7 de Abril do 2011
Unha das cousas máis fermosas neste mundo é ver o sorriso dun neno ou dunha nena. Algo que, a priori, podemos atopar nas rúas da nosa cidade, cando chegamos a casa desde os nosos traballos. Pensamos que é algo normal, e que xurde de xeito máxico por cada recanto da cidade. Con todo, a realidade é moi distinta, tal e como distintos son os sorrisos. Moitos pais e nais traballan diariamente para o sorriso dos seus fillos, especialmente os que teñen fillos con algún tipo de discapacidade.
O pasado 2 de abril, Día Mundial do Autismo, a Fundación Menela celebrou coa apertura dunha aula multisensorial para nenos e nenas con trastornos do espectro autista. Tiven a oportunidade de acompañar a miña compañeira de corporación Iolanda Veloso. E debo dicir que foi emocionante ver como hai persoas que están comprometidas en facer a vida máis fácil para quen o precisa. Algo humano e simbólico. Esta instalación será coñecida como “Snoezelen”, unha instalación que servirá para estimular o olfacto, visión, audición e tacto para estes nenos que tamén teñen dereito a sorrir.
Desde o BNG de Vigo sempre apoiamos esas iniciativas, que complementan a sanidade pública, xa que esta por desgraza non sempre pode atender suficientemente moitas queixas de nais e pais preocupados polos seus fillos; ante as dúbidas sobre se as súas crianzas padecen (ou non padecen) autismo. Ler o resto desta entrada »
Etiquetas: autismo, benestar, Fundación Menela, sanidade
Publicado en Benestar, sanidade | 1 Comentario »
1 de Abril do 2011
Representantes de Escocia, Gales, Cataluña, Córsega e Euskadi participaron este xoves 30 nas xornadas da Alianza Libre Europea sobre fondos de cohesión. Viaxei até o Parlamento Europeo en Bruxelas, convidado por Ana Miranda, futura eurodeputada do BNG para intercambiar e compartir experiencias de xestión, en calidade de tenente alcalde de Vigo. Son dos que pensa que iniciativas como a ALE (partido europeo formado por distintas organizacións nacionalistas ou representantes de minorías nacionais de toda Europa) nos deben servir para coñecer o que se fai noutras latitudes -por exemplo, no goberno en solitario do SNP en Escocia- e tamén para dar a coñecer a nosa acción de goberno nas institucións galegas.
Na miña intervención, baixo o título: “Vigo, o caso dunha cidade da periferia atlántica de Europa”, mencionei a importancia de que se manteñan os fondos de cohesión para territorios como Galiza e a área de Vigo, fondos que non son un agasallo de Alemaña senón que se instituíron para compensar os desequilibrios causados pola integración europea. Estou convencido de que Vigo é o vínculo decisivo entre Galiza e o Norte de Portugal e que isto debe ser un argumento para esixir un trato especial por parte das institucións comunitarias debido á súa consideración de cidade fronteiriza e portuaria.
Lembrei aos asistentes que o sector pesqueiro está pagando hoxe as consecuencias dunha política pesqueira común que discrimina a nosa frota pesqueira Ler o resto desta entrada »
Etiquetas: ALE, Alianza Libre Europea, BNG, conserva, fondos de cohesión, pesca, Porto, Unión Europea
Publicado en Políticas Europeas | Non hai comentarios »
30 de Marzo do 2011
Lugrís, Maside, Colmeiro, Laxeiro, Castelao, os pioneiros da pintura de estilo “rexionalista”, autores da xeración Atlántica como Menchu Lamas ou Antón Patiño… Estes son algúns dos e das artistas presentes na Pinacoteca do Museo da Cidade, en total, 163 obras de 83 autores e autoras galegas. Acostumados como estamos a que todo se eternice nesta cidade, cómpre felicitármonos pola rapidez coa que demos rematado esta obra. Un traballo polo que debo felicitar a Eudosio Álvarez, concelleiro de Patrimonio, así como aos funcionarios e funcionarias do Museo Quiñones de León e aos arquitectos municipais.
