Lingua: en Galiza saber máis, vale menos

Nestes últimos tempos puidemos escoitar a iniciativa do novo goberno que preside o señor Núñez Feijóo de eliminar a proba de galego nas oposicións que se celebren na nosa comunidade. Insisten os señores do Partido Popular en querer facer da lingua un cabalo de batalla e insisten tamén en querer eliminar todo aquilo que aos galegos e galegas nos fai singulares e nos configura como un país propio. Neste tema en concreto estaría ben que nos paráramos a pensar nas consecuencias que, máis alá do propio ataque á nosa lingua, se poden derivar para a nosa economía e, sobre todo, para o emprego no noso país.

Que está dicindo o señor Núñez Feijóo cando anuncia en todo o Estado que se acabou en Galiza a proba de galego nas oposicións? Está, sen dúbida, facendo un chamamento a estremeños, andaluces, etc. a que veñan a opositar aquí. Está animando a que os postos de traballo públicos que se xeran cos cartos de todos os galegos e galegas sirvan para ofertar posibilidades máis alá das nosas fronteiras, en detrimento da protección básica que os poderes públicos galegos deben estabelecer para a súa cidadanía. Os mozos e mozas que viven en Galiza, que estudan en Galiza e que son fillos de traballadores e traballadoras galegos non poderán contar cun valor engadido que é o de coñecer e dominar unha lingua máis que os outros.

A alguén se lle ocorre que en calquera oposición, nun concurso de méritos ou en calquera outro tipo de baremación non se teñan en conta os idiomas, os mestrados realizados ou a titulación obtida? No caso dos galegos e as galegas que opten a un posto público na súa terra eliminaráselles, por unha decisión política inaudita, a posibilidade de poñer en valor o coñecemento dunha lingua que ademais está recoñecida pola Constitución e polo Estatuto como lingua oficial de Galiza. Parece que o Partido Popular, lonxe de protexer os intereses da cidadanía galega, encamíñanos cara á triste historia da emigración dos nosos mozos e mozas.

Non se trata de discriminar a ninguén. Calquera persoa do Estado español ten o dereito de vir opositar a Galiza, pero se trata de defender que quen máis dereito ten a traballar na nosa terra son os galegos e as galegas, que contribúen co seu esforzo ao desenvolvemento do noso país. Estes días os nosos gandeiros están reclamando protección para as súas explotacións, para que os produtos foráneos non afecten ao seu mercado. Os traballadores e traballadoras do metal, da automoción e da pesca están pedindo que non se destrúan postos de traballo na nosa terra, que se axude aos sectores básicos da economía galega para acadar o mantemento dos postos de traballo. Mesmo se dan axudas para incentivar a compra de automóbiles, axudas da propia Xunta, e que loxicamente recaen en mans dos galegos e galegas. Por que entón non se fai o mesmo coa nosa lingua?. É un valor que nos diferenza dos outros e que nos daba a vantaxe de ter maiores oportunidades para acceder a un traballo digno na nosa terra.

Non se dan de conta os señores do PP que coa súa batalla ideolóxica contra a nosa lingua están iniciando o camiño de equiparar a Galiza, non coas nacionalidades históricas que dende sempre se caracterizaron pola defensa do seu, senón co resto do Estado, cando Galiza sempre tivo un espazo diferenciador que nos ten levado a sentir ese orgullo de pobo e de País, nin mellor nin peor, pero si distinto aos outros.

Fóra de calquera ideoloxía o pobo galego sabe ben como defenderse cando se trata de reivindicar o respecto polo noso, pola nosa xente e polo que somos. A lingua galega non debe ser senón un instrumento e un sinal de identidade que ten que facer que nos unamos e que xuntos loitemos por un mellor futuro para todos e todas as e, en particular, para os nosos mozos e mozas na busca do seu futuro e da súa realización persoal.

 

