Singularidade. Esa é a proposta que Vigo debe facer para proxectar o seu futuro. Estamos nun século recén estrenado no que a globalización derruba fronteiras e competitividade é a palabra que move o mundo. Neste escenario, máis ca nunca, a nosa cidade debe enfrontar o seu futuro sen complexos, tirando partido das súas fortalezas e poñer en valor o que nos fai singulares.
Hai moito partido por xogar e debemos ter clara cal vai ser a nosa estratexia para conseguir o mellor resultado. Por suposto, debemos seguir mimando o noso tecido industrial, pero non podemos seguir fiando exclusivamente o noso futuro nese sector. Vigo pode ser tamén un referente noutros ámbitos, nomeadamente o turístico, o cultural, o tecnolóxico, o comercial, o social ou o deportivo.
Dispoñemos dos mellores mimbres. Contamos cun gran potencial emprendedor empresarial e coa capacidade e o esforzo que os vigueses e viguesas amosamos día a día. Porque non debemos esquecer que Vigo é hoxe a primeira cidade de Galiza, o motor industrial e económico deste país, grazas á unha cidadanía que ten sido quen de saber facer fronte sempre ás dificultades e resolver con imaxinación os atrancos que teñen aparecido no camiño, caseque sempre en forma de discriminación doutras administracións no reparto do pastel orzamentario.É tempo de que mude esa tendencia. Para iso Vigo, os vigueses e as viguesas, debemos crér máis na nosa cidade e confiar realmente nas nosas posibilidades. Desde a Tenencia de Alcaldía estamos a traballar para conseguir que cada día queiramos máis a nosa cidade e nos sintamos orgullosos dela. Aí está a nosa aposta decidida pola recuperación do noso Casco Vello, o noso verdadeiro sinal de identidade como cidade. É unha tarefa laboriosa e máis lenta do que todos e todas desexamos, pero sen dúbida estamos no bo camiño para convertir o noso barrio histórico nun lugar de referenza para o turismo. Un casco antigo rehabilitado, xunto ao incomparable contorno natural que ofrece a nosa ría e a coroa de montes que nos rodea son aspectos que moi poucas cidades poden ofrecer para estar en pé de igualdade na forte competencia que hai no sector turístico. Esas son as nosas singularidades. Ademais contamos como armas estratéxicas o Vigo Convention Bureau, que permitirá que a cidade entre na rede internacional para a organización de eventos, e o Plan de Competitividade Turística que vai poñer en valor as nosas fortalezas como destino turístico.Debemos apostar tamén por facer a Vigo protagonista e programar eventos que nos permitan amosar as nosas capacidades. Acabamos de acoller na nosa cidade o Mundial de Hóckey sobre Patíns, un evento que ten demostrado unha vez máis a nosa capacidade organizativa e que premitiu que a cidade tivera proxección internacional. Aspectos aos que hai que engadir o retorno económico que a celebración desta competición deixou no sector hosteleiro, hoteleiro e comercial da cidade. O Mundial é un bo exemplo do que os grandes eventos poden significar no futuro nunha cidade como a nosa.
Igualmente temos opcións para presentar ao mundo unha oferta cultural singular. Estamos a traballar para rentabilizar ao máximo os magníficos museos que temos na cidade. Na nosa aposta de futuro funcionarán en rede, cunha oferta coordinada. Esa será unha das mellores cartas de presentación de Vigo á volta duns anos.
Pero, sobre todo, a nosa cidade debe explotar ao máximo a súa singularidade no aspecto social. Vigo ten sido sempre unha cidade solidaria e agora máis que nunca debe selo. Calquera proposta de futuro ten que pasar necesariamente pola mellora da calidade de vida dos cidadáns e das cidadás, especialmente dos máis necesitados. O fin último debe ser sempre a xente. Para que a proposta de futuro da nosa cidade triunfe debemos garantir a igualdade de oportunidades para todos e todas. Para nós ese é o obxectivo prioritario e nel traballamos a reo.
Estou certo de que a Vigo lle sobran elementos que a fan singular para encarar o seu futuro con garantías. Se conseguimos superar o lastre que arrastramos na execución de infraestruturas básicas, como o AVE, esta cidade será imparable.
Compartir
Etiquetas: Casco Vello, cidade, comercio, competitividade, cultural, futuro, industrial, singularidade, social, tecnoloxía, turismo, Vigo
Esta entrada foi publicada o
Mércores, 5 de Agosto do 2009 e esta gardada na categoría Vigo.
Pode seguir os comentarios a esta entrada desde o feed RSS 2.0.
Podes deixar un comentario, ou facer un trackback desde o teu sitio web.
.
22 de Febreiro do 2010 ás 3:51 am
Ola Santi
Nesa cidade singular da que falas eu boto en falla imaxe e emblemas que axuden a representar ou definir ( ?) Vigo . Para explicarme millor direi que todo producto precisa dunha imaxe, dun logo, dun referente ,etc. As mais das veces un logo define millor que as palabras a productos ou cidades, sexa o crocodilo de Lacoste ou a Torre de Hercules da Coruña. Vigo é unha das poucas cidades que coñezo que carece desta imaxe representativa da cidade . Non temos ningun elemente facilmente identificabel que poda representar a esta cidade. Un pensa en Paris e inmediatamente aparece a torre Eiffel, en Barcelona a Sagrada Familia ou agora a Torre Agbar, Porto cas suas pontes ou agora ca sua Casa da Música, Sydney ca opera e ca ópera agora tamén esta representado Oslo. Vigo non tén murallas nin pontes romanas, nin catedrais ou edificos singulares que podan aparecer na portada dunha guía da cidade. Nin tan siquera ese campus marabilloso que temos remata por ser imaxe. Lugares como Bilbao , Valencia , Malmo ou tantos lugares mais que grazas a un edificio-emblema pareceran ocupar agora un espazo neste mundo que parecían ter esquecido e que ademais da sua política urbanística millor ou peor gozan dunha imaxe facilmente identificabel. Non quero retomar aquela discusión polo proxecto de Nouvel
( aínda sigo chorando cada vez que me acorda ) , pero ¿non crees que a execución de algo , edifico, rañaceos, torre, o que sexa que poda traspasar fronteiras e que os vigueses podamos sentirmos orgullosos e representados, , como os de Bilbao co Gugenheim, debera ser un obxetivo primordial para a cidade? . Non se trata de encher a cidade de emblemas ,como Paris, pero polo menos ter ún. Os edificios de Portela estarán ben pero non o conseguirán tampouco.
