A reconquista do Casco Vello

Vigo naceu como cidade ao carón do mar e foi espallándose ata crear a configuración urbanística que hoxe ten, dándolle as costas ao que foi a súa orixe como cidade. Durante moitos anos o casco histórico no que agromou Vigo foi o grande esquecido. Ao tempo que a cidade medraba, o Casco Vello esmorecía. Pouco a pouco foise degradando urbanisticamente, perdendo poboación e converténdose nunha illa no centro da cidade. Pero esa situación está a mudar. Hoxe calquera que pase polo barrio poder comprobar que algo está a cambiar e que a súa rehabilitación integral está a deixar de ser unha quimera.

Cando aceptei a miña responsabilidade como tenente de alcalde e concelleiro de Cascos Históricos asumín o firme compromiso de conseguir que o Casco Vello “reviva”, que sexa de novo o sinal da nosa identidade como cidade. É unha tarefa na que os nacionalistas estamos absolutamente implicados e que empeza a dar xa os seus froitos.

As actuacións que estamos a desenvolver abranguen a rehabilitación de edificios, pero tamén a dinamización social, a mellora da calidade de vida dos seus veciños e veciñas, a reforma do entramado viario ou a mobilidade. Porque a reconquista do Casco Vello precisa dunha actuación integral que recomponña todas as pezas deste gran puzlle que é a zona histórica. Nestes dous anos desde o Concello de Vigo tense destinado ao Casco Vello o maior investimento directo da súa historia. Dos orzamentos municipais saíron máis de 6 millóns de euros para a recuperación da zona antiga e o vindeiro ano intensificaremos ese ritmo inversor. A ese orzamento hai que engadir outros 10 millóns de euros do Plan de Investimento Local que quixemos destinar ao barrio, así como os máis de 18 millóns de euros adicados polo Consorcio do Casco Vello á rehabilitación de inmobles. Sen dúbida, nunca antes se achegaron tantos fondos para facer que sexa de novo o cerne da cidade.

As obras que enchen o casco histórico son a mellor proba de que hai un compromiso político firme pola súa recuperación. Á reforma de 19 rúas e á rehabilitación de ao redor de 60 edificios que se desenvolven desde o Concello e o Consorcio, hai que engadir as axudas aos particulares para a rehabilitación de fachadas e cubertas e actuacións en interiores en vivendas e locais comercias. Os proxectos para a apertura da Pinacoteca e o Centro Fotográfico Galego, o programa de limpeza de pintadas, os Coidadores do Barrio, a intalación dunha rede de banda ancha Wimax… son algunhas das pezas que estamos artellando para rematar o puzzle.

Un puzzle no que xoga un papel fundamental a mellora da mobilidade. É unha peza clave conseguir que os desprazamentos polo barrio sexan cómodos e accesibles e que exista unha boa conexión entre as zonas alta e baixa do casco histórico. Precisamente ese é un dos obxectivos da reforma do entramado viario que estamos a desenvolver, cun orzamento de 10 millóns de euros. Nomeadamente a remodelación do eixo Porta do Sol-Elduayen-Paseo de Alfonso vai ser un aspecto determinante para mellorar a conexión entre a parte alta e baixa do barrio. Deixará de ser unha barreira que separa para transformarse nun espazo de unión do barrio e encontro da cidadanía.

No plan de mobilidade que temos para o Casco Vello inclúese tamén a proposta do servizo de transporte público con microbuses eléctricos que poñeremos en marcha o vindeiro ano. Aínda que a nova Xunta desbotou financiar o proxecto do funicular para unir O Berbés co castelo de San Sebastián, como tiña previsto a anterior Consellería de Vivenda, estamos decididos a levar o proxecto adiante, xa que entendemos que é básico, non só para facilitar as comunicacións do barrio, senon tamén para a rexeneración dunha zona tan emblemática como O Berbés.

É certo que aínda queda moito traballo por diante para conseguir que o Casco Vello estea na súa totalidade rehabilitado, pero ninguén pode poñer en dúbida que a transformación é xa un feito. Alomenos no cincuenta por ciento do barrio é xa tanxible, é unha realidade. Nestes dous anos temos iniciado un proceso que non ten volta atrás, un proceso que fará que a cidade recupere para a cidadanía o lugar no que naceu.