Etiquetas: , , , ,

2 Respostas a “Lingua: en Galiza saber máis, vale menos”

  1. Xose comentou:

    Ola Santi ,
    O galego esta a desaparecer de xeito vertixinoso . Costa escoitar falar en galego na cidade . Alá onde vou , sexan bares, supermercados , bancos etc. non só non falan galego entre eles senón que nin tan sequera respectan á lingoa do cliente ao que atenden , neste caso , a min. Vai chegando un extremo que eu agradecería que os establecimentos tiveran un carteliño fora que dixera “FÁLASE GALEGO ” , naqueles que o falaran.
    Todo está ben e é necesario na defensa do galego, especialmente a nivel instuticional pero non esquezamos que non é suficiente. Fillos de amigos meus , galego falantes . sairon da escola, en galego , falando español xa que os mais dos amigos feitos alí eran español falantes. Escoitar a un nego galego falar en galego é case un milagre . A escola non debería ser o único xeito de achegar a lingoa aos nenos. Por ónde mais se pode achegar sería polas suas auténticas paixóns . ¿Que fan os nenos no tempo libre?, ¿ A que xogan ? , Que música escoitan? , ¿ De que falan ? , Nas respostas a estas perguntas deberían estar a principal inversión dunha política galeguista.. Os nenos son o futuro da lingoa.
    Con respecto aos xogos :
    1ª/ os xogos de ordenador ou , play stations, ¿cantos xogos poden atopar en galego? ¿Ata que punto non se poden facer ludotecas gratuitas en galego?onde todolos xogos , libros etc. ,estean nesta lingoa.
    2ª/ xogos deportivos : Ata que punto non se poden semi-profesionalizar o deporte infantil? , Non estaría mal crear unha especie de federación viguesa de deporte infantil e xuvenil por bairros, onde todo , incluidos os adestradores , utlizaran o galego como língoa . Os deportes deberían ser os maximos posibeis incluso promocionar algúns pouco populares sen descartar , dando rango de deporte ,aos xogos populares desta terra.
    NOn estaría mal crear unha especie de liga , ou pequenas olimpiadas por bairros. Sen descartar premios , medallas e demais parafernalias que imitasen aos profesionais. Tampouco estaría mal en caso de que funcionase engadir todas as edades neste campionato ou olimpiadas viguesas.
    3ª/ Musica . Aquí xa resulta un pouco mais complicado poder ofrecerlle as suas músicas en galego . Pero non estaría mal , polo menos , facer concertos relativamente apropiados , cos músico galegos. Potenciar tamén cursos gratuitos en galego ónde podan formarse ou polo menos devertirse na aprendixaxe de instrumentos , composición ou voz e potenciando tamén a creación de grupos ou solistas que podan chegar incluso a grabar os seus temas , en galego si é posible. Tampouco deberiamos esquecer o portugues ónde si podemos coller mais referentes musicais .
    Darlle elementos en galego aos nenos e xoves para poderse divertir millor e en galego.
    Para os menos nenos , non estaría mal a creación , dunha especie de ” casa de la trova cubana” á galega .¨´e dicir un espacio ónde un poda tomarse unha copa ou un cafe nun cafe concerto con programación esclusiva de música galega ou millor de musica galego-portuguesa.
    A obriga do coñecimento do galego é necesaria ainda que só fose por unha cuestión de respecto aos que o falamos , pero cantos , como Gloria Lago ,falan un galego correcto e o usan como se fose unha lingoa extranxeira.
    Tampouco estarían mal unha xornadas sobre as posibilidades de recuperación da nosa lingoa.
    Saudos e adiante co que funcione.

    ——

    RESPOSTA

    Aprezado Xose:

    Comparto a túa reflexión. É certo que na promoción do uso da nosa lingua hai que abordar novas iniciativas. Recollo as túas suxestións, aínda que moitas das cousas que propós xa as estamos aplicando en concellerías como a de Xuventude, Normalización Lingüística ou Cultura e de xeito máis xenérico transversalmente en todas as áreas que xestiona o BNG. Como exemplo direiche que na programación de actividades infantís do Concello desenvolvemos moitas iniciativas para os máis cativos en galego (representacións teatrais, xogos, contacontos, actuacións musicais…). Tamén estamos a traballar nesa dirección coa mocidade. Recentemente fixemos un concerto no que mesturábamos a tradición da regueifa co rap con artistas galegos. É o segundo ano que o fixemos e foi todo un éxito. Eu creo que é así como hai que traballar, normalizando o uso da nosa lingua en todos os ámbitos. Teremos en conta as propostas que fas para ir incorporando as que sexan factibles na nosa xestión.

    Unha aperta.

  2. Séneca comentou:

    benquerido Santi, a nosa lingua é un ben ó que non podemos deixar esmorecer nin
    permitir que agravien.
    Pero tanto a túa concellería coma o teu partido poderían facer algo máis polo seu pulo, por exemplo impartir clases de balde para os que non estamos afeitos a falar a cotío en galego ou non é sinxelo para nos poder falar nesta lingua, podamos aprender e ter a outras xentes o noso lado para praticalo.
    Clases prácticas nas que primen as conversas, se o facedes, pode ser tamén unha maneira de facer algo máis polo galego.
    Moitas grazas.

    ———-

    RESPOSTA

    Aprezado Séneca:

    Comparto contigo á idea de que debemos coidar e defender a nosa lingua dos ataques que está a sufrir nos últimos tempos. Tando desde o BNG como desde a Concellería de Normalización Lingüística estamos traballando a prol da nosa lingua. Son moitas as campañas que están en marcha e concretamente desde o Concello estase traballando moito na posta en valor da nosa lingua, con campañas de difusión, de fomento da lectura en galego, con actividades que promoven a normalización do galego… A túa proposta de facer curso de balde é unha opción sobre a que podemos traballar. Non creo que sexa posible organizalas tal e como ti propós, pero igual si se podería artellar algún mecanismo que favoreza as charlas en galego. Recollo a túa proposta.

    Moitas grazas e unha aperta.

Deixa o teu comentario


Pechar
E-mail It