25 de xullo: forza e reflexión

Un ano máis celebramos hoxe o 25 xullo. É o Día da Patria onde os nacionalistas e as nacionalistas aproveitamos para facer análise político e coller folgos e forzas para afrontar un novo curso político. Chegamos a esta data cunha situación en Galiza que, cando menos, tería que mobilizar todas as ferramentas ao noso alcance. A situación económica, os continuos ataques privatizadores aos servizos sociais, os recortes tanto salariais como de dereitos aos traballadores e traballadoras e a obsesión dalgúns por facer de Galiza algo de segundo orde, sen identidade propia e sen dereitos como a nazón que somos, tiñan que ser motivos suficientes para reconsiderar que temos que demostrar a nosa forza e facer valer a nosa historia, o traballo de moitos homes e mulleres por conseguir a dignidade propia dun país que labramos entre todos e todas e, sobre todo, para facer valer a nosa autoestima e orgullo de sermos galegos e galegas.Os galegos e galegas temos nas nosas mans o camiño a percorrer, pero témolo que facer xuntos, sen distintas velocidades e sen importarnos cando cheguemos, senon que cheguemos xuntos. É o camiño da unidade, o da aposta polo noso e polos nosos desexos comúns, o camiño por estar ao carón dos nosos sectores básicos económicos, ao carón dos traballadores e traballadoras, dos nosos empresarios que sinten como galegos as voraces garras dun mercado cada vez máis abusivo e aniquilador, ao carón da nosa lingua, da nosa cultura e da nosa propia historia, ao carón dos que aínda hoxe non renuncian a dar a batalla pola consideración de Galiza como a verdadeira nazón que é. O camiño, en definitiva, que temos que marcar para poder xerar de novo a ilusión nas nosas xentes.

Só cando Galiza apostou polo seu foi quen de saír sempre adiante e de superar obstáculos que parecían insalvables. Fagamos valer a nosa forza e ben seguro que escoitarán a nosa voz tanto o Goberno do Estado coma o galego que seguen arroxándonos as migallas para darlle o pan aos outros e continúan na inoperancia absoluta cando o noso país urxe medidas claras e realistas que nos empurren a un novo horizonte.Lonxe dunha inaceptable resignación ou desesperanza esta data tería que servirnos tamén aos nacionalistas e ás nacionalistas para, dende a ilusión e as gañas de traballar polo país que sempre nos ten caracterizado, facer unha clara reflexion sobre o noso papel na construción dunha renovada Galiza e, sobre todo, da mensaxe que temos que transmitir a toda a sociedade galega. Estar máis preto desta sociedade, asumir a realidade das nosas xentes e lanzar aire fresco diante de situacións contaminadas por vellos prexuízos adquiridos, renovar o noso xeito de comunicar e as estratexias de implantación do noso ideario en todos os sectores, traballar contra ninguén e a favor sempre dos nosos intereses, e aparcar o que nos diferencia a prol da unidade de acción poderían ser algunhas claves para que o necesario e importante papel que temos que xogar os nacionalistas e as nacionalistas neste país sexa máis crible e, sobre todo, entendido.

No Día da Patria Galega temos que facer valer a nosa forza dende o respecto a nosa historia, as nosas xentes e sen excluír a ninguén. As nosas ideas e proxectos siguen sendo necesarios para que Galiza avance no seu recoñecemento como pobo e cara a unha maior soberanía. Non defraudemos aos que sempre creron en nós e non os defraudemos mantendo posicionamentos herméticos e anclados no pasado ou con axiomas inamobibles. Dende o universalismo que sempre caracterizou a homes como Castelao ou Bóveda construamos un xeito máis dinámico, máis moderno e cheo de ilusións renovadas, de chegar a todos e todas, para que Galiza siga contando coa ferramenta máis poderosa que ten para ser recoñecida como a nazón que somos: os propios galegos e galegas.