É importante o contido, máis tamén o continente. Porque non só poñemos en valor os fondos artísticos dos que xa dispuñamos no museo da cidade, senón que esta obra nos permitiu recuperar o pazo de Arias Taboada. Situado na rúa de Abeleira Menéndez, tiñamos unha auténtica xoia arquitectónica do século XVII que pertencía ao daquela gobernador da vila de Vigo, abandonado e sen restaurar, e agora, no marco do ambicioso programa de reforma urbana do Novo Vigo Vello, conseguimos recuperar e poñer en valor.
Durante os primeiros tres días que estivo aberta, a exposición “O fermoso rostro do país” recibiu xa 1.600 visitantes, coincidindo tamén co festivo da Reconquista. Ler o resto desta entrada »
Etiquetas: Casco Vello, investimentos, Museo da Cidade, patrimonio, Pinacoteca, reconquista, reforma, rehabilitación
Publicado en Patrimonio, Urbanismo | 2 Comentarios »
23 de Marzo do 2011
Pasaron case catro anos desde que o BNG entrou no goberno municipal de Vigo. Catro anos de esforzo, ilusión e compromiso coa nosa cidade e co noso país. Participamos dun goberno orientado polo compromiso coa xente de Vigo e de Galiza, desde os nosos valores e principios e desde o compromiso coa cidade e o conxunto de país. Partimos da base que gobernar non é o mesmo que mandar. Gobernar é escoitar á veciñanza, atender as súas demandas, facer fronte ás súas necesidades, ser próximos aos seus problemas, ser transparentes nas nosas actuacións. Agora, chega a hora de facer balance para que a cidadanía escolla.
Fixémolo a semana pasada, nun acto conxunto cos socios de goberno. Estámolo a facer esta semana mediante diversos actos sectoriais nos cales pretendemos informar á cidadanía da nosa labor en deportes, cultura, benestar, igualdade, comercio, turismo e outras áreas.
Grazas á labor dos nosos concelleiros e concelleiras, en Vigo duplicamos os orzamentos de benestar, puxemos en marcha novas infraestruturas deportivas como as piscinas de Barreiro e da Miñoca ou o pavillón de Navia, garantimos unha programación cultural para todo o ano no Auditorio Municipal, abrimos locais de ensaio para os músicos novos e puxemos en valor o noso patrimonio, reconquistando para a cidadanía o Casco Vello como un lugar para vivir e coñecer. Ler o resto desta entrada »
Etiquetas: benestar, BNG, Casco Vello, comercio, Concello, igualdade, mocidade, Vigo
Publicado en Benestar, Eleccións Municipais, Promoción Económica, Vigo | Non hai comentarios »
17 de Marzo do 2011
Os homes (e as mulleres) teñen demostrado ao longo da historia terse comportado como a especie elixida para dominar o mundo. Pero hai un factor externo a nós que non podemos controlar, nin através da ciencia, nin através da política: a natureza. E a natureza é capaz de rematar coa terra que pisamos.
Como todos e todas sabedes, Xapón sufriu o pasado venres as consecuencias do que algúns chamaron “enfado da natureza”. O tsunami máis brutal dos últimos 140 anos arrasou con todo o que se atopou no camiño. Producíronse milleiros de vítimas e todo Xapón (e as nacións veciñas) está tremendo polas consecuencias dos escapes radioactivos da central nuclear de Fukushima. Isto abre de novo o debate sobre a enerxía nuclear. En primeiro lugar, temos que expresar a nosa solidariedade coa xente que está vivindo en primeira persoa as consecuencias da catástrofe, tanto do tsunami como da ameaza nuclear; por non falar das consecuencias secundarias, como o desabastecemento eléctrico que xa afecta a Tokio, unha das cidades máis grandes do mundo.
