traballando para conseguir que o último tramo da autoestrada poida converterse nunha vía urbana xestionada polo concello. Hoxe de feito, a deputada viguesa do BNG, Olaia Fernández Davila e mais eu reunirémosnos con distintos representantes sociais e veciñais de Teis para tratar sobre este asunto.
Foi precisamente no 2001 cando desde o goberno municipal liderado polo BNG se lle solicitou ao ministerio de Fomento (presidido por Álvarez Cascos) a cesión deste tramo. Non foi posible pola negativa do goberno estatal do PP e da empresa concesionaria da autoestrada. Hai uns días, Olaia volvía levar esta proposta ao Congreso. Pero agora quen dixo non foi o ministro José Blanco. Como xa teño dito, non se pode falar da ampliación da ponte de Rande ou da autovía alternativa sen peaxe Vigo-Pontevedra ao tempo que se ignoran as xustas demandas dos veciños e veciñas de Teis.
Pero, qué beneficios traería para Teis e para toda a parte norte de Vigo a cesión da AP9? Ler o resto desta entrada »
Etiquetas: autoestrada, Goberno, Proxectos, Teis, urbanismo
Publicado en barrios | Non hai comentarios »
7 de Febreiro do 2011
Primeiro Tunisia, despois Exipto. Poida que tamén en Marrocos ou Xordania. A maioría da poboación das nacións do Norte de África e do Próximo Oriente está a se mobilizar para derrocar aos ditadores que os gobernan. No caso de Tunisia, as protestas partiron das zonas máis pobres do país, até chegar á capital. Participaron nelas membros de distintas clases sociais, pero foi moi destacado o papel dos traballadores e os parados, así como tamén moitos sectores profesionais descontentos coa corrupción institucionalizada.
Cómpre ter en conta o papel decisivo das mulleres en xeral e dos mozos e mozas na revolta contra Zine Ben Alí, o ditador que levaba 23 anos no poder. Pensemos que en moitos estados árabes a maioría da poboación é menor de 30 anos. O rol das mulleres nas rúas tunisianas tamén foi decisivo, xa que Tunisia é un dos países musulmáns onde o seu status social é máis elevado, unha conquista que os cambios revolucionarios deben manter e aprofundar.
A situación de Exipto non é a mesma que a de Tunisia, xa que este país é unha peza decisiva no taboleiro xeopolítico internacional. O actual réxime exipcio recibe abundantes fondos dos Estados Unidos, no que poderiamos cualificar de “soborno” para manter a paz con Israel e o control da fronteira sur de Gaza. Ler o resto desta entrada »
Etiquetas: BNG, democracia, Exipto, liberdade, mocidade, muller, Tunisia
Publicado en Solidariedade Internacional | 2 Comentarios »
1 de Febreiro do 2011
Este luns o pleno suspendeuse antes de tempo por mor das protestas das traballadoras da limpeza, co cal o BNG quedou sen presentar varias mocións de importante contido. Unha delas tiña a ver coa nosa preocupación polos distintos recurtes sociais que se veñen producindo, tanto desde o goberno central como desde a Xunta de Galiza.
Ademais da nosa crítica á reforma das pensións e outras medidas de axuste, os nacionalistas estamos fondamente preocupados pola desprotección na que se van atopar moitas persoas que viven por baixo do limiar da pobreza, na que se atopan no noso país máis de 600.000 persoas. Non obstante, o número de persoas perceptoras da renda de integración social de Galiza (RISGA) é menor de 5.000 e os orzamentos elaborados pola Xunta de Galiza para 2011, malia recoñecer que vai haber un incremento de solicitudes do 18%, para 2011, conxelaron a contía total.
Debemos prestar atención ao que iso significa: recoñécese que vai haber persoas con dificultades moi graves para comprar comida ou pagar o aluguer e a pesar diso non se dotan máis fondos. Ler o resto desta entrada »
Etiquetas: benestar, crise, orzamentos, pensións, RISGA
Publicado en Benestar, Crise | Non hai comentarios »
26 de Xaneiro do 2011
Comparto con vós este texto que hoxe publica, nunha versión máis reducida, o Faro de Vigo:
O sindicalismo nacionalista convocou para mañá unha folga xeral contra a reforma das pensións impulsada polo goberno de Zapatero, que vai prexudicar gravemente os traballadores e traballadoras de hoxe, que serán os xubilados de mañá. Se estudamos a situación actual da Seguridade Social decatámonos que a suposta non sustentabilidade a medio prazo do actual sistema de pensións é unha falsidade. Este ano 2010, que foi un dos peores en termos económicos, o sistema de pensións contributivas, dotado cun fondo de reserva de 60.000 millóns de euros, continúa tendo beneficios. É un dato revelador, mais aínda se temos en conta que case o 20% da poboación activa do Estado está no paro. Se esas persoas estivesen a traballar, o superávit da caixa da Seguridade Social sería maior.