Compárteo:
  • Facebook
  • Twitter
  • Chuza
  • Meneame

Etiquetas: , , , , , , , ,

9 Respostas a “A reconquista do Casco Vello”

  1. residente no casco vello comentou:

    Prezado Sr. Olveira:
    alegra-me o seu optimismo a respeito ao Casco Velho viguês mas, logo de 10 anos escutando o mesmo, permita-me que nom acredite.
    O Berbês segue a ser umha vergonha: o nº de imóveis derrubados ou a piques de cair vai sendo maior que o dos reabilitados e VAZIOS (porque esse é outro assunto).
    Os serviços de abastecemento proporcionados aos vizinhos som inexistentes. Falo, por exemplo, de um simples supermercado (nom “ultramarinos”; encantadores mas desabastecidos) ou de umha farmácia.
    E agora chega a peonalizaçom… Ninguém gosta de ter umha cidade entupida de carros mas… o mundo é assim e Citroën é umha das principais empresas viguesas assim que deixemo-nos de hipocrisias.
    Por que os vizinhos do Casco Velho imos ter que pagar por guardar os nossos veículos? Acaso somos menos “cidadáns” que os vizinhos de Torrecedeira, Valadares, Rosalia de Castro, Matamá, etc.?
    Desculpe mas o que parece que se pretende é despovoar definitivamente o Casco Velho e convertê-lo em um “centro de ócio e interpretaçom etnológica (e enológica)” para turistas.
    Peonalizaçom sim, mas nom assim.

    —-

    RESPOSTA

    Aprezado amigo:

    A recuperación do Casco Vello é unha tarefa común, na que as administracións temos a nosa responsabilidade, pero que non será realidade se non contamos coa colaboración e implicación de todas as persoas que vivides ou traballades no barrio. Comparto contigo que aínda hai cuestións que temos que ir mellorando e que ha situacións particulares con problemáticas que hai que resolver. O tema do aparcamento é fundamental para que esa recuperación sexa unha realidade. En calquera barrio histórico rehabilitado, calquera deses que ata agora visitábamos con envexa -Santiago ou Pontevedra, por exemplo-, está prohibido o estacionamento ou moi restrinxido.

    Unha aperta.

  2. Maria comentou:

    En el Casco vello se esta haciendo un gran esfuerzo económico pero creo que no todo lo que se podría hacer:

    1- Cuando los políticos encargados de la remodelación de la zona se enorgullecen de decir que han estado 5 veces en el casco vello.

    2- Cuando las reuniones y convocatorias con los vecin@s de la zona se realizan después de poner todo patas arriba.

    3- Cuando en las pocas reuniones posteriores con los vecin@s, los políticos no vienen con ganas de negociar, sino de imponer.

    Resultado: que podemos esperar, creemos que nada.

    Consecuencia: Movilizarnos

    Este va a ser en Palabras del Sr Calviño, en una de estas reuniones, el año del casco vello, pero debe ser el año de L@S VECIN@S del Casco Vello.
    Y dentro de poco me parece que hay elecciones.

    ———

    Estimada María

    Como vostede mesma recoñece, o Casco Vello é unha das maiores preocupacións do BNG desde o goberno municipal e tamén o foi para a consellería de Vivenda de Teresa Táboas no anterior goberno galego. Entendo as súas preocupacións, mais tamén quixera lembrarlle que é complicado resolver todos os problemas dun barrio dun día para outro.

    Un saúdo.