Un ano máis estarei na Quintana, cos meus compañeiros e compañeiras do BNG, reclamando o que sempre fixemos: a dignidade. Estarei celebrando con todos e todas que, mal que lles pese a algúns, o noso proxecto segue tan vivo como sempre e que sempre, aínda que agardo que con aires novos, estaremos dende o BNG defendendo os lexítimos dereitos de todos os galegos e galegas.Viva Galiza, viva o Día da Patria Galega.

Etiquetas: , , , , , , , ,

2 Respostas a “25 de xullo: forza e reflexión”

  1. Hugo comentou:

    E eu lémbroche que ese acordo estaba baseado en datos manipulados, pois se demostrou que a auditoría encargada pola xunta estaba chea de erros e manipulacións para que cadrasen os números, e que, cando agora ven a realidade, lévanse as mans á cabeza e xa non están tan convencidos da fusión. Acaso non falaron os números sempre de 900 prexubilacións?

    Permíteme preguntarche unha vez máis se son máis importantes os empregos de duas mil cincocentas persoas ou o capital contra o que dicides loitar. Claro que, se Caixanova e Caixagalicia deixaran de ter en Galiza os seus centros de decisión, non sería para os partidos galegos atopar financiación deica as campañas electoráis?

    En canto ás corrección lingüísticas, como ti non es moito maior ca min, imaxino que terás estudado un temario semellante ó meu, se non, iso non é escusa, e máis dende un partido nacionalista, para non mellorar cada día e busca-la aprendizaxe continua do noso idioma. Se non para iso tamén tendes asesores lingüísticos.

    Un saúdo e, ainda que me vexa algo agresivo, teño que recoñecerlle o mérito de contestar a cuestión tan comprometidas

    Estimado Hugo

    Para nós son importantes os postos de traballo, pero de novo só podo dicirche que as seccións sindicais da Banca da CIG, UXT e CCOO estiveron dacordo coa fusión, pensando que outras alternativas podían provocar a perda de aínda máis empregos. Nós compartimos esa opinión. Tamén quixera dicirche, con todo o respecto do mundo, que se o centro de decisión das caixas saíse de Galiza, o financiamento das campañas sería o menos importante dos problemas.

    Un saúdo.

  2. Hugo comentou:

    Que vivan os 2500 traballadores das caixas galegas que van a perder os seus empregos nos vindeiros 5 anos.

    Por certo, folgos e forzas son sinónimos.
    Gustábame máis o idioma cando me ensinaban que o xeito correcto era tódalas, e non todas as. Orde, en galego, e feminino. Non prefire sobor que sobre, que sona tan castelán? QUé é ao carón, non ten sentido, se tal vez fose a carón, iso soaría moito mellor?

    Un dos dereitos dos galegos é o de ter un traballo digno e de conservalo, e, gracias a xente coma vostede, hay 2500 galegos que non van poder presumir dese dereito.

    Antes de que conteste, se é que o fai, déixeme dicirlle que o que as Caixas van facer é un ERE có que os traballadores van sair perxudicados, que vostedes xa coñecían estes datos cando presionaron para a fusión pero que antepuxeron os intereses do capital, contra os que din loitar, ós intereses dos habitantes da nación á que din defender.

    Pois nada, noraboa e vémonos nas locáis do ano que ven.

    Estimado Hugo.

    Agradezo as túas correccións lingüísticas. Como saberás, a xente da miña edade apenas recibimos aulas en galego e por iso cometemos erros de cando en vez.

    Sobre o tema das caixas, só podo dicirche que fixemos todo o posíbel para explicar a nosa posición sen caer na demagoxia e que pensamos que a solución á que se chegou foi a mellor de todas as posíbeis. Así mesmo, recórdoche que os sindicatos, lexítimos representantes dos traballadores, estiveron de acordo co proceso de fusión.

    Un saúdo.

Deixa o teu comentario


Pechar
E-mail It