Garantías para a chegada do AVE
Nos últimos días estamos a escoitar máis dunha manifestación sobor da chegada do AVE á nosa cidade, os prazos de execución e os investimentos necesarios para que se cumpran os compromisos que veñen facendo tanto o presidente do Goberno como destacados representantes do PSOE. Son moitas as declaracións que se están a facer sobre esta infraestrutura, a situación actual dos distintos tramos do AVE en Galiza e o corredor do Eixo Atlántico, que debe servir para a unión de Galiza, e en especial Vigo, co norte de Portugal. A pesar diso a realidade é que non se disipan as dúbidas sobre cando e como chegará o AVE.
Galiza e Vigo xa sufriron as consecuencias de ser os últimos na chegada das autovías. Cando noutros lugares do Estado español xa tiñan resolta esa demanda, todavía andabamos aquí cos estudos informativos, informes de impacto ambiental, etc. Cando noutras zonas do Estado estaban desenvolvendo xa unha clara política económica vinculada ás comunicacións terrestres e transporte por estrada, as empresas viguesas e galegas tiñan que loitar con tempos de sete, oito ou nove horas para achegar os seus produtos a lugares como Madrid, Euskadi, Cataluña ou Andalucía.
Dende o Bloque Nacionalista Galego dixemos xa tanto no Parlamento do Estado en Madrid como en Santiago que non podemos permitir que unha vez máis sexamos os últimos na consecución dunha infraestrutura que é fundamental para o noso desenvolvemento. Os galegos e as galegas, os vigueses e as viguesas non somos cidadáns de segunda categoría e xa está ben de que todos os recursos teñan sempre destinatarios prioritarios noutras zonas do Estado español.
Os políticos e toda a cidadanía debemos esixir que se nos fale con claridade, que se nos diga cales son os investimentos que o Ministerio de Fomento ten previsto facer para cumprir o calendario de 2012 para a chegada do AVE e 2013 para o remate do Eixo Atlántico. Deben dicirnos, sen máis rodeos, cando se van a licitar os tramos que faltan entre Lubián e Ourense, que son a vía fundamental para que a chegada do AVE se faga en prazo. Diante da inconcreción que vimos padecendo, o mínimo que debemos exisir, porque non, é unha visita á cidade da ministra de Fomento para que lle explique a toda a cidadanía viguesa cales son os propósitos que o seu departamente ten a respecto da chegada do AVE a Vigo.
Coa presión en Madrid do BNG tense avanzado moito nestes últimos anos, como por exemplo conseguir que o 8% dos investimentos do Estado en materia de infraestruturas veñan para Galiza. Ben é certo que iso non é sufuciente. Si queremos que o AVE chegue no 2012 teñen que se triplicar estes investimentos, doutro xeito non será posible cumprir os prazos.
Etiquetas: AVE, Eixo Atlántico, Fomento, infraestruturas, Vigo

6 de Agosto do 2008 ás 12:52 pm
Eu son dos que pensa que entre todos os políticos andades en campañas pre-electorais xogando co tema do AVE María por ver se así apañades catro votos máis dalgún despistado… non sei se no 2020 teremos AVE ou non…
O que sí sei é que mentres cunha man ensinamos proxectos megalómanos coa outra escondemos CONCESIÓNS administritivas que seguen a vender Vigo Barato…
O centro comercial A Laxe foi xa un exemplo de expoliación socialista da cidade (Peña) pero hoxe veño de ler outro negocio máis do mesmo tenor… Dí Abel Caballero o Alcalde dun Vigo de infografías futuristas que a Praza da Estación (futuro AVE soterrado) terá unha concesión para outro Centro Comercial que será o encargado de construir a nova edificación a cambio da explotación da concesión…?
Mentres tanto leo que o Castillo no Castro vaivos levar 200.000 €uros só para pensar no que ides facer con el… e que seguiremos a ter unha ruina, esta ben visible, ata polo menos o 2010… A ver se con tanto estudo sacades outro centro comercial O Castro…? Por que dito sexa de paso as actuais concesións do monte máis visitado de Vigo deixan moito que desexar… tanto a nivel de atención hosteleira (cambian de camareiros cada tres meses e cada un é máis espabilado co anterior… e os prezos son de terraza de primeira categoría!) como a paralizada obra da Cafetería El Castro que se paseas por riba da muralla e observas o que dende alí se pode ver…. dá noxo!
En fin… todo é negocio polo que se ve.
———
RESPOSTA
Aprezado Erasmo:
A nosa intención a respecto do Castro é moi diferente da que ti imaxinas, segundo as conclusións que fas. Precisamente o noso obxectivo é poñer en valor o Castro, no seu conxunto. Non queremos facer actuacións independentes que desvirtúen o valor que ten o Castro na nosa cidade. Precisamente ese estudo ao que te refires o que pretende é poñer orde en todo o espazo, definindo cales son os usos que ten que ter, como deben ser e cales deben ser os pasos a seguir, así como analizar o estado de todas as concesións. Non queremos improvisar actuacións, queremos ter un verdadeiro plan definido para o Castro que nos permita recuperalo como espazo público e tamén patrimonialmente. O antigo restaurante “El Castillo” é un edificio que desde o noso punto de vista debe desaparecer porque está ocultando un dos elementos de maior importancia que hai no Castro como son as murallas. Estou certo de que vale a pena agardar un pouco e facer as cousas con rigor e cun plan de actuación claro e de futuro. Coido que niso estaremos dacordo.
Unha aperta.
4 de Agosto do 2008 ás 9:32 am
Hola Santi:
Simplemente decirte que adelante con tu trabajo, no os desanimeis, ya que hay unas elecciones a la vuelta de la esquina muy duras.
Tienes que escribir más en tu blog, porque lo del ave queescribistes ya está un poco atrasado.
Gracias y buena suerte
—————
RESPOSTA
Aprezado Juan José:
Moitas grazas polo teu apoio e polo teu ánimo. Tes razón cando dis que debería escribir máis no blog, eu tamén o penso, pero non teño todo o tempo que gustaría para poder dedicarlle tanto a contestar os vosos comentarios como a escribir novos artigos. Seguirei tentando facelo con maior asiduidade.
Unha forte aperta.