  3. Xosé comentou:

    Ola Santi
    Escriboche unha pequena sarta de barrabasadas que ao millor algunha non vos desagrada.
    Agora que empezaron os vós diretos a Bruselas desde Vigo , non viña mal revisitar Flandes en caso de que xa o coñezas . En poucas zonas se poden ver tantas cidades bonitas, con tanta arte , tantas tradicións , tan ben recuperadas , e sobor de todo tan vivas .
    Cidades vellas sen coches , non estaría mal enterarse que fan con eles.
    cheas de terrazas moitas delas cubertas e climatizadas onde podes comer ou tomar algo, na rua no inverno. Ata nalgunhas ruas estreitas , como en Bruselas , cheas de de terrazas de restaurantes hai que camiñar en fila india do pouco espacio que queda para pasar . Ou como nunha praza enorme de Lovaina onde todolos locais son bares cunha terraza continua en toda a praza.
    Mercados por moitas prazas, incluida a Grand Place de Bruselas
    Fixarse no estilo marabilloso de tendas , cafes, etc e enterarse si é cultural e persoal a decoración dos locais ou reciben algún tipo de formación dos concellos. Costa crer que non haxa unha tenda fea ou mal decorada, sen deixar de mesturar a tradición coa modernidade.Aquí abusamos mais de lugares non feos pero si impersoais.
    Si belxica destacou e destaca pola banda deseñada , na Galiza tampouco quedamonos curtos e temos unha chea de bos creadores polo que non viña mal imitar a Bruselas e encher paredes laterais de casas, sen moito interese artístico, con grafitis dos nosos comics. Algunha escultura de persoaxes do comic tampocuco viña mal , como fixeron en Ourense co Carrabouxo.
    E falando de grafitis , doe que grafiteiros-as de Vigo teñan traballos na Tate de Londres e na sua Terra nin os recoñezamos con obras na cidade.
    Ver como a cerámica de Delft está a venda por toda Holanda converténdose nunha industria próspera e emblemática e adiviñar por qué nós ,que temos a Sargadelos, moi superior , xa que é porcelana e non cerámica e por ter uns deseños moito mais vangardistas non somos capaces nin sequera de facela rendibel. En Delft tiñan unha farolas e uns bancos feitos ca sua cerámica . Agora que esta empresa emblemática na nosa terra atravesa un momento dificil, non estaría mal ter, nalgures , un mural grandioso feito por Sargadelos e a ser posible deseñado por Isaac Diaz Pardo, ainda que fose no auditorio de Beirmanar . Non estaría mal que os arquitectos galegos comezaran a utilizar este material nalgunhas das suas obras.
    Postos a pedir tampouco estaría mal que Vigo contase co primeiro xardín vertical da Galiza , ben bonitos que son e aquí non será por auga para rego.
    Quero aplaudir a decisión de pintar portas de casco vello de cores , pode darlle un toque simpatico pero penso que deberiades probar tamen cos perfis das fiestras , non sei si ficarán millor.
    Se algunha das ideas pode encaixar , xa fico contento
    Apertas
    Xosé

    Aprezado Xosé

    Agradecemos todas as túas ideas para o Casco Vello e o conxunto da cidade. Certo é que temos moito que aprender de Flandres e outros lugares de Europa no seu respecto polo patrimonio e na vontade de facer fermosa a cidade. Estou seguro de que co esforzo de todos o imoos conseguir.

    Un saúdo.

  4. alvaro comentou:

    santi.
    so decirte que comparto a opinion de xacobe. O barrio esta a quedar esplendido, e que asi e como todos o queremos ”relucinte”
    pero creo que esquecedes grandes pragas no barrio como os toxicomanos pinchandose polas esquinas y os seus suministradores asentados no barrio (residentes). ademais do centro da metadona (unha imaxe orripilante todas as mañas)
    todos los dias atopo pares de xeringas polas ruas do casco.
    por outra parte penso que o concello si deve de aportar uxada os residentes ¡que digo residente! a todos os vigueses nos seus problemas particulares que para iso pagamos os impostos e vos votamos no sue momento.
    senon ¿que fai toda esa xente ocupando sillas no edificio do concello? ¿van so a iteresarse de que as nosa contas coa administracion esten o dia?
    espero que non.
    tamen te quero dicir que sincera mente as axudas para os parkin son vastante ficticias. inda non atopei ningun que non me dixera que teño que esperar una lista de espera no mellor des casos de 44 persoas no peor de 2 anos
    e que se amolde os meus turnos de traballo (mañan de 6H a 14H e tarde de 14H a 22H) ¿donde encaixo eu nesas prazas ofrecidas con horarios extrictos? ¿iso e outro problema particular que so eu podo arranxar non?
    penso que si non aportades solucion para o tema do aparcamento pouca xente querera trasladarse o barrio e para mostra un delal.
    de todoas as vivendas reavilitadas no barrio no se ve ocupacion ni no 10% delas.
    o barrio esta mellorando “pero a calidade de vida dos residentes”
    permiteme que teña as miñas duvidas.
    empezo a estar farto de que a policia me acose por deixar o coche no portal pra descargar as miñas compras ( que iso non se fai en 5 min. vivindo nun 3º sen ascensor ) todo isto tendo unha entrada a nivel do piso pola cual se me denega o acceso.
    iso pro non falarte dos meus problemas particulares de acceso a vivenda con personas de 94 anos
    de todos modos ¡SI! o barrio esta maravilloso
    pero no olvidedes que nel vivimos persoas no so hai xente de paso
    gracias por atenderme.

