Defendamos a Caixanova

Moito se está a falar estes días sobre a fusión das caixas e sobre a nova lei que se acaba de aprobar. Algunhas manifestacións que se están a facer lémbranme moito a aquelas que se facían nos primeiros tempos da democracia, cando algúns alertaban do perigo da chegada dos comunistas. “Como veñan quitaranche unha das dúas vacas que tes”, advertían para meter medo. Ven esto a conto do moito que se está a falar sobre a fusión. Que se vai desaparecer Caixanova, que se o norte se vai comer ao sur… Sen embargo, nestes momentos ninguén sabe en que termos se vai a producir, nin cal vai ser o papel de cada unha das caixas.

 

Se ninguén dubida de que Caixanova está nunha posición máis solvente que Caixa Galicia, se ninguén dubida da súa eficiencia e da súa boa xestión, ¿que medo podemos ter? Non debemos esquecer que xa se ten realizado outra fusión da que entón era Caixavigo coas caixas da capital da provincia e de Ourense e daquela a nosa caixa non perdeu o seu peso específico, nen a súa posición, é máis aínda se reforzou.

 

Estase a falar tamén dos investimentos en materia social, alertando da posibilidade de perder o labor que desenvolve coa Obra Social. Esquécense algúns de que Caixanova ten feito moita obra social non só en Vigo, senon en toda Galiza, tamén na Coruña. Ao igual que Caixa Galicia ten feito obra social en Vigo, o que me parece moi ben, xa que ámbalas dúas caixas non só se nutren cos aforros das localidades nas que están asentadas, senón de todos os galegos e galegas.

 

Pero do que non se está a falar e das outras posibilidades e das súas consecuencias. Non se está a dicir que na conxuntura actual e imposible que Caixanova poda camiñar soa e que, polo tanto, terá que buscar outros aliados para o seu camiño. Non se está a dicir que eses aliados serían de fóra (Murcia, Asturias, Madrid…). Non se está a dicir que as SIP son, sen dúbida, o primero paso para a deslocalización das caixas e a súa futura bancarización. Non se está a dicir tampouco que noutros territorios do estado apostaron por fórmulas como as que os nacionalistas defendemos e deron por resultado caixas fortalecidas e entidades financieiras que están a apostar claramente polos sectores económicos propios.

 

Hai agora certos sectores empresariais que critican abertamente a fusión e din que o fan en nome da defensa de Vigo. Son os mesmos sectores que non critican e mesmo aplauden a discriminacion da actual Xunta do PP con esta cidade cando se lle reduce nun 36% o capítulo de investimentos ou cando se desmantelan os servizos sociais públicos que tanto necesitamos os vigueses e viguesas. ¿Quen está a pensar nos traballadores e traballadoras cando se fan esas afirmacións? ¿Será tan mala a fusión cando os tres sindicatos, que son os que defenden os seus intereses, están dacordo con ela? ¿Non será que cada quen está tentando manter a sua posición empresarial a marxe da racionalización e da defensa dos intereses reais de Vigo e Galiza?

 

É unha auténtica mentira que se diga que estar a favor da fusión e ir en contra de Vigo. A realidade é que ir en contra da fusión é simplemente defender a política do PSOE e a do Banco de España, que nunca tiveron nas súas prioridades que Galiza contara cunha entidade financieira forte que puidese facer fronte a un embite das grandes caixas, que si controlan tanto PSOE como PP noutros territorios. Seica Galiza e Vigo non se merecen ese mesmo respecto.

 

E agora tamén se critica o intervencionismo da nova lei. Parece que o PSOE tamén esquecera as súas proclamas doutros tempos. Nós, os nacionalistas, sempre apostamos e apostaremos pola intervención dos poderes públicos no ensino, na vivenda, na sanidade e claro que tamén no sistema financieiro. ¿É que agorá só nós estamos en contra do liberalismo económico que permitiu, entre outras, esta crise pola que estamos pasando? ¿É que agora so nós defendemos que os representantes elixidos democraticamente pola cidadanía son os que deben xestionar a riqueza e a economía para distribuílas axeitadamente entre as clases menos favorecidas? Pois si, nós defenderemos sempre a liberdade e nunca pasaremos polas dictaduras de sectores que inflúen na sociedade desde o poder económico e que mesmo son quen de variar as grandes liñas macroeconómicas según lles interese aos seus beneficios e non aos de toda a poboación. Cando exercemos a democracia facémolo para que as persoas que eliximos nos representen e xestionen a cousa pública por nós. Por iso os representantes públicos somos cambiantes segundo o que a cidadanía considere.