A Organización Mundial da Saúde pide prudencia, e o certo é que as autoridades xaponesas están a facer o que poden, pero o risco é terrible: nestes momentos hai perigo de fusión dos reactores 1, 2 e 3 da central. E que facermos a partir de agora? Desde logo que o acontecido pon de novo sobre a mesa o debate nuclear. E nese sentido, non por oportunismo, senón por coherencia, é preciso lembrar a oposición do BNG á enerxía nuclear. Ler o resto desta entrada »
Etiquetas: antinuclear, BNG, ecoloxismo, enerxía, Fukushima, nucleares, tsunami, Xapón, Xove
Publicado en Ecoloxismo, Solidariedade Internacional | Non hai comentarios »
14 de Marzo do 2011
Que opina a candidata do PP vigués, Corina Porro, sobre o espolio da caixa galega? Que opina sobre o feito de que o seu partido se abstivese na votación do decreto do goberno que condena á nova caixa galega á perda da súa condición de entidade semipública, no mellor dos casos? Que opina sobre o risco real de que nin sequera poidamos “salvar os mobles” e manter unha entidade galega, aínda que sexa mediante un banco asociado?
Até o de agora, sobre este tema, e sobre outros temas relevantes da cidade, a candidata popular non opina. Bendice o que faga o Partido Popular, que en Galiza asegura estar preocupado pola nosa caixa, mentres en Madrid dá carta branca a un decreto feito para entregar o aforro dos galegos e galegas á banca privada. Na mesma liña de evitar asumir responsabilidades, pero desde o outro partido estatal, vemos como hoxe o ministro José Blanco asegura que os problemas da caixa derivan da fusión e non do decreto. Todo o mundo sabe que o decreto do Banco de España o que pretende é rematar coas caixas de aforro para entregarllas á banca privada, diga o que diga o ministro de Fomento.
Como dixen o venres en rolda de prensa: os galegos temos dereito a ter caixas de aforro, como van seguir tendo cataláns e vascos. Ler o resto desta entrada »
Etiquetas: BNG, Caixanova, caixas, Corina, privatización
Publicado en Crise, Promoción Económica | Non hai comentarios »
4 de Marzo do 2011
Unha vez máis, as liortas entre porto e concello de Vigo protagonizan o debate político na nosa cidade. Esta vez, a raíz do precintamento das naves de froita por parte do Concello, seguido da querela do Partido Popular. Vaia por diante que sempre defendín que o Porto de Vigo conte cun plano de usos, unha demanda constante do BNG para evitar (ou atenuar, polo menos) novas agresións á Ría de Vigo.
É preciso que Concello e Porto se poñan de acordo para deseñar estratexias de futuro nestes tempos de crise, e sobre todo para poñelas en práctica. Para iso, sería interesante que a Autoridade Portuaria fose dirixida por cargos de perfil técnico que non empregasen esta institución como trampolín electoral, tal e como está a facer agora a señora Porro e tal e como fixeron anteriormente outros representantes do PSOE e do PP.
O Porto estivo a empregarse como plataforma electoral durante os últimos quince anos e o Plano de Usos do Porto segue sen aparecer. Tanto o PSOE como o PP carecen de credibilidade neste debate, e agora cometen a irresponsabilidade de xudicializar a vida política, como se os tribunais fosen quen de resolver o que lles compete a eles. Ler o resto desta entrada »
Etiquetas: BNG, confrontación, electoralismo, Partido Popular, Plan de Usos, Porto, PSOE
Publicado en Promoción Económica, Urbanismo | 1 Comentario »
28 de Febreiro do 2011
Quixera compartir con vós algunhas das reflexións que pronunciei o último día na inauguración da exposición “Vermellas, chamábanlle Rojas”, que abriu o pasado venres na Casa das Artes, grazas á labor da Concellaría de Igualdade que preside a nacionalista Iolada Veloso e do Consello Municipal da Muller. Unha exposición que pretende homenaxear, honrar e devolver o recoñecemento público ás 80 mulleres asasinadas en Galiza durante a guerra civil.
Mulleres como Ángela Iglesias Rebollar, executada xunto co seu marido en Teis por axudar aos fuxidos; como Rosario Hernández Diéguez, que vendía xornais na rúa Príncipe e foi asasinada con 16 anos. Mulleres como Carmen de Miguel Agra, que intentou fuxir de Vigo no barco “Eva” en 1937 xunto cos irmáns de Castelao e se suicidou antes de ser atrapada. Mulleres como Mercedes Núñez Tárrega, que combateu os nazis na Franza ocupada e foi deportada a un campo de concentración. Como Margarita Bilbatúa Zubeldia, que viu como eran fusilados tres irmáns dela por pertencer ao Partido Socialista. Mulleres como Urania Mella, feminista, filla do anarquista vigués Ricardo Mella, que estaría na cárcere en Gipúzkoa case ata pouco antes de morrer.