    —-

    RESPOSTA

    Aprezado Álvaro:

    A recuperación do barrio histórico é unha tarefa común, na que as administracións temos a nosa responsabilidade, pero que non será realidade se non contamos coa colaboración e implicación de todas as persoas que vivides ou traballades no barrio. Comparto contigo que aínda hai cuestións que temos que ir mellorando e que ha situacións particulares con problemáticas que hai que resolver. O tema do aparcamento é fundamental para que esa recuperación do Casco Vello sexa unha realidade. En calquera barrio histórico rehabilitado, calquera deses que ata agora visitábamos con envexa, está prohibido o estacionamento ou reducido a moi poucos espazos.
    Unha aperta.

  5. Xacobe comentou:

    Querido Santiago:
    Sempre vivín en Vigo, e cando vivía en Portanet, era un problema aparcar por mor de Citroën e do fútbol, cando vivín en Rosalía de Castro o mesmo pola movida e as oficinas…pero, en Portanet marchaba cara Pereiró ou Castrelos e atopaba sitio, en Rosalía se ía o mediodía ou moi tarde a noite tiña os sitios que quería… ou senón detrás das torres de negocio…
    Con isto intento reflexar a problemática do Casco Vello. Nós non temos para onde “escapar”. Por riba o concello e un saturado Castro, por baixo o mar,… E no medio un gran barrio que esta a medrar, que non ten garaxes. ¿Qué zona de Vigo ten 3.000 casas sen garaxes?
    Non cometamos o erro de facer un reducionismo do problema.
    Índa que quixera pagar 95€ non teño unha praza de parking 24h porque os aparcamentos que hai están cheos e non admiten máis prazas de 24h e ademais ningún te aluga unha praza en xullo e agosto.(podes consultalo, o Berbés tan só agosto pero na cláusula do contrato pon xullo e agosto).
    Nós aprezamos os esforzos do Concello, pero penso que neste caso é necesario un cambio de enfoque. As axudas están ben, pero deberían ser máis progresivas, para seren máis xustas.
    O problema é que de momento hai 500 coches no casco vello e isto medra por momentos.

    Eu din unha solución, seguramente é moi mala, pero non son un profesional da materia. Por iso, os veciños, pedimos solucións para o problema.

    Non queremos que nos regalen nada, queremos ter “onde” deixar o coche. Hoxe en día non temos, polo menos non 24h.

    Grazas pola resposta.

    ——

    RESPOSTA

    Aprezado Xacobe:

    O proceso de recuperación de calquera barrio antigo dunha cidade leva implícito a retirada do tráfico. Os casos de Santiago, Pontevedra, Ourense ou Lugo por citar só algúns casos cercanos foron durante moitos anos o espello no que nos miramos, pensando que algún día Vigo tiña que saldar a débeda que tiña co seu. Hoxe é un feito que a recuperación está encamiñada e, como consecuencia desde proceso, foi preciso abordar a eliminación do tráfico, ao igual que fixeron nas cidades que antes nomeei.
    Ti falas dos problemas de aparcamento que hai en diferentes puntos da cidade e iso debe tamén facer reflexionar aos veciños e veciñas do Casco Vello do que está a facer o Concello. Para o barrio antigo facilitamos axudas que non teñen os veciños e veciñas doutros barrios, que igualmente teñen problemas de aparcamento e, por exemplo, vense obrigados a alugar unha praza de aparcamento a certa distancia do seu domicilio e non en parkings precisamente. Pódoche dicir que en contactos con xente que vive no barrio houbo moitos que nos dixeron que eles xa tiñan alugadas prazas desde hai anos e para elas nada ten cambiado co proceso de humanización. De todas formas nós entendemos que o proceso de rehabilitación que estamos a desenvolver no Casco Vello facía preciso aplicar esa medida de axudas e así o fixemos. O proceso de recuperación do barrio é unha tarefa común, na que é preciso a implicación de todos e todas.
    Unha aperta.

  6. Xacobe comentou:

    Hola Santi:
    A verdade é que non teño moi boas palabras para o BNG en Vigo, ” a los hechos me repito” como dixo manquiña. Teño que dicir por outra banda que coñézote (polas túas accións) dende o comezo da túa carreira política, sei o ben que fixeches ao deporte base en Vigo, e iso seino porque son moi aficionado o basket, e lembraraste como fomos desterrados en castrelos.
    Agora vivo no casco vello e o outro día tivemos unha reunión con calviño e toxo (o de patrimonio). Moi claro non quedaron as cousas…
    Todos estamos dacordo en que non é estético ter un casco vello reformado e cheo de coches polas rúas, pero o que esperabamos que nos deran resposta o outro día é “¿Onde metemos os 500 coches do casco vello?”.
    Cosa que non se fixo. En lugares de dar alternativas aquilo converteuse nunha loita de problemas particulares (que xa existían antes desta normativa) e de baile de números por parte do membros do consistorio (que aínda defende que quedan 102 prazas para aparcar xa que a zona azul de cánovas do Castillo é considerada como prazas de residentes, ejem!! ).
    Gustaríame coñecer alternativas posibles e que se defendesen no noso consistorio.

    Alternativas para os autos do casco vello 1,2,3 conteste outra vez:

    -Poñer un aparcadoiro municipal ó aire libre cun custo moi reducido(menos de 30€/mes) en calquer parte de cidade controlado 24h por un vixiante, e poñer lanzadeiras (bus) gratuitas dende o casco vello ó aparcadoiro a tódolos usuarios do mesmo. Isto sería unha solución moi boa tanto para a xente maior que non adoita a usar o coche tódolos días como para os que non se poden permitir unha praza que vai dende os 93 os 140€.

    ¿xogamos? 1,23, conteste outra vez…

    ——–

    RESPOSTA

    Aprezado Xacobe:

    Alédome que coincidamos no punto de partida, que é o feito de que o proceso de recuperación do Casco Vello non pode desenvolverse se o barrio é un aparcadoiro do coches. Dito isto, o certo é que o Concello xa está dando alternativas. En ningunha outra zona da cidade se ten posto en marcha un plan de axudas para que os veciños e veciñas podan ter descontos nos parkings soterrados. Moi mala non debe ser a medida, cando estamos recibindo protestas doutras zonas da cidade pedindo que tamén se lles subvencione a eles o aparcamento.
    Por outra parte, desde a Concellería de Patrimonio Histórico estase tamén traballando para incorporar modificacións no Pepri e permitir que os baixos dos inmobles podan empregarse como garaxes. Son algunhas das alternativas que estamos ofrecendo aos veciños e veciñas, pero o que o Concello de Vigo non pode é resolver cada un dos problemas particulares, que como ti ben dis son os que ao fin e ao cabo acaban saíndo a luz cando se fala dos problemas de aparcamento no Casco Vello.
    Imos seguir traballando pola recuperación do barrio e por conseguir que os seus veciños e veciñas teñan unha mellor calidade de vida, pero para elo precisamos ter tamén a vosa colaboración.
    Unha aperta.

  7. Xosé comentou:

    Ola Santi ,
    As milloras no casco vello nótanse, como dís . Sei que os proxectos de dinamización van e irán adiante e todos son válidos . O importante é que o casco vello viva , xa sexa pola xente que vive e vivirá nela ou pola xente que decida pasar , pasear e gastar parte do seu tempo e os seus cartos nesta zona. Dicía Cesar Portela que as prazas tiñan que recuperar esa función de lugar de encontro e de negocio que tiñan noutros tempos . Eu que tamén estou dacordo con esa idea animo a que ademais da apertura de novas tendas , outlet ou non, seguir os pasos da praza da Constitución e de tantas prazas de cascos vellos de toda Europa para convertir o resto das suas prazas neses lugares de encontro e de negocio ca creación de mercados de todo tipo que poidan funcionar na fin de semana así como facilitar para que ditas prazas podan ser ocupadas por cafes e restaurantes con terrazas que axuden a covertir o casco vello no lugar de reunión , de encontro de todolos vigueses.
    Ánimo e a seguir , que ides ben.

    ——–

    RESPOSTA

    Aprezado Xosé:

    Grazas polo teu apoio. Podes estar certo de que imos seguir traballando na recuperación do Casco Vello para a cidadanía e ademáis dos proxectos que xa están en marcha imos seguir impulsando a súa dinamización social para facer que a xente volte ao noso barrio histórico, pero tamén precisamos que a iniciativa privada de implique. Moitas grazas polas túas suxestións.

    Un saúdo.

  8. roberto comentou:

    Hola!!!!!Como comenzaría a comentarche isto do casco velho??? Nao sei si visitaches muitos cascos antigos na nosa espanha,pero a verdade que o de Vigo é ……..o que o galego contemporaneo quere de momento,só de momento para iso estades vós…pero tenho as minhas duvidas sobre o proxecto,primeiro espero que non estedes metidos en pelotazos urbanisticos,,agora chegan a Vigo transatlanticos e cada dia chegarán mais…por isso comento o feito,sempre a raiz de un lucro se comezan a organizar cousas,sempre esquezendo as iniciativas das persoas que comenzarón a fazer de bouzas e berbés habita de vivir a costa do mar,pero de outro xeito.Espero que tenhas boas ondas hacia o mar para este proxecto.forza SANTI!!!!!!!!!

    ———–

    RESPOSTA

    Aprezado Roberto:

    A recuperación do Casco Vello é para min un compromiso político, pero tamén persoal. Teño visitado moitos cascos antigos en moitas cidades e sempre pensei que o noso non tiña nada que envexar, o único que lle faltaba era un pouco de atención. Penso sinceiramente que nestes dous anos e medio esta a ter toda a atención que non tivo en décadas. Aínda queda moito traballo por diante, pero é evidente xa que hai unha transformación en marcha, que o barrio está sendo reconquistado de novo para a cidadanía.
    Seica andan xa por aí algúns comentarios falando de irregularidades na nosa xestión no Casco Vello, pero podo asegurarche que nada diso hai. Témome que non son máis que os esforzos dos que non ven con bos ollos que por fin o noso barrio histórico estea empezando a revivir. Pode ser que os seus intereses sexan precisamente os contrarios aos nosos, que non son outros que recuperar o lugar no que naceu a cidade para as súas xentes.
    Sei que o tempo nos dará a razón e agardo que ti podas comprobar que fixemos as cousas ben.

    Unha forte aperta.

  9. séneca comentou:

    Ben querido Santi, non temos dubida traballas a prol do casco vello, pero cicais tamén conven facer algo máis por tantos vigueses sen teito que deambulan por esta zona viguesa. A anterior rexidora e agora presidenta da Autoridade portuaria deixo sen a posibilidade de que estas personas durmisen sobre as bancadas para ilo mandou por trabas nos bancos. Non temos albergue para os que vi ven e durmen baixo as estrelas o baixo a choiva e o vento e como é loxico fan as súas necesidades na rúa. Dende a dereita non podemos esperar moito máis, pero a esquerda ten a obriga moral de lograr canto antes un lugar donde poidan descansar, comer e durmir, donde asearse e donde facer o que precisen.
    O casco vello que eu saiba non ten nin minxitorio púbrico nin cousa parecida.
    Unha aperta e loubanza por o teu interese por a cidade e por non escatimar a túa presenza nunha manifestación como a pasada contra a violencia de xénero.
    Agardo resposta que desexo non se demore moito.

    ———-

    RESPOSTA

    Aprezado Séneca:

    Comparto plenamente as túas inquedanzas a respecto das persoas sen teito. Como ben saberás existía o compromiso da anterior Vicepresidencia da Xunta para abrir un centro de emerxencia social na Gota de Leite, que ía ser algo máis que un albergue. Estaba previsto que tivera tamén comedor, lavandeiría, talleres… Lamentablemente o PP, que agora goberna a Xunta, non considera que iso sexa unha prioridade e decidiu que ese edificio debería ter outros usos. A situación actual é que no Concello contabamos con que este ano estivera xa aberta a Gota de Leite como albergue, pero a Xunta non acepta nin siquera abrila provisonalmente mentras nós buscamos outro lugar para o centro de emerxencia. Estamos tratando de buscar a mellor solución, porque para nós si é unha prioridade que a xente que menos ten, alomenos conte cun lugar no que poder acollerse.

    Grazas polo teu comentario. Unha aperta.

Deixa o teu comentario