 

Mentres continúe en política serei sempre coherente e nunca me deixarei levar polos réditos electorais cando se trate de defender o mellor para a miña cidade e para Galiza. Cando se trata de defender a Vigo e a Caixanova ninguén pode arrogarse o máximo papel, xa que foron moitos os pequenos aforradores, moitos os traballadores e traballadoras, os que fixeron posible que a nosa caixa sexa hoxe o que é; anos de historia na que moitos dos que hoxe apelan ao viguismo, sinxelamente nin estaban nin nos defendían.

 

Coherencia política e realidade política é o que precisa a nosa sociedade e non proclamas partidistas que na meirande parte das ocasións nos levan ao suicidio. A coherencia que sempre practicou o BNG, aínda que moitas veces foramos duramente criticados, pero que co paso do tempo, por desgraza, en moitos temas nos deu a razón. Coherencia como á hora de apostar seriamente dende a anterior Xunta polos nosos sectores básicos. Coherencia histórica na defensa dos intereses de Vigo e Galiza, mentras outras forzas políticas só miraban cara Madrid. Por esta coherencia é pola que milito dende hai moitos anos no BNG e seguirei militando.

 

Defendamos a Caixanova, eu o primeiro e o BNG tamén, pero defendámola para salvala de buitres que agardan o momento de asaltar á presa. Defedámola para que siga cos pés ben anclados en Vigo e en Galiza e non noutros lugares. Non a defendamos, non por ela, senon por querer manter o poder económico establecido ou por conseguir reditos electorais.

Etiquetas: , , , , , ,

3 Respostas a “Defendamos a Caixanova”

  1. Hola comentou:

    ¿E vostede por qué non emprega a toponimia oficial de GaliCIa? :-O

    ——-

    RESPOSTA

    Aprezado amig@:

    Eu emprego o topónimo oficial, porque debería vostede saber que segundo a normativa da Real Academia Galega do ano 2003, o termo Galiza tamén está recoñecido como topónimo oficial.

    Un saúdo.

  2. Alba comentou:

    Boas!
    Son votante de sempre do BNG pero paréceme realmente lamentable que o partido intente obrigar a Caixanova a que se fusione con Caixagalicia, cando é sabido por todos que en caso de fusión, mande quen mande (que non é ese o problema), Caixagalicia acabará afundindo coas súas perdas a Caixanova. (Agora vaise encargar KPMG ou esa de facer unha auditoría para ver se avala a fusión cando esa empresa é a que garantizou tamén que SOS non ía mal cando ía fatal! É de película!!!)

    É incrible que se chegue a este punto! Caixanova será a que teña que decidir se se fusiona ou se deixa de fusionar non os partidos políticos. ¿Que importa máis: que Caixanova se fusione e non se vaia de GZ inda que se funda e desapareza ó fin ou se teña que volver fusionar con outro de fóra pra salvarse ou que se fusione directamente con outro de fóra e que saia a flote xa?

    Tanto o PP coma o BNG opinan neste asunto sen base económica ningunha: un, o PP, por gañar votos indo de galegos; e outro: o BNG, por non romper cos seus principios nacionalistas, pena do BNG dos novos tempos que se move por principios inadaptábeis a época na que se vive! relamente dame pena porque terei que buscar a quen votar… Benvido sería Anxo de novo! Él sí sabe pensar nestes casos e non se deixa levar polo que diga a Biblia partidil!!

    Creía que vostede podería por un pouco de lóxica a este asunto da fusión pero xa vexo que non, espero que mude de opinión e o manifeste públicamente porque impor algo nunca é bó e esta fusión é, en toda regra, unha imposición, que me recorda a de Rodrigo Rato en CajaMadrid… ¿¿PP = BNG?? ¡Espero que non!

