Arquivo do mes de Xullo de 2010

25 de xullo: forza e reflexión

Domingo, Xullo 25th, 2010

Un ano máis celebramos hoxe o 25 xullo. É o Día da Patria onde os nacionalistas e as nacionalistas aproveitamos para facer análise político e coller folgos e forzas para afrontar un novo curso político. Chegamos a esta data cunha situación en Galiza que, cando menos, tería que mobilizar todas as ferramentas ao noso alcance. A situación económica, os continuos ataques privatizadores aos servizos sociais, os recortes tanto salariais como de dereitos aos traballadores e traballadoras e a obsesión dalgúns por facer de Galiza algo de segundo orde, sen identidade propia e sen dereitos como a nazón que somos, tiñan que ser motivos suficientes para reconsiderar que temos que demostrar a nosa forza e facer valer a nosa historia, o traballo de moitos homes e mulleres por conseguir a dignidade propia dun país que labramos entre todos e todas e, sobre todo, para facer valer a nosa autoestima e orgullo de sermos galegos e galegas.Os galegos e galegas temos nas nosas mans o camiño a percorrer, pero témolo que facer xuntos, sen distintas velocidades e sen importarnos cando cheguemos, senon que cheguemos xuntos. É o camiño da unidade, o da aposta polo noso e polos nosos desexos comúns, o camiño por estar ao carón dos nosos sectores básicos económicos, ao carón dos traballadores e traballadoras, dos nosos empresarios que sinten como galegos as voraces garras dun mercado cada vez máis abusivo e aniquilador, ao carón da nosa lingua, da nosa cultura e da nosa propia historia, ao carón dos que aínda hoxe non renuncian a dar a batalla pola consideración de Galiza como a verdadeira nazón que é. O camiño, en definitiva, que temos que marcar para poder xerar de novo a ilusión nas nosas xentes.

Só cando Galiza apostou polo seu foi quen de saír sempre adiante e de superar obstáculos que parecían insalvables. Fagamos valer a nosa forza e ben seguro que escoitarán a nosa voz tanto o Goberno do Estado coma o galego que seguen arroxándonos as migallas para darlle o pan aos outros e continúan na inoperancia absoluta cando o noso país urxe medidas claras e realistas que nos empurren a un novo horizonte.Lonxe dunha inaceptable resignación ou desesperanza esta data tería que servirnos tamén aos nacionalistas e ás nacionalistas para, dende a ilusión e as gañas de traballar polo país que sempre nos ten caracterizado, facer unha clara reflexion sobre o noso papel na construción dunha renovada Galiza e, sobre todo, da mensaxe que temos que transmitir a toda a sociedade galega. Estar máis preto desta sociedade, asumir a realidade das nosas xentes e lanzar aire fresco diante de situacións contaminadas por vellos prexuízos adquiridos, renovar o noso xeito de comunicar e as estratexias de implantación do noso ideario en todos os sectores, traballar contra ninguén e a favor sempre dos nosos intereses, e aparcar o que nos diferencia a prol da unidade de acción poderían ser algunhas claves para que o necesario e importante papel que temos que xogar os nacionalistas e as nacionalistas neste país sexa máis crible e, sobre todo, entendido.

No Día da Patria Galega temos que facer valer a nosa forza dende o respecto a nosa historia, as nosas xentes e sen excluír a ninguén. As nosas ideas e proxectos siguen sendo necesarios para que Galiza avance no seu recoñecemento como pobo e cara a unha maior soberanía. Non defraudemos aos que sempre creron en nós e non os defraudemos mantendo posicionamentos herméticos e anclados no pasado ou con axiomas inamobibles. Dende o universalismo que sempre caracterizou a homes como Castelao ou Bóveda construamos un xeito máis dinámico, máis moderno e cheo de ilusións renovadas, de chegar a todos e todas, para que Galiza siga contando coa ferramenta máis poderosa que ten para ser recoñecida como a nazón que somos: os propios galegos e galegas.

Un ano máis estarei na Quintana, cos meus compañeiros e compañeiras do BNG, reclamando o que sempre fixemos: a dignidade. Estarei celebrando con todos e todas que, mal que lles pese a algúns, o noso proxecto segue tan vivo como sempre e que sempre, aínda que agardo que con aires novos, estaremos dende o BNG defendendo os lexítimos dereitos de todos os galegos e galegas.Viva Galiza, viva o Día da Patria Galega.

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

Bandeiras para amosar orgullo de país

Mércores, Xullo 21st, 2010

O 25 de Xullo celebramos o Día de Galicia, o noso día, o día de todos os galegos e galegas. É algo máis que unha data, é un día para conmemorar que somos un país con historia, lingua, cultura e identidade propias. Na Tenencia de Alcaldía quixemos implicar activamente a toda a cidadanía nesta celebración. Por iso, coa finalidade de que calquera persoa que o desexe poda festexar o 25 de Xullo, distribuímos 5.000 bandeiras galegas para que as colguen do seu balcón ou as poñan na súa fiestra.

Animo a todos os vigueses e viguesas a recoller as bandeiras e facelas presentes nas súas vivendas para amosar así que seguimos crendo no noso país e en Vigo como parte fundamental dese país. É un xeito sinxelo de celebrar o Día de Galicia, demostrando que estamos orgullosos de ser galegos e galegas e do que representamos como país. (máis…)

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame