O Casco Vello

A emisión dun programa de televisión sobre o Casco Vello leva unha semana protagonizando o debate na cidade. Eu penso que a visión que se ofrecue, sendo real, é parcial e só recolle unha parte da situación do barrio. Pero feita esa reflexión inicial, o que levo varios días tratando de entender é por que parece que o problema existe agora porque sae na televisión. É como se o deterioro do Casco Vello xurdira de pronto ou que a situación de marxinalidade na que viven algunhas persoas acontecera de súpeto. Non é así. A situación do barrio é froito de moitos anos de abandono, e o malo non é que esa realidade ofreza agora a través das pantallas da televisión dos nosos fogares unha mala imaxen da cidade, que tamén, o realmente importante é que esas situacións existen é hai que darlle solución.

Cando negociamos o pacto de goberno puxemos moito interese en asumir a xestión do Casco Vello precisamente porque pensamos que é xa hora de que Vigo recupere o cerne da cidade. Como concelleiro de Cascos Históricos e presidente do Consorcio de Casco Vello teño un compromiso persoal co barrio e o meu obxectivo nestes anos que temos por diante é conseguir que a súa recuperación integral avance con paso firme.

Como dicía ao principio o Casco Vello non é só o que saíu no programa “Callejeros”. Esa é unha parte da realidade, pero non o todo. Hai zonas nas que a recuperación xa se deixa sentir e que deben servir como elemento dinamizador para espallar a rehabilitación a todo o barrio. Porque a transformación do barrio ten que ir máis alá da recuperación de edificios, hai que conseguir tamén a transformación social, facendo que o Casco Vello no seu conxunto sexa de novo un lugar de encontro, unha zona na que os vigueses e viguesas poidan vivir, pero tamén gozar do seu lecer, ir de compras ou desenvolver actividades que agora lle están vetadas.

Grazas, sobre todo, ao tesón e empuxe das xentes do Casco Vello ese obxectivo empeza a coller forza. As administracións temos a obriga de acompañar o proceso e así o estamos a facer. Os andamios que xa se empezan a ver son un bo exemplo. Nunca coma agora houbo unha implicación tan importante tanto da Xunta, a través da Consellería de Vivenda, como do Concello. Sei que hai moitos e moitas escépticos e teñen motivos para esa incredulidade, porque ao longo dos anos houbo oportunidades desaproveitadas e moitas promesas incumpridas. Eu estou certo de que desta vai. Non será un cambio radical, como eses aos que nos teñen afeitos nalgúns programas de televisión que están na antítese de “Callejeros”. Será un camiño que teremos que percorrer entre todos pasiño a pasiño, asegurando cada novo chanzo que subimos, pero no que xa non hai volta atrás. Eu estou firmemente convencido de que é posible e, ademais de seguir pedindo paciencia aos veciños e veciñas, pido tamén que creades que está ao noso alcance conseguilo, pido a vosa complicidade…  

Etiquetas: , , , ,

2 Respostas a “O Casco Vello”

  1. colectivo de jovenes vigueses comentou:

    somos un colectivo de gente joven viguesa que deseamos que no nos roben mas nuestro pasado.Nos gusta la arquitectura y el urbanismo y reclamamos y exigimos que SE SALVE INTEGRAMENTE LA PANIFICADORA porque nosotros no vamos a pagar los errores de los politiquillos de esta maltratada ciudad.

    ————

    RESPOSTA

    Aprezados amigos:

    O desenvolvemento urbanístico dunha cidade enmárcase nunha planificación global recollida no Plan Xeral de Ordenación Municipal, que foi votado pola maioría dos representantes políticos elixidos democraticamente. A democracia implica que os cidadáns e as cidadás elixen aos seus representantes e son estes quenes toman as decisións. Feita esta precisión, entendo que pode haber colectivos que teñan opinión diferentes sobre o que hai que facer coa Panificadora, pero tamén quero que entendades que cando se planifica o futuro da cidade faise en base a informes técnicos. A posición que existe a respecto da Panificadora adoptouse tendo en conta informes técnicos que manteñen que a protección do edificio limítase exclusivamente aos silos. Non foi unha decisión política, senon técnica. Paréceme moi respectable e lexítima a vosa posición, pero que pasaría se agora aparecera un colectivo que defendera a posición contraria a vosa e propuxera tirar tamén os silos. En definitiva, as decisións adóptanse con estudos e análisis técnicos.

    Grazas de todas formas pola vosa achega.

  2. Erasmo comentou:

    Santi pides moito…!

    E para pedir tanto compre dar moito tamén…!

    Estiven vendo o programa sobre este tema na tv local L7 e sinto decirte que NON vin nada concreto por ningún lado.
    Unha de dúas: ou o plano de recuperación do Casco Vello é algo segredo por motivos que só ti coñeces… ou a INFORMACIÓNnon está a chegarlle á cidadanía -coma sempre- que falan dous políticos e tedes esa santa manía de pasarvos media hora botando frores do pasado!

    Queremos saber qué se vai facer? Cómo se vai pagar?Para quen van ser as axudas se chega a habelas…?
    Que servizos se van incorporar ó barrio e con que prazos…?

    Se despois as cousas se retrasan calquera pode comprendelo -agás os políticos- pero para pedir COMPLICIDADE temos dereito a saber onde nos metemos? Non cres?

    Saúdos e ogallá as cousas empecen a coller outro rumbo !

    ————-

    RESPOSTA

    Aprezado Erasmo:

    A concreción está primeiro nos orzamentos, tanto nos do Concello de Vigo como nos do Consorcio do Casco Vello, que este ano son os máis altos en investimentos para o Casco Vello. Dos orzamentos do Concello hai máis de 3 millóns de euros para actuacións no barrio, desde medidas de dinamización do comercio ata obras de humanizacións de rúas; mentras que o Consorcio terá un total de 7.413.500 euros, dos que o 83% están destinados a investimento real para a compra de novos inmobles e a rehabilitación efectiva dos que xa están en propiedade. Este ano en total, imos iniciar a rehabilitación de 11 edificios, cunha superficie construída de 3.332 metros cadrados, dos que resultarán un total de 6 locais comerciais e 32 vivendas protexidas que se ofertarán preferentemente en aluguer. Ademais do investimento destinado a rehabilitación destes 11 edificios, que ascende a un total de 3,10 millóns de euros, o orzamento deste ano reserva unha partida de 2,5 millóns de euros para continuar coa compra de novos inmobles. (3.000 metros cadrados, arredor de 10 novos edificios)

    Evidentemente nos se vai facer en menos dun ano o que non se fixo ata o de agora, pero por poñer só algún exemplo concreto direiche que xa está en marcha un programa de limpeza de pintadas no Casco Vello ou que estamos a piques de poñer en marcha un programa dos “coidadores de barrio”. Son só dúas das iniciativas novas, que se suman ao proceso de continaur mercando vivendas e ao inicio das primeiras rehabilitacións por parte do Consorcio.

    As cousas xa levan outro rumbo, o que lle demos cando chegamos ao goberno e fixamos a nosa prioridade no Casco Vello. O que teño moi claro é que a planificación que temos tanto eu como a conselleira de Vivenda non vai cambiar por un programa de televisión.

    Unha aperta.

Deixa o teu comentario


Pechar
E-mail It