O que está en crise non é Seguridade Social senón os fondos de pensións dependentes da banca. Preténdese devaluar as pensións públicas, para que a xente se vexa obrigada a contratar plans privados, solucionando así os problemas de liquidez do capital financieiro. Isto farase pola vía de reducir boa parte das pensións públicas a niveles de subsistencia, obrigando á xente á complementalas mediante o recurso á iniciativa privada. Hoxe en día as pensións galegas son as máis baixas do Estado; moitas persoas cobran en torno a 500 ou 600 euros despois de pasar toda unha vida traballando. Segundo a reforma que propón o goberno de Zapatero reducirase a contía das pensións e aumentarán os anos que hai que traballar para poder xubilarse coa pensión completa. Unha vez máis, as mulleres, que son as que reciben as pensións máis baixas, e os mozos que están no paro serán os máis prexudicados. Ler o resto desta entrada »
Etiquetas: BNG, Caixanova, caixas, CIG, folga, paro, pensións, privatización
Publicado en Crise, Promoción Económica, Vigo | 3 Comentarios »
22 de Xaneiro do 2011
A promoción exterior da cidade foi unha das miñas preocupacións durante os tres anos e medio de mandato no departamento de Turismo. Miña e do resto dos concelleiros e concelleiras do BNG. Para nós, promover Vigo é unha forma de fomentar a actividade económica no sector turístico e crear postos de traballo. Mais tamén é un xeito de favorecer a autoestima dos vigueses e viguesas, de estarmos orgullosos da nosa cidade e do seu patrimonio histórico e natural. É por iso que a nosa viaxe á Feira Internacional de Turismo en Madrid era unha cita obrigada.
A promoción turística da nosa cidade xira arredor de dous eixes: o recentemente recuperado Casco Vello e a Ría. Os datos de visitas ás Illas Cíes bateron récords en 2010, con máis de 110.000 visitantes nos meses de xullo e agosto, un 20% máis que no anterior ano. Todo isto está complementado pola labor do Vigo Convention Bureau, creado para fomentar o turismo de congresos e negocios. Os datos serven de esteo ao noso labor, xa que subiu até un 8% o número de persoas hospedadas na cidade, mesmo neste escenario de crise económica.
Quizais unha das cuestións que máis nos enche de orgullo á delegación viguesa que visitou Fitur é o filme que imos presentar sobre a recuperación do Casco Vello. Através da ficción, nunha longametraxe de 60 minutos dirixida por Eduardo Rolland e protagonizada por Luís Tosar, queremos amosar a “reconquista” para a cidadanía da parte antiga da cidade. Ler o resto desta entrada »
Etiquetas: BNG, Casco Vello, emprego, identidade, reconquista, rehabilitación, Vigo
Publicado en Promoción Económica, Turismo | 1 Comentario »
18 de Xaneiro do 2011
A poucos meses das eleccións municipais o goberno do Partido Popular saca da chisteira un anteproxecto de lei de Área Metropolitana, elaborado sen consenso e sen modelo de vertebración territorial. A consecuencia deste xeito de actuar do PP vai ser que van matar a Área Metropolitana antes de que naza.
O BNG, que foi a forza política que impulsou o proxecto de Área Metropolitana sendo alcalde Lois Pérez Castrillo, mantén a súa aposta pola creación deste organismo, pero non pode pechar os ollos e aceptar a proposta do PP. Nós queremos a Área Metropolitana, pero non así. Non podemos respaldar o panfleto electoralista que o PP acaba de presentar como anteproxecto de lei.
Pola importancia que nós lle damos a Área Metropolitana, non podemos aceptar que hipoteque o futuro dos concellos que a integran. E iso é o que pasaría se non se modifica a proposta do Partido Popular. Ler o resto desta entrada »
Etiquetas: Área Metropolitana, BNG, competencias, Deputación, financiamento, Partido Popular, PSOE, territorio, Vigo
Publicado en Vigo, Área Metropolitana | Non hai comentarios »
21 de Decembro do 2010
Crise económica. Dúas palabras que definen claramente este 2010 que esgota os seus días. As consecuencias das erradas políticas neoliberais que no ano 2009 xa deixaron sentir a súa dureza, foron neste ano aínda moito máis severas. Os 30.000 parados rexistrados na nosa cidade e os 60.000 que hai na comarca son cifras suficientemente elocuentes para avaliar a gravidade da situación pola que estamos a pasar.
