Arquivo do mes de Maio de 2010

As medidas anti sociais de ZP-PP

Xoves, Maio 27th, 2010

Redución dun cinco por cento do salario dos funcionarios e funcionarias, conxelación das pensións contributivas, eliminación da retroactividade nas axudas da Lei de Dependencia ou supresión do cheque-bebé. Son medidas que nada nos sorprenderían se quen as implanta é un goberno de dereitas co falso pretexto de facer fronte as consecuencias da crise económica que estamos atravesando. Xa estamos afeitos ás políticas anti sociais do Partido Popular e lamentablemente, con cada paso que da na súa xestión, o Goberno da Xunta de Galiza non deixa que o esquezamos.

O que non entra dentro da lóxica é que un goberno que se di de esquerdas, como é o que preside o socialista José Luis Rodríguez Zapatero, asuma o ideario da dereita e nestes momentos de dificultade basee a súa política económica nun paquete de medidas que supoñen importantes recortes sociais e merman o poder adquisitivo das capas sociais que máis fondamente están sentido os efectos da crise. (máis…)

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

O plan virtual do PP

Martes, Maio 4th, 2010

32 millóns de metros cadrados. Esa é a superficie á que afecta o Plan de Ordenación do Litoral (POL) elaborado pola Xunta do Partido Popular. Detrás desa cifra hai centos de veciños e veciñas afectados, espazos da cidade sensibles medioambientalmente e núcleos de poboación consolidados. Sen embargo, á vista do que recolle o documento, o PP é totalmente alleo a esta realidade. Non podemos sorprendernos. É o que acontece cando se traballa sobre mapas virtuais e se axustan as conclusións a intereses políticos.

Non hai no documento nada que evidencie o compromiso do PP coa protección do litoral, un dos grandes tesouros da nosa cidade. Lonxe do que se di, non é un plan para a conservación, é un plan para a destrución. Afecta gravemente ao crecemento e ordeamento urbanístico da cidade, está elaborado sen criterio, nin rigor e non se axusta á realidade do planeamento urbanístico de Vigo.

O que debería ser un documento que protexera zonas sensibles, como pode ser a ría, esquece cuestións tan fundamentais como delimitar a expansión do Porto, pero consolida regatos hoxe xa inexistentes con afeccións de 250 metros. Pon en serio risco a rexeneración da praia de Samil, pero mantén urbanizacións que o anterior goberno bipartito quería eliminar. Así é como entende o Partido Popular a protección do litoral.

É unha forma de actuar certamente sospeitosa, aínda máis se temos en conta que en Vigo tiñan que esforzarse ben pouco para elaborar o POL. Só debían asumir o PXOM, que está totalmente adaptado á lexislación medioambiental vixente. Non se entende que contando cun Plan Xeral, recentemente aprobado e que o PP respaldou no seus aspectos medioambientais, agora elaboren un documento que non o respecta e que pon en xogo o desenvolvemento futuro da cidade.

Nada explica, nin xustifica este Plan de Ordenación do Litoral. Si o Partido Popular non agocha intereses oscuros nel, ten que demostralo e debe adaptalo ao PXOM ou retiralo.

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame