Hai que manter a sensatez

 

A crispación e a confrontación téñense convertido nas protagonistas nas últimas semanas no Concello. A polémica está centrando a actividade política e iso non é bo. Non é bo para a convivencia política, pero o que é máis importante, non é bo para os intereses de Vigo. Os esforzos e tempo que se adican ás disputas van directamente en detrimento do traballo pola cidade. É unha conclusión lóxica.
A orixe desta situación é, sen dúbida, a celebración das eleccións xerais que temos á volta da esquina. A gran preocupación dos dous grandes partidos estatais é nestes intres os resultados desa cita electoral e lamentablemente ese interese estase trasladando ao día a día do Concello. O espectáculo que se está a dar é bochornoso. Non atopo outro calificativo.

 

O BNG non vai entrar nese xogo. Desde logo que eu traballarei para que a miña formación política obteña os mellores resultados posibles nas eleccións xerais, pero nunca utilizando á institución á que represento, nin o cargo que ocupo. Na actividade municipal á cita do 9 de marzo debe quedar ao marxe. É preciso diferenciar ben onde empeza e acaba a nosa responsabilidade como representantes dos vigueses e das viguesas -tanto os que estamos no goberno, como os que están na oposición- e cales son os escenarios desde onde se pode facer campaña electoral.

Estou certo de que do enfrontamento ninguén tirará réditos electorais. Penso que a cidadanía está chea de que perdamos o tempo nesas leas e reproba todo o que está acontecendo. De seguro que está a tomar boa nota das actitudes, feitos e declaracións destes días.
Chegados ata onde nos ten levado
esta situación é preciso que uns e outros recuperen a calma e a sensatez. Aínda están a tempo.

Etiquetas: , ,

4 Respostas a “Hai que manter a sensatez”

  1. Miriam comentou:

    Felicidades pola candidatura de Vigo á Universiada. Este é un grande esforzo que fixeches, como todo o que fas polo ben da cidade. Hoxe máis que nunca síntome orgullosa da miña cidade.
    Un bico moi forte.

    ——

    RESPOSTA

    Aprezada Miriam!

    Moitísimas grazas. Esté un éxito de toda a cidade e o importante agora é que toda a cidade nos axude no reto que temos por diante para que o 31 de maio a ledicia que hoxe temos sexa aínda maior cando se elixa en Bruxelas á cidade que será a encargada de organizar a Universiada do 2013.

    Un bico.

  2. isaac comentou:

    Contestacion a Erasmo:

    As cotas de comunidade a que te refires na rúa Rosalía de Castro, 41-Z corresponden ao local da asociación veciñal “Fonte do Galo”, pois é o Concello o propietario de dito local.

    Recibe un saúdo.

  3. Erasmo comentou:

    Querido Santi… desculpa se non me expresei ben ou din a entender algo distinto ó que pretendía. O das ‘lerias’ era simplemente darche a razón pero AVISARTE de que a cidadanía de a pé estamos fartos de escoitarvos nos Plenos andar de liorta en liorta (non estou falando da túa posición que case sempre é comedida e moi sensata -en serio-).

    Creo sinceiramente que tirar cara adiante é o mellor que un goberno local de progreso pode facer: pero tirar para adiante é tamén CUESTIONAR e INVESTIGAR todo aquilo que se opoña á liña argumental da nosa iniciativa política… e perdoa que insista pero non vexo que esas naves de Bouzas teñan maior sentido cando estamos fartos de PECHAR O MAR !!!

    Pídoche que teñas algo de paciencia coma miña ‘terminoloxía’ que non é xurídica senon ‘popular’: cando digo ESPECULACIÓN supoño que se trata dunha axuda Europea destinada ós Armadores (estamento social non precisamente débil e desfavorecido supoño eu) e polo tanto aínda que non sei (pois non son político profesional nin teño asesorías xurídicas á miña man) cales son as condicións de explotación das citadas naves… vexo como tódalas demáis naves do recheo de Bouzas foron cambiando de man en man… de supoño que sempre en canda ‘traspaso’ alguén recibe a plusvalía correspondente ó paso do tempo!

    De calquera xeito descoñezo a lexislación portuaria ó respecto pero non creo que sexa imposible enterarse do tema e facelo chegar á CIDADANÍA !

    Como vexo que o Luns 3 tedes Xunta de Goberno Local penso que sería boa cousa saber a canto ascende o custe do mantemento anual das vivendas que dispón o Concello na rúa Arxentina… e que seguen baleiras ó meu xuízo dun xeito vergonzoso cando estades falando de vivendas protexidas e demais promesas de futuro: ¿por qué non se sacan en aluguer estas vivendas?

    32.- Aboamento de cotas de comunidade do inmoble situado na rúa Rosalía de Castro 41-Z. Expte. 18260/240. (ESTO NON SEI QUE É)

    33.- Aboamento de cotas de comunidade do inmoble situado na rúa República Argentina nº 12-14. Expte. 18266/240. (Estas supoño que son as vivendas pechadas?)

    Saúde e boa fortuna… e pensa que tamén os políticos deberades reservar algo do voso tempo para facer PEDAGOXÍA POLÍTICA de alcance entre a Cidadanía!

    Unha aperta !

    ——

    RESPOSTA

    Amigo Erasmo,

    As vivendas que son propiedade do Concello as que te refires están no ámbito do proxecto de urbanización de Rosalía de Castro e por elo están, de momento, pendentes da decisión final sobre a sentenza que existe sobre esa urbanización. Por suposto, que en canto se resolva e se normalice a situación haberá de destinalas para uso da cidadanía.

    Un saúdo.

  4. Erasmo comentou:

    Querido Santi o meu consello é que te deixes de lerias e traballes por VIGO e pola calidade de vida dos cidadáns vigueses… estou contigo en que este é o voso traballo e non pasarse o tempo de mitin en mitin ou agardando mellores conxunturas electorais para facer o que temos que facer…

    Deixoche un Vídeo para que vexas en que consite a ultima desfeita que están a perpetrar no peirao de Bouzas… supoño que será outra falcatruada da Zona Franca (como o Edificio da Laxe) pero esta vez incluso dirán que o fan pola competitividade dos nosos mariñeiros…!

    Xa estarás sabedor das novas reglamentacións que van impor ó pescadores deportivos… pois segundo algúns son eles os que esquilman as nosas Rías coas súas canas de pescar… van ter que realizar unha comunicación MENSUAL das súas capturas (pesquen ou non pesquen catro rinchas e dúas fanecas…) para que non lles retiren as Licencias…!

    Pero ós Armadores hainos que seguir axudando polo que se ve no Vídeo…!

    Non hai un xulgado de garda para DENUNCIAR esta Especulación ?

    Vémonos o Domingo 17 de Febreiro ás 12 horas na Alameda de Santiago !!!

    GALIZA NON SE VENDE !!!

    Aínda que Vigo parece estar en SUBASTA PERMAMENTE !!!

    VIDEO
    http://video.google.es/videoplay?docid=-9072827616950499055

    —–

    RESPOSTA

    Amigo Erasmo:
    O que fago cada día é precisamente iso que ti me pides, traballar por mellorar a calidade de vida dos meus veciños e veciñas, especialmente no que atinxe as miñas responsabilidades e competencias, e por extensión ás que lle corresponden aos concelleiros e concelleiras do BNG. Non creo que sexan “lerias” as miñas reflexións sobre o que está acontecendo no Concello ultimamente entre as dúas forzas estatais, porque indirectamente incide no traballo para o que fomos elixidos todos os corporativos. Non creo que sexan “lerias” dicir que hai que deixarse de perder o tempo en confrontacións partidistas, para tirar réditos electorais, e traballar pola nosa cidade. En canto ao que comentas das naves de Bouzas, como xa teño reiterado, penso que non se pode falar de especulación alegremente e, por suposto, que si alguén ten probas de que así é debe poñelo en coñecemento de quen corresponde. Por suposto, que calquera nova construción debe ser respectuosa co seu contorno, pero lamentablemente a desfeita no recheo de Bouzas non é consecuencia do que hoxe se está facendo alí, senón do que se fixo cos continuos aterramentos no pasado. Naquel entón o BNG loitou contra as continuas ampliacións para gañar terreo a nosa ría, posición que continúa mantendo e defendendo.
    Un saúdo.

Deixa o teu comentario


Pechar
E-mail It