Hoxe, estas seis persoas dan nome a seis rúas de Vigo tras un acordo do pleno, a proposta do movemento feminista vigués e co impulso decidido dun goberno municipal comprometido coa recuperación da Memoria Histórica. Ler o resto desta entrada »
Etiquetas: feminismo, igualdade, Memoria Histórica, muller
Publicado en Muller, Vigo | Non hai comentarios »
23 de Febreiro do 2011
Cando se achegan as eleccións, as persoas que nos dedicamos á política facemos pre-campaña e campaña electoral. Ás veces criticásenos por iso. Pero tanto eu como os meus compañeiros e compañeiras do BNG estamos convencidos de que moitos dos ataques indiscriminados cara a mal chamada “clase política” non son máis que unha forma de desacreditar a propia democracia, fomentar o conformismo e manter no poder real aos mesmos de sempre. E pretendemos demostrar que non todos os políticos son iguais.
Volvendo ao rego. Nesta pre-campaña, que xa comezou, estamos a realizar reunións con afiliados e simpatizantes polos barrios e parroquias da cidade de Vigo, así como con distintos colectivos interesados en escoitar as nosas propostas. Teño escoitado moitas cousas nestas reunións, desde historias estarrecedoras sobre a crise (exemplo: a dunha familia que saca ao seu avó dunha residencia de anciáns para poder ter o efectivo da pensión), pasando por peticións sobre obras concretas nas parroquias, até reflexións sobre o futuro do nacionalismo e da esquerda nestes tempos difíciles.
O pasado luns, por exemplo, estiven en Comesaña, onde puidemos visitar ás mulleres que facían distintas actividades (pilates, pintura), tomar algo no bar cos veciños e veciñas e posteriormente facer a nosa reunión de traballo. Ler o resto desta entrada »
Etiquetas: barrios, BNG, Comesaña, crise, mocidade, parroquias, Zamáns
Publicado en Eleccións Municipais, Vigo, barrios | Non hai comentarios »
19 de Febreiro do 2011
Hai 8 días presentamos a web www.euparticipoenvigo.org . Como dixen na rolda de prensa, “non queremos gobernar desde os nosos despachos e cos nosos esquemas, senón que pretendemos saír á rúa e escoitar á xente”. De momento está ferramenta web xa ten máis de 150 ideas rexistradas, enviadas e votadas, por un total de 192 usuarios rexistrados.
Coméntovos as cinco propostas máis votadas:“prohibir espectáculos crueis cos animais e declarar Vigo cidade amiga dos seres vivos”, “facer un carril bici continuado desde Ríos até Samil”; “recuperar a Panificadora como centro cultural ao estilo do que se fai en Berlín e outras cidades europeas”, “a creación dun sistema de transporte metropolitano” e “mellorar a conexión da cidade con Peinador através de máis liñas de bus”. Cómpre dicir que a cuarta a escribín eu o día da rolda de prensa e que foi unha idea de Eudosio Álvarez mentres preparábamos o que íamos dicir (ás veces as cousas funcionan así)…
Esta ferramenta participativa facilite que os usuarios clasifiquen as ideas por barrios e parroquias. Loxicamente, os apartados con máis propostas son o Centro de Vigo e o Casco Vello, así como aquel que recolle ideas para o conxunto do concello. Pero tamén temos moitas propostas para Teis pedindo reformas para humanizar a Travesía de Vigo e tamén a zona de Guixar. Ler o resto desta entrada »
Etiquetas: BNG, Casco Vello, eleccións2011, participoenvigo, programa, Proxectos, redes sociais, rehabilitación
Publicado en Eleccións Municipais, Urbanismo, Vigo, barrios | 1 Comentario »