Vigo merece unha xestión portuaria seria

Co comezo da campaña electoral, remata o mandato de Corina Porro á fronte da Autoridade Portuaria. Unha vez descontados os fogos de artificio, os “tinglados”, as subvencións a entidades deportivas e culturais… este mandato queda revelado como un fracaso en termos de tráfico portuario. Como denunciamos hoxe a compañeira Olaia Fernández Davila e mais eu, nos últimos dous anos, os tráficos de mercadorías xerais descenderon en medio millón de toneladas.

Descendeu, por exemplo, en 60.000 toneladas o tráfico de froita do Porto de Vigo. Mentres a presidenta da Autoridade Portuaria e actual candidata do Partido Popular á alcaldía se preocupaba por diversos asuntos, entre eles o de pelexarse coa administración municipal, esqueceu negociar a renovación do acordo coa empresa concesionaria da terminal de froita. Debemos ser conscientes de que o Porto non vive só de cruceiros e transatlánticos, senón que o seu principal interese é comercial, como punto clave no transporte de mercadorías. E nestes momentos, atopámonos con que mesmo os graniteiros do Porriño teñen que buscar outros embarcadoiros porque teñen problemas no Porto vigués.

O Porto é unha institución estratéxica para o futuro da cidade e por iso consideramos que non se pode perder máis tempo en planificar acaídamente o seu futuro. O BNG estará onde sempre estivo, defendendo unha xestión portuaria seria, lonxe do curtopracismo electoralista, das maquetas e das obras cara a galería. E nese sentido, é inaceptable que aínda non contemos cun plano de usos, sendo Vigo o único dos 5 portos galegos de interese xeral que carece deste documento. Non se poden seguir facendo recheos indiscriminados nin reservando terreos para usos “lúdico-festivos” mentres non se poña orde na superficie portuaria, cuxa principal (e case única) actividade deben ser os usos ligados á economía produtiva.

Como teño dito en outras ocasións, o problema radica no uso do Porto como trampolín electoral. Non é Corina Porro a primeira en facer isto, pero agardamos que sexa a última. Vigo merece unha xestión portuaria que non actúe pensando na rendibilidade electoralista.

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

Etiquetas: , , ,

Non hai comentarios.

Deixa o teu comentario