    ———–

    RESPOSTA

    Aprezada Alba:

    Quen está obrigando a Caixanova a buscar unha alianza con outra entidade financieira é o Bando de España, que goberna un militante do PSOE. Se o Banco de España non obrigara as entidades a ter un mínimo de 50.000 millóns de euros en activos, Caixanova podería continuar soa e non tería que unirse a ningunha outra entidade. Pero a realidade é que pola imposición do Banco de España non pode seguir soa e diante desa situación no BNG temos claro que o mellor para Galiza, para Vigo e para Caixanova é unha fusión das caixas galegas que nos permita seguir tendo o poder financieiro no noso país e seguir tendo tamén aquí o poder de decisión.
    Respecto a túa opinión, pero non comparto as túas conclusións. En contra do que pensas, a nosa posición está respaldada por diferentes estudos e análises económicos que poñen de manifesto que unha caixa galega sería solvente, eficiente e se situaría entre as cinco primeiras do Estado español. O que ningun dos estudos que eu coñezo di é que esa fusión suporá a eliminación do sistema financiero galego, como vai ocurrir se Caixa Galicia se fusiona con Caja Madrid e Caixanova se alía con Cajaastur, Caja Cantrabria e Caja Murcia, coas que xa está negociando.
    Un saúdo.

  3. Hugo comentou:

    O que parece mentira é que o BNG apoie ó PP nesta decisión intervencionista de modificar a lei de caixas para deixar fora o de Caixanova. Tamén parece mentira que o BNG de Vigo non defenda Vigo e esté baixo as decisións que tomen en Santiago. Se o BNG é de Vigo, ten que defender Vigo. E pensar que unha ABSORCIÓN por parte de CaixaGalicia é defender Vigo, é de traca. Porque se a absorción ten lugar, e cando en Vigo deixemos de ter unha Caixa propia e teñamos que depender de outros, quero ver como tanto vos coma o PP nos intentan de convencer de que foi bo para Vigo.
    Claro que pedir que un político recoñeza un erro é como falar cunha parede.

    ———–

    RESPOSTA

    Aprezado Hugo:

    Creo que partes de varias premisas erradas. En primeiro lugar, o BNG levaba no seu programa electoral a necesidade de que Galiza tivera unha nova Lei de Caixas e presentou esa iniciativa diante do Parlamento galego. PP e PSOE votaron a favor de levar adiante esa iniciativa e de que se mantivera a galeguidade das caixas. Polo tanto, o BNG non apoia ao PP. O BNG ten unha posición propia, clara e coherente co seu proxecto de país.
    A ruptura dese consenso xurdiu cando o PSOE, por intereses electoralistas, decidiu modificar a súa posición. Aínda que a día de hoxe tamén é certo que mantén posturas diferentes segundo que se manifeste.
    O BNG defende Vigo. Non é certo que só defendan Vigo os que se opoñen á fusión, porque a realidade é que se non hai fusión Vigo perderá Caixanova. Sen embargo, a fusión é a única garantía de que Vigo manteña o seu poder financiero cunha gran caixa galega ao servizo do país. Non é o BNG quen se opón a que Caixanova continúe sóa. É o Banco de España, gobernado por un militante do PSOE, que o impide ao esixir que as entidades conten cun mínimo de 50.000 millóns de euros en activios para continuar. Caixanova non ten esa cantidade, por iso se non se fusiona con Caixa Galicia terá que acordar un SIP con outras caixas (Cajastura, Caja Cantrabria, Caja Murcia) que se artellarán baixo un banco central con sede en Madrid. Iso será a efectos prácticos que Vigo se quede sen poder de decisión do que se fai cos aforros dos vigueses e das viguesas, pero tamén dos galegos e das galegas.
    A realidade é que se está a meter medo coa fusión, falando de roubo ou de absorción, e iso, dende logo, non é defender a Vigo. Se como ben se di Caixanova e máis solvente e eficiente que Caixa Galicia, por que temos medo a unha fusión?. Se partimos desa posición de ventaxa o que temos que defender é que Vigo xogue na fusión o papel que lle corresponde, polo seu poder económico e financieiro. Iso é o que teriamos que estar defendendo nestes intres.
    Un saúdo.

Deixa o teu comentario


Pechar
E-mail It