A crise económica azouta con forza e faino sobre os sectores máis desfavorecidos e a clase traballadora. Recortes nos dereitos laborais e nas prestacións salariais, unha reforma laboral que se fai á marxe dos sindicatos e a reforma das pensións que está en marcha. Estas foron as medidas que o goberno do PSOE impuxo neste ano como solución á crise. E fíxoo coa crítica hipócrita dun Partido Popular que cala e non di cales son ás súas receitas para saír da difícil situación que atravesamos. Posiblemente non fala, porque non ten moito que dicir. O exemplo témolo no goberno do PP na Xunta. O señor Alberto Núñez Feijóo, que prometeu como candidato resolver todos os problemas que tiñamos en 45 días, non puxo aínda nin unha soa medida eficaz enriba da mesa contra a crise. Non adopta solucións para a xeración de emprego e reduce os recursos destinados aos servizos sociais. Porén a súa política está a ter un dos seus eixos na privatización dos servizos públicos como a sanidade e aí está, por exemplo, a privatización do novo hospital de Vigo. Ler o resto desta entrada »
Etiquetas: Axudas, balance, crise, emprego, paro, pensións, reforma
Publicado en Benestar, Promoción Económica, Vigo | Non hai comentarios »
18 de Novembro do 2010
Hai algo máis dunha semana, o exército de Marrocos atacou o campamento da esperanza no cal se tiñan asentado 20.000 saharianos reclamando os dereitos humanos e o cumprimento da legalidade internacional que recoñece o dereito á autodeterminación deste territorio. Posteriormente, a policía e colonos marroquís armados emprenderon unha operación de limpeza étnica na cidade de El Aaiún. Milleiros de persoas foron detidas e interrogados nas súas casas e ducias morreron. Entre as vítimas, algunha con nacionalidade española. Neste momento, hai case 40 cadáveres na morgue do hospital de El Aaiún, tras ter Marrocos entregado só 5 mortos ás familias.
Foi por iso que o BNG e as asociacións galegas de solidariedade co pobo sahariano convocaron manifestacións en todas as cidades do país. Por iso a semana pasada estiven no MARCO xunto cos representantes da Fronte Polisario e moitos cidadáns a título individual, expresando o meu rexeitamento a esta violación dos dereitos humanos. Ler o resto desta entrada »
Etiquetas: BNG, campamento, dereitos humanos, esperanza, Marrocos, Sáhara, Tinduf, vitimas
Publicado en Solidariedade Internacional, Vigo | Non hai comentarios »
27 de Outubro do 2010
Estamos afeitos a escoitar promesas e compromisos dos responsables do Partido Popular e do PSOE para dar resposta ás vellas reivindicacións da cidade. Ano tras ano, os uns e os outros, reiteran a súa disposición a saldar esas débedas, pero a realidade e teimuda, o tempo pasa e os proxectos non avanzan. Os compromisos esvaécense cando as promesas deben facerse realidade, que é na elaboración dos orzamentos.
Coñecidas xa as contas da Xunta e o Estado para 2011, os investimentos que os gobernos do PP e o PSOE destinarán a Vigo son igual de decepcionantes que os de exercicios anteriores. Non hai en ningunha das dúas administracións unha aposta clara por impulsar os proxectos de infraestruturas que levamos anos reclamando, nin polas novas dotacións que precisa a cidade. As partidas para as actuacións previstas son escasas e, como ten denunciado o BNG, son a mellor proba de que unha vez máis non se van cumprir os prazos comprometidos.
Non só non cumpren senón que o que fan e deixar proxectos básicos en mans da iniciativa privada. Si o PP vai privatizar a construción e xestión do novo hospital, o PSOE sigue a súa estela e a ampliación de Rande vaina facer con financiamento privado; como consecuencia ampliarase a concesión da AP-9 e seguiremos pagando máis anos. Ler o resto desta entrada »
Etiquetas: crise, débeda, emprego, investimentos, orzamentos, PP, privatización, Proxectos, PSOE, Vigo
Publicado en Crise, Promoción Económica, Vigo | Non hai comentarios »