Aínda que a min gústanme os rañaceos ,e que como che dicía o ano pasado considero que a cidade vertical como Nova Iorque ou Chicago é mais ecolóxica que unha horizontal como OS Anxeles ou Londres, pero cun estilo de cidade que me gusta moito tamén como o de Munich que a pesares de seren moi horizontal non desbota algún que outro rañaceo de calidade, espallados pola cidade . Por certo , daquela che comentaba que tiña un sistema de transporte envexabel, alédame agora que fose considerado o millor de Europa.
Perguntaba un xornalista do Faro a Mayne sobre o proxecto da nova estación , se sería un referente para a cidade e a resposta foi que sería algo así como o Non Edificio,. É dicir parecera que aquí non se pode facer nada que destaque.
Todo esta parolada é para perguntarte o que xa fixen , ¿ Non pensas que Vigo milloraría a imaxe cun edificio de factura internacional , singular , e que se asocie claramente a esta cidade?
desculpa as molestias e unha aperta.
—–
RESPOSTA
Aprezado Xosé:
Tes razón cando dis que é preciso ter un referente que nos identifique, ou o que é máis importante, que nos singularice diante doutros posibles destinos. Pero eu creo que ese elmento non ten que porque ser exclusivamente un edificio ou unha escultura. Pode ser calquer outro elemento que nos dea identidade. Eu creo que Vigo xa o ten, aínda que temos que potencialo máis. Falo da nosa ría e nomeadamente das Illas Cíes. É o que realmente nos fai singulares diante doutras cidades. Temos unha ría inigualable, cunhas condicións envexables para a práctica de deportes náuticos, e nela temos o maior tesouro da nosa cidade: As Cíes.
Dentro das medidas que estamos impulsando dende a Concellería de Turismo para conseguir desentacionalizar o turismo e conseguir que Vigo sexa un destino aberto todo o ano, o ano pasado conseguir que por fin a nosa cidade tivera, por fin, un Plan de Competitividade Turística que precisamente está baseado no turismo urbano e de ría. Este ano poñeremos en marcha xa varias iniciativas dentro deste plan e agardo que no curto e medio prazo empecemos a obter resultados.
Por último, con isto non quero dicir que no futuro Vigo non teña un elemento referente dos que ti falas, pero penso que primeiro temos que tirar partido do que xa temos.
Unha aperta.
5 de Setembro do 2009 ás 2:34 pm
Santi celebro que Séneca estea plenamente dacordo cotigo no referente a solidariedade ca nosa cidade debe ter con todos e nomeadamente con aqueles que máis a precisan.
No blog vexoVigo, Séneca fai referencia as túas verbas de onte sobre o albergue municipal.
Quero pensar que traballarás arreo para que sexa unha realidade canto antes.
O edificio da gota do leite está esperando, os indixentes tamén.
Unha aperta.
——-
RESPOSTA
Aprezado Séneca:
Dis que o edificio da Gota de Leita está agardando e moito me temo que vai seguir así, coas súas portas pechadas, mentras hai xente durmindo na rúa. Como saberás ese edificio é propiedade da Xunta de Galiza, que se nega a abrilo como albergue, tal é como tiña previsto o anterior Goberno da Xunta. Investira xa casi 300.000 euros para acondicionalo. Agora, a pesar de que falan de austeridade, van tirar ese investimento, xa que din que teñen outros proxectos para o edifico. De momento non sabemos cales, e a realidade é que a xente continúa na rúa.
Garántoche que pola nosa parte non vai quedar. Nós continuaremos reclamando, con todos os medios ao noso alcance, que a Xunta de Galiza abra o albergue na Gota de Leite. Non imos renunciar a iso.
Unha forte aperta.
26 de Agosto do 2009 ás 8:54 am
Tras ler o seu anterior post sobre a postura de Feijoo ante a lingua galega, só podo darlle unha recomendación, escriba “recente estreado” e non “recén estrenado”, porque así non evidenciará que na súa “ Galiza” conviven dúas linguas…
—–
RESPOSTA
Aprezado amigo:
Grazas pola súa apreciación. Son unha persoa sempre disposta a mellorar os meus coñecementos sobre a miña lingua. Pero creo que o problema que vostede trata de agochar é outro, non si os que falamos galego o escribimos mellor ou peor. A realidade é que hai unha lingua, o galego, á que o Goberno do Partido Popular quere deixar na mínima expresión. Seguramente se non continuara adiante co seu propósito de derogar o decreto do galego, os nenos e nenas que hoxe estudan en Galiza terán un completo coñecemento da lingua propia de Galiza e non terán problemas para escribila correctamente. De seguro que se o PP continúa cos seus plans de acabar co galego, escribilo mellor ou peor vai ser unha simple anécdota. Confío en que os galegos e as galegas non o permitan.
Un seguro.